1 de ago. de 2013

Pleno extraordinario para aprobación inicial do PXOM

O Grupo de Goberno búrlase da cidadanía impoñendo un documento sen participación veciñal

Mañá venres 2 de agosto ás 14:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do concello de Portas para proceder á aprobación inicial do PXOM.
Os traballos de redacción do PXOM iniciáronse en marzo de 2009 coa sinatura do contrato entre o concello e a empresa OAU (Oficina de Arquitectura y Urbanismo). Dende entón nin empresa nin concello mantiveron o máis mínimo contacto coa oposición con motivo do PXOM ata o pasado mércores 24 de xullo en que se nos convocou, con menos de 24 horas de antelación, para presentarnos un documento rematado e pechado.
Foron múltiples as ocasións en que o goberno municipal e o equipo redactor prometeron diálogo e participación veciñal, e foron múltiples as ocasións nas que o BNG solicitou reunións entre o equipo redactor e a corporación municipal, sen embargo, tanto equipo de goberno como equipo redactor se negaron.
Esta forma de actuar mostra por unha banda a actitude antidemocrática do grupo de goberno pero por outra unha falta de profesionalidade por parte do equipo redactor.
Roberto Vázquez e o seu grupo de concelleiros, dimisionarios do PP, nun acto de perversión e burla do sistema democrático, confundindo maioría absoluta con ditadura, tratan de impoñer un documento redactado no máis absoluto secretismo, obscurantismo e depotismo que marcará o desenvolvemento do concello nos próximos 30 ou 40 anos.
As caixas cos documentos do PXOM foron depositadas no concello o pasado mércores 24 de xullo, sen ningún tipo de previo coñecemento da oposición, e seis días laborables despois pretenden aprobalo inicialmente. O grupo de goberno pretende que a oposición estude e valore un documento enormemente extenso e complexo que tardaron 52 meses en redactarse en tan só seis días laborables, podendo só consultalo no concello e en horario de mañá, e para mais dano en datas vacacionais.

O Bloque Nacionalista Galego rexeita categoricamente nas formas e no fondo a proposta de PXOM e oporase con todos os seus medios dispoñibles ao que considera unha burla, un insulto e un atropelo aos veciños e veciñas de Portas.

30 de xul. de 2013

Pleno extraordinario

O venres 2 de agosto ás 14:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:

1. Aprobación actas sesións anteriores.
2. Aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Portas.


22 de xul. de 2013

III Comida-Xuntanza na Illa de Cortegada


O próximo sábado 3 de agosto o BNG de Portas celebra unha comida-xuntanza na Illa de Cortegada.
Cada un leva a súa comida e a súa bebida e logo alí compartimos. Tod@s @s amig@s do BNG de Portas estades convidad@s.
Quedamos no peirao de Carril a partires das 10:30h. O "barqueiro" terá que facer varias viaxes, así que non hai problema en chegar máis tarde (ás 12 ou 13h).
O plan é que os rapaces poidan desfrutar da praia antes de comer. Despois da comida: sesta, paseo pola Illa (45'), praia e desfrutar da compañía.

No caso improbable de que chovese, buscamos un sitio cuberto para comer e seguimos coa festa... o importante é xuntarse!

26 de xuño de 2013

Pleno ordinario

O venres 28 de xuño de 2013 ás 14:50h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:

1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Informe da Presidencia: preferentes.
3. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
4. Rogos e preguntas.

Prevese que asistan representantes da Asociación de Afectados polas Preferentes da comarca do Umia. Necesitan todo o apoio que se lles poida dar, animamos aos veciños e veciñas de Portas a asistir.

20 de xuño de 2013

Convocatoria da asemblea local de Portas

O domingo 23 de xuño ás 12:00 h. celebrarase unha asemblea no local da antiga cámara agraria de Portas.

Asuntos a tratar:
- Liña política.
- Planificación e reforzamento do grupo.
- Asuntos varios.

Rógase asistencia e puntualidade.

Como sempre, están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

24 de abr. de 2013

Pleno ordinario

O venres 26 de abril de 2013 ás 14:50h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:


1. Aprobación actas sesións anteriores.
2. Informes da Presidencia.
3. Coñecementos resolucións da Alcaldía.
4. Rogos e preguntas.

Como sempre, outro pleno ordinario absolutamente baleiro de contido. Mentres seguimos sen Orzamento para o ano 2013 e iso que estamos a finais do mes de abril.

11 de abr. de 2013

Pleno extraordinario pola supervivencia da Cultural Deportiva Portas

O goberno local obrigado a ceder ante a presión social

Mañá, venres 12 de abril ás 14:50 h. celebrarase sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Portas a petición do grupo municipal do BNG.
Os asuntos da orde do día son:

  • Elaboración dunhas bases reguladoras de concesión de subvencións, para evitar a concesión discrecional de subvencións e frear as prácticas irregulares do goberno local.
  • Sinatura dun convenio de colaboración entre o concello e a Cultural Deportiva Portas.

Dende que o BNG rexistrou no concello a solicitude de pleno extraordinario o pasado 25 de marzo, o goberno local viuse forzado pola presión social a cambiar radicalmente a súa posición sobre a C. D. Portas. Pasou de negar a débeda a recoñecer parte dela e incluso facer xa varios pagos.
A pesares deste cambio de posición, o grupo de goberno segue sen recoñecer o problema principal que non é máis que a viabilidade futura das escolas deportivas en Portas. O BNG considera que a solución pasa por asinar un convenio de colaboración pactado entre ambas partes, o cal demandará na sesión plenaria.

O Bloque Nacionalista Galego demandará un convenio de colaboración entre concello e a C. D. Portas que garanta o mantemento do deporte base, así como a elaboración dunhas bases reguladoras de concesión de subvencións.