28 de feb. de 2019

Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno - Sesión Extraordinaria

O venres 1 de marzo ás 20:45 h. celebrarase unha sesión extraordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión ordinaria do 20-4-2018.
  2. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 07-09-2018.
  3. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 16-11-2018.
  4. Expediente 118/2019. Regulamento do uso do Galego no Concello de Portas.
  5. Expediente 114/2019. Adhesión ao Convenio FEMP-SGAE.
  6. Expediente 135/2019. Moción do Concello de Ribadumia para solicitar o recoñecemento como variedade autorizada de uva tipo Folla Redonda.
Unha semana despois de nós presentar unha nota de prensa denunciando o "apagamento democrático" no concello de Portas, o goberno municipal ten a ben convocarnos a unha sesión extraordinaria pola "URXENCIA DOS ASUNTOS A TRATAR", evidenciando unha vez máis a falta de respecto pola Corporación Municipal e desprezo polos procedementos democráticos.
Convocan unha reunión URXENTE para aprobar a acta dunha sesión celebrada en abril de 2018, ou para aprobar unha moción que o concello de Ribadumia lle remitiu ao concello de Portas o 1 de xuño de 2018.
Existe un acordo plenario polo cal esta Comisión debe reunirse unha vez cada 2 meses en sesión ordinaria. Levamos dende o 20 de abril de 2018 sen sesión ordinarias.
Existe un acordo plenario polo cal o Pleno debe reunirse unha vez cada 2 meses en sesión ordinaria. Levamos dende o 29 de xuño de 2018 sen sesión ordinaria.
A lei impón que os orzamentos deben de estar aprobados a 31 de decembro. Estamos a 28 de febreiro e nin hai orzamentos nin proxecto de orzamentos para o ano 2019.

22 de feb. de 2019

O Partido Popular secuestra as institucións


Sen plenos ordinarios dende xuño e sen orzamentos


O alcalde de Portas non convoca plenos ordinarios dende xuño de 2018 secuestrando o Pleno municipal, máximo órgano de representación dos veciños e veciñas, incumprindo a lei de bases de réxime local e incluso saltándose os seus propios decretos que establecen unha periodicidade de dous meses para os plenos ordinarios.


O deterioro institucional é tal que dende xuño só se celebraron dous plenos extraordinarios, chegando actualmente ao extremo de que nos últimos 3 meses Víctor Estévez non convocou ningunha comisión informativa, nin por suposto ningunha reunión da corporación local.

O BNG de Portas cualifica de “apagamento democrático” o que está a levar a cabo o Partido Popular que se nega incluso a informar á oposición dos decretos e resolucións da alcaldía. De feito a última comunicación que recibiu a oposición é de mediados de novembro.

De igual forma, o concello de Portas segue a día de hoxe, 22 de febreiro, sen orzamentos para o ano 2019. Por non haber, non hai nin sequera proxecto de orzamentos para o ano en curso.
A falta de orzamentos é outra mostra da falta de xestión, de ideas e de iniciativa dun goberno esgotado. Mentres Víctor Estévez conta os días para “librarse” da alcaldía e esquecerse de Portas, a estratexia electoral do PP pasa por esconder a parálise municipal cun apagamento informativo e de foguear ao seu candidato cunha dedicación exclusiva, excepcionalmente ben pagada e concedida unha semana despois de presentalo publicamente.

Segundo un decreto de alcaldía que fixa a periodicidade dos plenos ordinarios, hoxe debería celebrarse unha sesión, sen embargo, non se convocou porque coincide cun acto de presentación dos candidatos do Partido Popular da comarca. Exactamente o mesmo sucedeu no mes de outubro, cando a presentación do candidato do PP no concello de Portas supuxo que non se convocase o pleno ordinario correspondente. Os actos democráticos supeditados aos actos partidistas.

O BNG denuncia o secuestro das institucións municipais por parte do Partido Popular e o seu uso partidista, supeditando os máis básicos principios democráticos aos seus intereses electorais.

4 de feb. de 2019

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O venres 8 de febreiro ás 21:30 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai. Asuntos a tratar:
  • Situación política municipal.
  • Eleccións municipais do 26 de maio.
  • Asuntos varios.
Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.