7 de xul. de 2015

Pleno Extraordinario

O venres 10 de xullo de 2015 ás 20:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación certificación número 1 - Final obra "Alcantarillado en Briallos e limpeza de camiños municipais" (PPOS/15).
  2. Aprobación certificación número 1 - Final obra "Mellora e acondicionamento de vial en Vilavedra-Romai" (PPOS/15).
  3. Aprobación certificación número 1 - Obra "Acondicionamento exteriores e pavimentación pistas no pavillón de deportes de Romai" (PPOS/15).
  4. Coñecemento proposta da Alcaldía s/prórroga contrato arquitecta municipal.
Entre este pleno e o anterior só hai 15 minutos, así que pensan despachar o pleno de organización do concello pola vía rápida.

Pleno Extraordinario

O venres 10 de xullo de 2015 ás 20:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación acta de constitución da corporación do día 13 de xuño.
  2. Proposta de periodicidade das sesións do Pleno.
  3. Coñecemento da constitución dos grupos políticos e designación dos seus voceiros.
  4. Creación e constitución das Comisións Informativas Permanentes.
  5. Proposta do nomeamento dos representantes da Corporación nos órganos colexiados.
  6. Coñecemento da Resolución da Alcaldía sobre nomeamento dos tenentes de alcalde.
  7. Proposta da Alcaldía sobre indemnizacións por asistencia dos concelleiros ás sesións dos órganos colexiados.
  8. Proposta da Alcaldía sobre asignacións aos grupos políticos.
Este é o primeiro Pleno convocado polo novo goberno municipal. Aprécianse luces e sombras. Por unha parte aplaudimos que o Pleno se convoque a unha hora axeitada para que poida asistir público, pero por outra banda, lamentamos que non se nos teña consultado, nin sequera posto en contacto, para explicar cales son as propostas da Alcaldía e dalgún xeito tratar de consensualas con todos os grupos políticos.

10 de xuño de 2015

Sesión constitutiva da nova Corporación municipal

O sábado 13 de xuño de 2015 ás 13:00 h. celebrarase a sesión constitutiva da nova Corporación municipal na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  • Punto único. Constitución da nova Corporación Municipal.

9 de xuño de 2015

Nota de prensa

CONTIDO DOS CONTACTOS MANTIDOS CON PP E VUP

O venres 5 de xuño, unha delegación do BNG-Asembleas Abertas mantivo senllas reunións coas outras forzas políticas que obtiveron representación na corporación municipal a petición destas. As conversas desenvolvéronse nun ambiente cordial no local da antiga cámara agraria que está a disposición dos grupos políticos municipais.
A reunión co Partido Popular iniciouse ás 19:00h e durou algo máis dunha hora. Nela, os representantes do PP informaron do seu xeito de traballar e propuxeron un pacto de lexislatura, establecendo como liñas vermellas nunha hipotética negociación: a alcaldía e non ter remuneracións ningún cargo.
A reunión con Veciñ@s Unid@s de Portas iniciouse ás 20:20h e durou 10 minutos. Nela, dous representantes de VUP propuxeron un pacto de goberno que, resumindo, consistiría na retirada da vida política de Roberto Vázquez, a alcaldía para VUP (Ramón Abuín), unha tenencia de alcaldía para BNG-Asembleas Abertas cunha dedicación parcial, representación paritaria dous a dous na xunta de goberno, concellaría de cultura para VUP (Mónica Castro) e a revisión do PXOM. Alcaldía e concellaría de cultura terían unha pequena dedicación parcial. Nesta proposta todo sería negociable excepto a alcaldía para VUP. De non haber acordo, Roberto Vázquez si recollería a acta de concelleiro.
Como se comunicou o sábado 6 de xuño, a asemblea local rexeitou unanimemente ambos ofrecementos. A decisión foi trasladada a ambos partidos durante a mañá dese mesmo día e non se estableceu ningún outro tipo de contacto dende entón.

6 de xuño de 2015

Nota de prensa

BNG-ASEMBLEAS ABERTAS REXEITA POR UNANIMIDADE AS PROPOSTAS DE PP E DE VUP
BNG-ASEMBLEAS ABERTAS VOTARÁ A SANTI CARBALLO NA INVESTIDURA

O BNG-Asembleas Abertas rexeita por unanimidade as propostas de PP e VUP e acorda presentar candidato no pleno do día 13.
Na asemblea aberta celebrada o venres día 5 procedeuse a comunicar aos presentes o contido dos encontros solicitados tanto polo PP coma VUP. Unha vez coñecido o seu contido e sometido a deliberación, por unanimidade decidiuse rexeitalas e manterse na decisión de presentar e votar ao seu candidato no Pleno de constitución da corporación.
O máis salientable das propostas era a oferta do VUP, que a cambio dun pacto de goberno e a alcaldía para o seu número dous, Ramón Abuín, ofrecía a revisión do PXOM e a retirada da vida política de Roberto Vázquez.
Fronte aos rumores interesados dos últimos días, esta proposta demostra claramente o rexeite que a figura de Roberto Vázquez suscita no BNG-Asembleas Abertas e a imposibilidade de aceptar ningún tipo de acordo con el.
O BNG-Asembleas Abertas, como primeiro paso dunha normalidade política que, logo de 23 anos de despotismo, aspira a recuperar para Portas, compremétese publicamente a facilitar a gobernabilidade do concello, e amosa a súa disposición a dialogar e chegar a todos os acordos puntuais necesarios para o beneficio de Portas e de todos os seus veciños e veciñas.

5 de xuño de 2015

Pleno Extraordinario

O mércores 10 de xuño de 2015 ás 20:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  • Punto único. Aprobación acta sesión anterior.

Aplaudimos que por fin, despois de 23 anos de negativa por parte de Roberto Vázquez e o PP, se celebre un pleno a unha hora razoable para que poidan acudir os veciños e veciñas interesados. Lástima que o contido do pleno sexa intrascendental.

4 de xuño de 2015

Nota de prensa

O BNG-ASEMBLEAS ABERTAS DE PORTAS INICIA UNHA RONDA DE CONTACTOS ANTES DA CONSTITUCIÓN DO NOVO GOBERNO MUNICIPAL

Mañá venres 5 de xuño, unha delegación do BNG-Asembleas Abertas manterá senllas reunións coas outras dúas forzas políticas que obtiveron representación na corporación municipal.
O BNG-Asembleas Abertas acudirá a estas reunións, solicitadas tanto por PP como por VUP, a escoitar as súas propostas, que posteriormente serán trasladadas á asemblea local.
Para esa mesma noite xa está convocada unha asemblea aberta na que os presentes serán informados do contido destes contactos, e de seguido proceder a establecer a posición política cara ao pleno de investidura do día 13 de xuño.