O pleno transcorreu tal como se esperaba. Dunha parte, o voceiro do Bloque enumerou algúns dos numerosos escándalos nos que está implicado o Alcalde, e pediulle ao grupo popular que fixese un exercicio de autoreflexión e responsabilidade para que fosen quen de antepoñer os intereses dos veciños e veciñas de Portas aos intereses particulares do Alcalde. Doutra parte, o Alcalde acurralado pola oposición e polos procesos xudiciais abertos contra el, continuou coa súa particular fuxida cara adiante, negando todas as imputacións e acusando á oposición de orquestrar unha conspiración contra el, montando un xuízo paralelo.
O Partido Popular, apoiado na súa maioría absoluta, impediu a reprobación do Alcalde, pero non puido evitar que se evidenciase que hai un grupo, o popular, desgastado e consumido polos procesos xudiciais, mentres que doutro lado atópase un grupo forte que traballa para resolver os problemas reais da xente, propoñendo ideas en lugar de causar problemas.