25 de out. de 2023

Pleno ordinario

O venres 27 de outubro de 2023 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior.
  2. Dación conta da execución trimestral do orzamento correspondente ao 2º trimestre e Período Medio de Pago (PMP) do 2º trim 2023.
  3. Dación conta da execución trimestral do orzamento correspondente ao 3º trimestre e Período Medio de Pago (PMP) do 3º trim 2023.
  4. Dación conta Decretos da Alcaldía do nº 260 de 23/07/2023 a 370 de 23/10/2023.
  5. Rogos e preguntas.


16 de out. de 2023

Moción do BNG para a solicitude de clasificación como Travesía do tramo provisto de beirarrúas na N-550 ao seu paso por Briallos

O abaixo asinante Arturo N. Fontán Pérez, portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de Portas, ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte MOCIÓN para o seu debate e posterior aprobación, se procede, polo Pleno Municipal,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A parroquia de Briallos atópase dividida pola N-550, vía de titularidade estatal, que a cruza de norte a sur. Estas vías reguladas pola Lei 37/2015, de 29 de setembro, de Estradas consideramos que teñen unha excesiva zona de protección para certas partes do territorio de Galiza.

Estas zonas de protección acadan os 50 metros dende a aresta exterior da calzada. Isto implica que en moitos predios non se poida edificar, e noutros non se permita reconstruír casas abandonadas, mentres que todas aquelas parcelas que se atopan edificadas só poidan facer obras de conservación.

En Briallos existe un tramo duns 380 m da N-550, entre os quilómetros 102+650 e 103+030, no que existen os servizos públicos que a continuación se mencionan: abastecemento de auga, sumidoiros de pluviais e saneamento, alumeado público e beirarrúas en ambas marxes da estrada.

No ano 2021 aprobouse definitivamente o PXOM deste Concello, e nel clasifícase a zona do tramo anteriormente mencionado como núcleo rural tradicional e común, pero as distancias de protección impiden realmente que estes terreos poidan prosperar. Por este motivo, entendemos que dende o concello se deberían realizar os trámites oportunos para solicitar a cualificación de Travesía neste tramo de vía.

Segundo o artigo 46 da lei 37/2015 de Estradas, ten consideración de travesía “a parte da estrada na que existen edificacións consolidadas polo menos en dúas terceiras partes da lonxitude de ambas marxes e un armazón de rúas conectadas con aquela en polo menos unha das súas marxes”.

Os estudos de delimitación de tramos urbanos fixan os tramos que se consideran urbanos e os que se consideran travesías. Ademais, fixan as zonas de protección, todo elo segundo as circunstancias de cada marxe da vía, que poderán ser non uniformes e menores ás actuais. O Ministerio de Fomento, a propia iniciativa ou a instancia do Concello tramitará estudios de delimitación de tramos urbanos seguindo o procedemento establecido no artigo 48 da Lei 37/2015 de Estradas.

É por isto que presenta esta moción e solicita o voto favorable do Pleno da Corporación municipal de Portas para a adopción dos seguintes

ACORDOS

  • Levar a cabo cantas xestións sexan necesarias para acadar a cualificación de Travesía do tramo da parroquia de Briallos indicado na exposición de motivos.
  • Realizar o estudio de delimitación de tramos urbanos no tramo mencionado.
  • Solicitar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a cualificación de Travesía do tramo indicado na exposición de motivos para reducir as actuais zonas de protección.





25 de ago. de 2023

Pista deportiva en Briallos: outra tomadura de pelo do PP


En 2015 aprobouse por unanimidade unha moción do BNG para construír en 2016 unha pista polideportiva en Briallos.

O PP votou a favor pero non cumpriu o acordo, non por falta de cartos, porque si tiveron 160.000 € para dúas pistas de pádel na Azucreira, senón porque sempre consideraron que o tamaño (e os votos) de Briallos non xustifican a inversión. Xa o dicía Víctor Estévez: “que os rapaces de Briallos vaian xogar a Portas, como fixemos toda a vida”.

