23 de maio de 2011

Agradecemento e felicitacións

O Bloque Nacionalista Galego de Portas desexa felicitar a todos os veciños e veciñas de Portas pola súa alta implicación nas eleccións deste domingo. Así mesmo quere agradecer a confianza depositada polos nosos votantes, e  da que esperamos demostrar  ser merecedores ao longo dos vindeiros catro anos.

No BNG de Portas consideramos, sen caer no conformismo, como positivo o resultado obtido, pois logramos manter o noso teito acadado hai catro anos, malia as tristes circunstancias que tivemos que atravesar nun pasado recente.

Por último, desde o BNG de Portas desexamos facerlle chegar publicamente (xa o fixemos persoalmente) ao Partido Popular de Portas, aos seus candidatos e a todos os seus votantes, os nosos parabéns polo seu triunfo e desexarlles unha xestión propicia para os intereses de Portas e os seus habitantes. Para que esta poda ser realidade, desde o BNG, comprometémonos, tanto co goberno entrante, coma con todos os veciños e veciñas de Portas, a apoiar firmemente todas as iniciativas encamiñadas a acadar o progreso social, económico e cultural de Portas.

19 de maio de 2011

O Partido Popular incumpre as ordes do alcalde en relación coa pegada de carteis electorais

Está prohibido pegar carteis nas marquesinas e nos colectores do lixo, pero como se pode observar nas fotografías esta prohibición non está sendo respectada polo Partido Popular, co agravante de usar cola para pegalos.
Marquesina na Ponte (Romai) en fronte da casa do candidato do PP e na entrada do parque biosaudable.
Marquesina na praza de Xagobe (Romai).
Marquesina en Avioso (Romai).
Marquesina na Costa (Romai).
Carteis do PP pegados con cola nas portas do pavillón de Portas. Os do PSOE están pegados con cinta adhesiva.
Marquesina no Outeiriño (Briallos).
O alcalde ordeou que non se podía pegar publicidade electoral no mobiliario municipal (ver web do concello):
"En sesión plenaria celebrada ó dia 29 de Abril do 2011, acordouse por unanimidade de todalas forzas politicas que teñen representación, o seguinte:
Compromiso de todo/as de non pegar ningun cartel publicitario de ningún partido politico, nas marquesinas utilizadas para resgarda rde cando se espera polo bús e tamén nos contedores do lixo por ser unha imaxe sucia no concello, asimesmo o concello facilitarán unhs taboleiros, postos para a ocasión distribuidos por parroquias, e postos estratexicamente para tal fin".
Esta información da web do concello non é certa pois no pleno de 29 de abril non se tomou tal acordo. O que si sucedeu nese pleno foi que o alcalde no punto de "informe da presidencia" prohibiu pegar carteis electorais nas marquesinas e nos colectores. Nese punto da orde do día non se tomaron acordos porque non se pode someter a votación o "informe da presidencia". Sen embargo, todos os grupos políticos expresamos a conveniencia da medida.

O concello de Portas non ten cartos nin para manter a finca da Azucreira

A herba medra sen control.
A finca da Azucreira está en situación de abandono absoluto (ver galería de fotos). O grupo de goberno do PP utiliza a finca da Azucreira como vertedoiro de escombros e :
- a herba e as silveiras medran sen control,
- as escombreiras e os depósitos de terra atópanse por todos lados,
- o local social está sendo explotado economicamente por unha persoa particular sen concesión pública,
- a escola infantil e o centro de día subminístranse dun xerador eléctrico,
- a piscina climatizada municipal leva un ano paralizada,
- o miradoiro da cheminea pechado,
- ...
As arcas municipais están baleiras e o pasado luns 9 de maio o grupo de goberno tivo que pedir outro anticipo urxente de 350.000€ á Deputación de Pontevedra para poder pagar soldos dos empregados municipais e os gastos correntes.
O PP usa a finca da Azucreira como vertedoiro.
Materiais de construción abandonados xunto á piscina.
A nefasta xestión económica do goberno municipal está a levar á ruína ao concello de Portas.
Non nos podemos permitir luxos supérfluos e innecesarios como unha piscina climatizada e un miradoiro nunha cheminea.

