24 de xan. de 2013

O BNG reclama a reparación urxente da pontella entre Portas e Arcos da Condesa

O alcalde "reprende" pero non asume a súa responsabilidade

Nos últimos días fíxose público que o alcalde de Portas “reprendeu” ao seu homólogo de Caldas de Reis por pechar ao tráfico rodado unha pontella (que pertence a Caldas de Reis) que cruza o río Chaín e que comunica as parroquias de Portas e Arcos da Condesa.

O BNG quere lembrar que hai catro anos, o 21 de febreiro de 2009, xa presentara unha moción no concello de Portas na que denunciaba o deterioro da pontella e esixía a reparación urxente da mesma. A moción foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario celebrado o 24 de febreiro de 2009.
Roberto Vázquez comprometérase a buscar unha solución e a trasladarlle a problemática da pontella a Augas de Galicia e ao concello de Caldas de Reis. Dende entón, nin a pontella foi reparada, nin o alcalde cumpriu os seus compromisos, subestimando o problema.
Roberto Vázquez non asumiu as súas responsabilidades e agora pretende trasladarlle as consecuencias da súa inacción aos demais.
A pontella ameaza ruína e a pista que comunica a Rapeira con Arcos está en estado lamentable. Pontella e pista necesitan unha reparación urxente.

O Bloque Nacionalista Galego esixe que se repare de forma urxente a pontella sobre o río Chaín, e pídelle ao alcalde de Portas que traballe en beneficio dos veciños e veciñas sen trasladar aos demais as súas responsabilidades.

Foto tirada o 20/1/2013. Apréciase o afundimento do piar dereito.
Foto tirada o 20/1/2013. Apréciase o afundimento das lousas da dereita.
Foto tirada o 20/1/2013. Apréciase o afundimento das lousas na marxe esquerda.


8 de xan. de 2013

Convocatoria da asemblea local de Portas

O sábado 12 de xaneiro ás 20:00 h. celebrarase unha asemblea IMPORTANTE no local da antiga cámara agraria de Portas.

Asunto a tratar: Debate sobre o futuro do nacionalismo e a revitalización do BNG.

Rógase asistencia e puntualidade. A túa opinión importa, non faltes!!!

Están convidados tod@s @s simpatizantes e amig@s. Dádelle a máxima difusión.

Nos seguintes enlaces podedes atopar:
- máis información sobre o debate interno (http://www.bng-galiza.org/proponconnosco/)

Antiga Cámara Agraria. No interior está o pequeno local cedido polo concello para as reunións do grupo municipal do BNG.

24 de dec. de 2012

Pleno ordinario

O venres 28 de decembro de 2012 ás 14:00 h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:

1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
3. Rogos e preguntas.

Nota: non sabemos se é unha "inocentada" pero é a primeira vez en moitísimos anos que se vai a celebrar un pleno no concello de Portas a unha hora distinta das 14:50 h.

Novamente lamentamos que por vontade do grupo de goberno os plenos ordinarios se teñan convertido en actos totalmente intrascendentes e baleiros de contido, malgastando os cartos dos contribuíntes e desprezando a labor da oposición.

22 de nov. de 2012

O BNG reclama modificar as ordenanzas fiscais

As novas taxas municipais provocan indignación

Nas últimas semanas os veciños e veciñas de Portas están recibindo nos seus domicilios os avisos de cobro correspondentes ao primeiro semestre de 2012 das taxas polo abastecemento de auga e a recollida de lixo. Estes recibos reflicten por primeira vez as modificacións das ordenanzas fiscais aprobadas o pasado mes de decembro polo goberno municipal, por aquel entón aínda do Partido Popular. No seu día, o goberno municipal rexeitou as alegacións dos veciños e veciñas a pesares de ir acompañadas de máis de 700 sinaturas e agora a indignación é masiva.
O BNG opúxose ao incremento das taxas municipais por consideralo desproporcionado, indiscriminado e inxusto. Desproporcionado por supor incrementos do 1700% en moitos casos, indiscriminado por non ter en conta a situación económica particular das familias ou o tamaño das empresas e inxusto porque fai recaer nos veciños e veciñas de Portas as consecuencias dos excesos e a mala xestión do goberno municipal nos últimos vinte anos.
As novas taxas municipais son un auténtico espolio aos emprendedores e emprendedoras de Portas, que sofren indignados unhas taxas que son moi superiores ás dos concellos do entorno.