Un mes antes das eleccións municipais de 2023 o PP anunciou a construción dunha pista polideportiva en Briallos do tamaño dunha cancha de baloncesto (28 m por 15 m) e cunha baranda perimetral de cores. Esta é a foto na propaganda de campaña do PP:

Pasadas as eleccións, a gaiola (13.5 m por 7 m) que acaban de construír xunto ao Albergue non chega nin á metade de tamaño do prometido (unha cancha de tamaño oficial é de 28 m por 15 m), pechada por unha reixa de 2 metros de altura e unha porta con pechadura:

Se non é un engano deliberado, paréceo!

A comparación é simple, na imaxe o rectángulo verde representa a pista a escala construída en Briallos, e o rectángulo en branco e negro unha cancha de tamaño oficial.

Tema aparte é o lucrativo e escandaloso NEGOCIO da obra adxudicada a dedo por 48.397,47 € (ver noticia no Facebook do Concello). Se o orzamento fose 2,53 € superior, a obra tería que ser unha licitación aberta e calquera empresa podería presentarse. Casualidade?

Máis de 40.000 € nunha lousa de formigón de 128 m2, unhas vaias de 48 m de longo e 2 m de alto, máis dúas porterías-canastras. NEGOCIO redondo ou roubo consentido?

Na imaxe de abaixo podedes ver os prezos do catálogo comercial de 2023 da empresa cántabra  Manufacturas Deportivas (ver páxina 13). É só un exemplo atopado por internet. Pistas multideporte de maior calidade e moito máis grandes que a construída en Briallos, pero moito máis baratas. Como é posible?

Segundo o proxecto da obra, só as dúas porterías-canastras teñen un custe de 16.659 €!!!!

Se quixésemos mercar exactamente as mesmas porterías-canastras que as colocadas en Briallos podemos atopalas por internet en moitas empresas españolas tres veces máis baratas. Por exemplo:

Por 2.574,90€ en www.MundoSilbato.es.

Por 3.261,37€ en AlserEsport.com.

Por 3.381,89€ en Cartabon.com.

Por 2.505,08€ en EboneFit.com.

Por 3.907,21€ en AlmacenesNorte.es.

Como é posible que as porterías-canastras de Briallos sexan TRES VECES máis caras que as mesmas compradas en calquera empresa do sector??? Quen se está facendo de ouro con este NEGOCIO???

Por riba, fan unha pista deportiva pero péchana con chave, así que os rapaces xa tiveron que rebentar a reixa detrás dunha portería para poder entrar a xogar...



24 de xul. de 2023

Pleno ordinario

O venres 28 de xullo de 2023 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior nº 7 de 7/7/2023.
  2. Expediente 220/2023. Proposta de Alcaldía de 17/7/2023 de aprobación da conta xeral do exercicio 2022, así como os estados e contas anuais anexos á mesma.
  3. Expediente 490/2023. Proposta de festivos locais para 2024.
  4. Dación de conta da composición das comisións informativas.
  5. Dación de conta de resolución de 18/7/2023, sobre delegacións.
  6. Dación de conta de resolución de alcaldía de 30/5/2023 de solicitude de cambio de destino de subvención, a través do Plan Concellos 2021 - Liña 1, para a obra "Melloras no Parque Infantil de Mondoiro"; e dación de conta de resolución presidencial da Deputación de Pontevedra de data 16/6/2023 de concesión de subvención por cambio de finalidade solicitado, por importe de 22.386,00 €, para a obra "Melloras no Parque Infantil de Mondoiro".
  7. Dación de conta de Decretos de Alcaldía do nº 109 de 28/3/2023 ao nº 260 de 23/7/2023.
  8. Rogos e preguntas.


4 de xul. de 2023

Pleno Extraordinario

O venres 7 de xullo de 2023 ás 10:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior 27/6/2023.
  2. Proposta réxime sesións ordinarias. Expediente 436/2023.
  3. Proposta de dedicación exclusiva do cargo de Alcalde.
  4. Proposta de creación, composición e réxime de sesións de comisións informativas permanentes.
  5. Proposta de soporte electrónico actas órganos.
  6. Proposta de indemnizacións por asistencias a órganos colexiados.
  7. Proposta de asignacións a grupos políticos.
  8. Proposta de nomeamento de representantes municipais en organismos e institucións.
  9. Proposta de dación de conta de escritos de constitución de Grupos Políticos municipais.
  10. Dación de conta do nomeamento de Tenentes de Alcalde.