18 de maio de 2011

16 de maio de 2011

Outra tomadura de pelo do Partido Popular de Portas

Pinchar para agrandar
Estes días, faltando menos dunha semana para as eleccións municipais, o grupo de goberno editou un novo número do "Boletín Informativo" (maio 2011).
O BNG denuncia o uso partidista dos recursos municipais para facer campaña electoral a prol do Partido Popular. Dende maio de 2007, coincidindo tamén con campaña electoral, o concello de Portas non volveu a editar boletíns informativos ata: decembro de 2010 e logo en marzo, abril e maio de 2011. Os boletíns informativos son redactados por persoal do concello, impresos cos medios do concello e entregados nos buzóns por un funcionario municipal.
Estes panfletos só conteñen información sesgada e manipulada, coa clara intención de influir na bontade dos electores de cara ás vindeiras eleccións locais do 22 de maio.
Nestes boletíns, o grupo de goberno atribúese obras nas que non participa, e só informa de obras subvencionadas por administracións gobernadas polo seu propio partido, non advertindo da orixe dos fondos se  a obra é financiada por administracións gobernadas por outros partidos. Novamente, cunha clara intención de influir na campaña electoral.
Por suposto non se informa da solicitude dun crédito urxente o pasado luns por valor de 350.000€ ou que absolutamente ningunha das obras é financiada polo concello.
Un bo exemplo destas afirmacións pódese atopar en calquera do boletíns, pero especialmente no boletín de maio de 2011, onde podemos atopar o anuncio de varias festas ou información de obras en execución que deberían estar rematadas hai anos (pinchar na imaxe para agrandar).
Obra 1: financiada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Provincial de Cooperación 2010. ESTAMOS EN MAIO DE 2011.
Obra 2: financiada pola Consellería de Medio Rural a través do Plan de Infraestruturas Rurais 2010. ESTAMOS EN MAIO DE 2011.
Obra 3: financiada pola Consellería de Medio Rural a través do Plan de Infraestruturas Rurais 2010. ESTAMOS EN MAIO DE 2011. A depuradora de Fontenla leva máis de 3 anos instalada pero sen poñer en funcionamento porque non tiña subministro eléctrico porque o concello se esquencera da súa necesidade.
Obra 4: financiada pola Sociedade Pública de Investimentos de Galicia a través do Plan de Accesos a Explotacións Vitivinícolas e Gandeiras 2009. ESTAMOS EN MAIO DE 2011.
Obra 5: financiada pola Consellería de Medio Rural a través dos Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural 2010. ESTAMOS EN MAIO DE 2010.
Obra 6: menos mal que as fontes se limpan unha vez ao ano.
Obra 7: financiada pola Xunta de Galicia cun orzamento de case 200.000€. A única prioridade para o PP é a Azucreira.
Obra 8: proxectada, executada e financiada 100% pola Comunidade de Montes de Briallos. O concello de Portas non colaborou absolutamente en nada, só dou o permiso para que se colocase a fonte no Albergue de Peregrinos de Briallos. Atribuirse esta obra é falsear a realidade.

Obras que se tiñan que haber feito en 2009 e 2010, estanse a realizar en maio de 2011 coa única intención de concentrar a execución de obras en campaña electoral. Esta actitude do Partido Popular e do seu candidato Roberto Vázquez mostra unha vez máis os seus métodos caciquís e antidemocráticos.
As mentiras, as falsidades, a opacidade, a venda de favores ou o nepotismo serán actitudes desterradas do concello de Portas se o BNG acada a responsabilidade de goberno.

15 de maio de 2011

Mitin central do BNG de Portas

Onte celebrouse o mitin central de Portas na Escola de Nenas de San Xoán (Portas), onde interviron Rafa Ruibal (nº 2 da candidatura), Teresa Táboas (deputada e ex-conselleira) e Arturo Fontán (candidato á Alcaldía de Portas).

13 de maio de 2011

Biblioteca itinerante e dinamización da biblioteca pública

Propostas do BNG de Portas a favor das Letras Galegas

Na proximidade desta data tan sinalada para a nosa lingua e cultura, como é o Día das Letras Galegas, o Bng de Portas quere dar a coñecer dúas propostas recollidas no seu programa de goberno, nas que manifesta o seu compromiso cun acceso democrático á cultura de todos os veciños e veciñas de Portas, potenciando a Biblioteca Pública e levándoa ás parroquias:
-A creación dunha Biblioteca Itinerante, que, unha vez ao mes, visite cada parroquia (un ou varios puntos de parada en función da distribución da parroquia) levando unhas propostas de lectura,e tome nota de peticións que atendería na visita seguinte. Este servizo implicaría un custo moi pequeno e non interferiría demasiado no funcionamento habitual da Biblioteca (pecharía unha tarde ou mañá á semana). E facilitaríalle o acceso a nen@s e adultos que teñen dificultade en se desprazar ata A Rapeira.
-Potenciación da Biblioteca Pública cunha serie de medidas que a fagan máis atractiva para os veciños e veciñas:
  • Asignación de un orzamento para adquisición de fondos, que lle posibilitaría non só mercar directamente máis libros, senón tamén acceder a outros recursos gratuítos, para os cales é un requisito imprescindible ter establecida unha     asignación económica.
  • Promover a cesión temporal de bibliotecas ou coleccións privadas, contribuíndo a aumentar a oferta lectora.

O Bloque Nacionalista Galego non quere deixar de recoñecer o labor desempeñado polas persoas ao cargo da Biblioteca Pública, a pesares da cativeza de recursos de que dispoñen, e comprométese a subsanar estas carencias.

No Bng temos o convencemento de que hai formas, como esta proposta, máis xuizosas e beneficiosas para os veciños e veciñas de Portas, de investir os 4000€ que o Concello malgastou en chamadas a un programa de televisión.