O Bloque Nacionalista Galego esixe que se modifiquen de forma urxente as ordenanzas fiscais reguladoras das taxas municipais para adaptalas á realidade social e económica do concello, e para acadar este obxectivo, adoptará todas as medidas que estean ao seu alcance.

13 de nov. de 2012

Proceso e estado de tramitación do PXOM

Nestes momentos atópase en redacción o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello de Portas, un documento de extrema importancia para o futuro desenrolo do concello que influirá en gran medida na vida dos veciños e veciñas.
O grupo de goberno, composto polos concelleiros dimitidos do Partido Popular (ex-PP), novamente incumprindo os seus compromisos e promesas están a manter todo o proceso de tramitación do PXOM no máis absoluto secretismo, obscurantismo e depotismo, sen considerar a participación e aportación dos axentes sociais, asociacións, comunidades de montes, oposición, ...
Ante as numerosas dúbidas que ao respecto da tramitación do PXOM ten a cidadanía, o BNG de Portas pon a disposición de todos a seguinte información que pretende aportar un pouco de luz a este proceso.

O proceso de tramitación dun PXOM resúmese nas seguintes fases (ver normativa):

1ª FASE (elaboración do planeamento):
- Recopilación de información.
- Transmisión de información da Consellería de Territorio, Medio Ambiente e Infraestruturas (MATI).
- Redación do Documento de Inicio.
- Información Pública do Documento de Inicio (1 mes).
- Obtención do Documento Ambiental de Referencia (ou simplemente Documento de Referencia).
- Elaboración do Informe de Sustentabilidade Ambiental.

2ª FASE (tramitación do planeamento):
- Emisión de informe de conformidade coa lexislación vixente.
- Remisión do expediente completo á MATI (Documento de Aprobación Inicial).
Informe Previo da MATI. *
- Aprobación Inicial do plan por parte do concello.
- Período de consultas e información pública do Documento de Aprobación Inicial (2 meses).
- Obtención dos Informes Sectoriais.
- Elaboración do Informe de Participación e Consultas.
- Elaboración do Documento de Aprobación Provisional (expediente completo) e da proposta de Memoria Ambiental.
- Obtención da Memoria Ambiental.
- Aprobación Provisional do Pleno do Concello.
- Remisión do Documento de Aprobación Provisional á MATI para Aprobación Definitiva.
- A MATI procederá á: aprobación definitiva, ou solicitude de modificacións, ou denegación por inviable.

*: situación actual de tramitación do PXOM do concello de Portas. A emisión do Informe Previo por parte da MATI realizouse o pasado 2 de outubro de 2012. Este informe é moi crítico co Documento de Aprobación Inicial presentado polo grupo de goberno (ex-PP) apreciando innumerables erros, algúns deles tan burdos como o propio nome do concello de Portas (parece que ata en documentos tan importantes como un PXOM se emprega o "cortar e pegar" indiscriminadamente).

Pinchando nas ligazóns pódense obter os seguintes documentos:

9 de nov. de 2012

Convocatoria da asemblea local de Portas

O sábado 10 de novembro ás 20:00 h. celebrarase unha asemblea no local da antiga cámara agraria de Portas.
Trataranse os seguintes temas:
- análise dos resultados electorais e situación actual,
- estratexia de traballo futuro,
- varios.
Rógase asistencia e puntualidade.

26 de out. de 2012

Lotaría do nadal 2012

Temos á venda lotaría do nadal, se alguén está interesado/a podedes poñervos en contacto persoalmente con calquera dos membros do grupo municipal do BNG de Portas, ou a través do noso correo electrónico, blog ou páxina de Facebook.