23 de xuño de 2023

Pleno Extraordinario

O martes 27 de xuño de 2023 ás 10:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior 17/6/2023.
  2. Sorteo designación membros mesas eleccións xerais 23/7/2023.



14 de xuño de 2023

Pleno Extraordinario

O sábado 17 de xuño de 2023 ás 10:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 395/2023. Constitución nova corporación municipal e elección de Alcalde.



12 de xuño de 2023

Pleno Extraordinario

O mércores 14 de xuño de 2023 ás 10:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior extraordinaria nº 3/2023, do 28/04/2023.



5 de maio de 2023

Acto Público Aberto

 Domingo 14 ás 12:00 h. na Casa da Cultura de Portas

Intervirán:

  • Susana Antón, candidata
  • Luís Bará, deputado no Parlamento galego
  • Arturo Fontán, candidato


26 de abr. de 2023

Convocatoria Comisión Especial de Contas

O venres 28 de abril ás 20:00 h. celebrarase unha reunión extraordinaria da Comisión Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 24-03-2023.
  2. Expediente 220/2023. Aprobación da conta xeral 2022.


Pleno Extraordinario

O venres 28 de abril de 2023 ás 20:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 31-03-2023.
  2. Expediente 272/2023. Designación membros mesas electorais: Eleccións municipais de 28-05-2023.


1 de abr. de 2023

Resume do pleno do 31 de marzo

  • Douse coñecemento da renuncia da concelleira do PSdG-PSOE. Levaba máis de 2 anos sen asistir aos plenos. O subsituto teoricamente incorpórase no seguinte pleno que será no que se elixan as mesas electorais para as vindeiras eleccións.
  • O PP aprobou os orzamentos de 2023 en solitario sen dedicar nin un segundo a explicar en que se van a destinar. En 31 anos con maiorías absolutas non foron capaces de aprobalos en tempo e forma nin unha soa vez, pero agora prometen que intentarán cumprir para o próximo ano (se gañan as eleccións, terían que engadir). Di o tenente de alcalde que este ano non negociaron os orzamentos coa oposición porque xa falaran o ano pasado!!!
  • A continuación o PP aprobou un “recoñecemento extraxudicial de crédito”. Un procedemento polo cal o concello recoñece que recibiu servizos ou bens de empresas sen a tramitación administrativa pertinente. Compraron cousas sen cartos na partida correspondente do orzamento, sen contrato, sen tramitación, verbalmente, ... todo ilegal e sancionable pero a maioría absoluta vale para todo.
  • Deron coñecemento ao pleno da “liquidación das contas de 2022”. Outro “escándalo”. A metade das partidas do orzamento de 2022 están en números vermellos, é dicir, gastaron máis cartos dos dispoñibles. Non está permitido superar os créditos dispoñibles, pero en Portas faise!!!
  • Deron conta do informe anual sobre as resolucións adoptadas polo Alcalde contrarias aos reparos de 2022. O Alcalde levantou 44 reparos en 2022. As facturas con reparos suman en total 939.785,54€ (a metade do orzamento). Outra barbaridade, unha máis. O informe da secretaria (en comentarios) fala de “infraccións graves” que deberían dar lugar a sancións. Bótanlle a culpa a que a secretaría non traballa suficiente, non teñen vergonza.
  • Douse coñecemento do “Informe resume anual de control interno 2022” (tamén en comentarios). Outro escándalo, un máis, que máis dá! Non hai persoal suficiente, o que hai non ten formación, non se seguen os procedementos administrativos mínimos, todo se contrata verbalmente, e segundo o PP a culpa é de quen denuncia este despropósito de xestión.
  • VUP preguntou se o goberno municipal ía atender a petición do BNG de corrixir o ancho previsto do campo de fútbol de Romai (agora 54 m cando o mínimo recomendado é de 60 m). O alcalde respondeu que a corrección dependerá de se a empresa adxudicataria ofrece algunha mellora. Se non, quedará en 54 m. Continúa a chapuza.
  • O concello asinou un convenio co concello de Caldas de Reis para que un “administrativo de urbanismo” de Caldas lle axude á arquitecta de Portas durante 2 meses para axilizar trámites do servizo de urbanismo. Non se sabe en que consiste o convenio, nin cando custa. O alcalde limitouse como sempre a botarlle a culpa aos demais, que o concello estea tardando 2 anos en dar unha licenza non é culpa del...
  • O PP pagou 9.680€ por un documento denominado “Redacción de Documento de Corrección de Errores en el Plan General de Ordenación Municipal del Concello de Portas”. A mesma empresa que fixo unha chapuza de PXOM cobrando máis de 140.000 €, agora volve cobrar por corrixir os seus propios erros. Xogada redonda!!! O BNG foi o único grupo que se opuxo ao PXOM, e o único que denunciou que tiña mil erros antes de aprobarse. O alcalde paga os seus erros con cartos de todos.
  • En novembro aprobouse o convenio coa APLU (axencia da legalidade urbanística de Galicia). 4 meses despois, o alcalde non sabe dicir porque aínda non se asinou.

28 de mar. de 2023

Pleno Ordinario

O venres 31 de marzo de 2023 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 30-01-2023.
  2. Expediente 147/2023. Renuncia o cargo de concelleira de Rocío Touriño Reboredo.
  3. Expediente 152/2023. Ratificación do decreto de solicitude de axudas en relación decreto 99/2012 de 16 de marzo 2012 da consellería de política social polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento (plan concertado).
  4. Expediente 172/2023. Aprobación do Orzamento municipal para o exercicio 2023.
  5. Expediente 196/2023. Recoñecemento extraxudicial de crédito nº rec-1/2023.
  6. Dación de contas. Decretos de Alcaldía dende o 25-01-2023 o 28-03-2023.
  7. Dación de contas. Plan Concellos 2022-2023.
  8. Dación de contas. Liquidación 2022.
  9. Dación de contas. Informe anual sobre as resolucións adoptadas polo Alcalde contrarias aos reparos 2022.
  10. Dación de contas. Informe resume anual control interno 2022.
  11. Rogos e preguntas.


21 de mar. de 2023

Convocatoria Comisión Especial de Contas

O venres 24 de marzo ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 18 de novembro de 2022.
  2. Expediente 172/2023. Aprobación do Orzamento municipal para o exercicio 2023.
  3. Expediente 196/2023. Recoñecemento Extraxudicial de Créditos nº1/2023.
  4. Rogos e preguntas.


3 de feb. de 2023

Resume do pleno do 30 de xaneiro


· Aprobado un convenio entre os concellos de Caldas e Portas para conectar o futuro saneamento dos lugares de O Ameal, Valsordo e Penalta (lugares de Caldas) á “depuradora” de ponte Goldar en Briallos. 6 votos a favor (5 PP + 1 VUP) e 2 abstencións (BNG). Nós abstivémonos porque sendo moi positivo que haxa colaboración mutua entre concellos, consideramos que se está enganando aos veciños e veciñas de Briallos e de Caldas, cóbraselles unha taxa por depurar pero a “decantadora” de Briallos non depura (ver fotos de setembro de 2020). Ademais estanse falseando os datos, pois segundo o concello de Portas, os lugares de O Ameal e Valsordo supoñen o mesmo número de habitantes conectados que todo Briallos, todo para xustificar que non se superan os límites da “decantadora”.



·  APROBADA por UNANIMIDADE a moción do BNG para esixir a adopción de medidas urxentes para garantir a atención sanitaria pública no concello de Portas. Non se cobren nin baixas nin vacacións do persoal no centro de saúde, non hai médicos no PAC comarcal de Caldas, non hai pediatras comarcais, non hai médicos suficientes nas urxencias do hospital Montecelo e as listas de espera para probas diagnósticas, especialistas ou intervencións cirúrxicas non paran de medrar. A política ideolóxica privatizadora do PP está a desmantelar a SANIDADE PÚBLICA. Esperamos que o grupo de goberno non votase a favor só para manter as aparencias e cumpra os acordos e faga chegar as demandas de Portas á Xunta de Galiza.

·  A Valedora do Pobo respondeu a nosa queixa de hai un ano dándonos a razón, o alcalde ten obriga de contestar as nosas preguntas, de feito entregoulle un “recordatorio de deberes legais” que Ricardo aceptou formalmente. Sen embargo, esta vez o alcalde tampouco respondeu a onde foron destinados 4 camións de formigón. Sabemos que acabaron na pista dos cabalos de Romai, pero o alcalde antes de recoñecelo prefire mentir. Ricardo Martínez ordenou facer unha obra sen licenza con cartos públicos nun terreo privado (da Comunidade de Montes de Romai) e ocultou os gastos cunha factura dunhas inexistentes obras no colexio de Portas. Pódese ser máis ruín?

· Volvemos preguntar por terceiro pleno consecutivo por unha factura dunha comida relativa a “Erasmus Plus”. Desta vez si respondeu o alcalde. Resulta que o concello xestionou unha viaxe a Italia a través do programa Erasmus Plus destinado a mozos e mozas do concello, pois resulta que entre os asistentes á viaxe, que foron escollidos a dedo (Ricardo usa o eufemismo de “por invitación”), está unha “familiar directa” do alcalde. Nepotismo en estado puro.

·  Denunciamos a nefasta xestión do grupo de goberno co envío masivo de cartas ameazantes e con erros para a xestión da biomasa nas faixas secundarias. O alcalde recoñeceu que todas as cartas enviadas tiñan mal o nome das fincas e que as asinou sen saber o que asinaba.

· Denunciamos que na Ponte Chaín unha casa de turismo rural ven sufrindo dende hai meses desbordamentos da rede de augas residuais diante da casa cada vez que chove, causando graves prexuízos económicos e de salubridade, sen que o concello faga absolutamente nada.

· Denunciamos que un ano máis o concello está cos orzamentos prorrogados. En 31 anos de maiorías absolutas, o PP non foi quen de aprobar os orzamentos en tempo e forma nin unha soa vez. O desprezo polo rigor administrativo é absoluto.

· Preguntamos pola compra de 2 canastras de baloncesto por 15.000 euros. A resposta do alcalde é que son para o pavillón de Portas. As canastras de máximo nivel que había foron desmanteladas e tiradas. Por que non se aproveitaron para o pavillón de Romai que non ten?

· Denunciamos a situación do lavadoiro da Regueira en Fontenla. Un veciño lindante está outra vez aterrando a propiedade veciñal sen que o concello de Portas faga nada. Xa en 2008 o concello tivo que gastar 12.000 euros en reconstruír a estrutura. O PP négase a cumprir as múltiples mocións do BNG que foron aprobadas para recuperar a fonte-lavadoiro.


· Denunciamos a pasividade do alcalde a respecto da estrada Romai-Portas. Hai 6 meses, aprazamos a recollida de sinaturas porque o alcalde se comprometera a traballar para conseguir os terreos necesarios para reformar a estrada, pero agora di que non sabe nada, que non fixo nada e que toda a culpa é da Deputación. A realidade é que a Deputación se comprometeu a completar a reforma da estrada coa única condición de que o concello poña á súa disposición os terreos necesarios. REFORMAR A ESTRADA É CUESTIÓN DE TRABALLO PARA CONSEGUIR OS TERREOS, PERO O GRUPO DE GOBERNO ESTÁ DESAPARECIDO.





27 de xan. de 2023

Pleno Extraordinario

O luns 30 de xaneiro de 2023 ás 21:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación declaración de urxencia da sesión extraordinaria.
  2. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 30-12-2022.
  3. Expediente 62/2023. Convenio co Concello de Caldas de Reis para a regulación da autorización de uso da rede municipal de saneamento e depuración do Concello de Portas e o establecemento do réxime de pagos en concepto de compensación económica para a EDAR de Briallos.
  4. Expediente 61/2023. Moción do BNG sobre a adopción de medidas urxentes para garantir a atención sanitaria pública no Concello de Portas.
  5. Período medio de pago a proveedores 4º trimestre 2022.
  6. Decretos da Alcaldía do 23-11-2022 a 25-01-2023.
  7. Dación de contas Plan Concellos 2022-2023.
  8. Rogos e preguntas.