29 de nov. de 2016

O concello de Portas adxudica "sen publicidade" un contrato de 35.605,90€ á empresa do secretario de organización do PP de Portas

AUSENCIA DE TRANSPARENCIA E TRATO DE FAVOR A DIRIXENTES DO PARTIDO POPULAR DE PORTAS

O goberno municipal do Partido Popular adxudicou mediante procedemento negociado sen publicidade un contrato de subministro de maquinaria por valor de 35.605,60 € a Rafael Seijo Rodríguez (Seymos Maquinaria Agrícola S.L.), secretario de organización do Partido Popular de Portas e candidato en sétima posición nas últimas eleccións municipais.

Ademais deste contrato, no que vai de lexislatura Seymos Maquinaria Agrícola S.L. facturoulle ao concello de Portas máis de 15.000 euros en decenas de pequenas facturas.

Antes de iniciarse o procedemento negociado para a adxudicación do contrato de 35.600 euros o BNG-Asembleas Abertas solicitou en Pleno (xuño de 2016) que o método de adxudicación fose aberto, ou no seu defecto que fose negociado con publicidade, de modo que calquera empresa puidese presentar oferta libremente. O PP negouse.


As características técnicas esixidas para a maquinaria a subministrar, detalladas no prego de prescricións técnicas, coinciden con extrema puntualidade coas características técnicas de máquinas específicas do catálogo dunha marca concreta.

O goberno municipal invitou a catro empresas a presentar ofertas, coa coincidencia de que as catro son distribuidoras oficiais da marca Husqvarna. Tres das catro empresas convidadas presentaron oferta e todas as máquinas dos tres orzamentos son idénticas: 3 desbrozadoras Husqvarna 545RX, soprador Husqvarna 570BTS, hidrolimpadora Benza 200/15 4R, motoserra Husqvarna 550XP, motoserra Husqvarna T540XP, desbrozadora para tractor Becchio & Mandrile BR180 con cardan, corredeira e acoplamento, rider Husqvarna P524 máis desbrozadora de impacto e cepillo rotativo, e cortacéspede Husqvarna LB 553S.

A apertura dos sobres coas ofertas recibidas non foi anunciada e realizouse sen público presente. Á apertura das ofertas nin se convidou ás empresas nin a membros da oposición.

Se non hai nada que ocultar, por que esta falta intencionada de transparencia?

BNG-Asembleas Abertas non lle nega o dereito a Seymos ou a calquera outra empresa a ofrecer os seus servizos e recibir contratos por parte do concello de Portas, pero si esiximos transparencia, publicidade e igualdade de oportunidades para todos.

BNG-Asembleas Abertas demanda que todas as adxudicacións de obras, servizos ou subministracións de certa entidade se realicen mediante procedementos abertos, transparentes e de libre concorrencia que ademais de fomentar a competencia e resultar máis vantaxosos economicamente para o concello, evitan as actuacións caciquís.

21 de nov. de 2016

Lotaría do nadal 2016-2017

Temos á venda lotaría do nadal, se alguén está interesado/a podedes poñervos en contacto persoalmente con calquera dos membros do grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas de Portas, ou a través do noso correo electrónico, blog ou páxina de Facebook.

14 de nov. de 2016

O BNG-Asembleas Abertas presenta alegacións ao "Proxecto de rede principal de camiños adaptados á lei METAGA na parroquia de Romai" (Parcelaria de Romai)

O BNG-Asembleas Abertas lamenta que o concello de Portas non se interesase en absoluto polo proxecto de camiños da parcelaria de Romai e que o servizo de infraestruturas agrarias da Xunta tampouco realizase, como se lle solicitou, charlas informativas impartidas por técnicos competentes na materia antes ou durante o período de exposición pública para responder ás dúbidas dos propietarios/as.
O BNG-Asembleas Abertas presentou as seguintes alegacións:


8 de nov. de 2016

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O venres 11 de novembro ás 21:30 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai. Asuntos a tratar:

  • Estratexia de traballo municipal.
  • Asuntos varios.

Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

4 de nov. de 2016

O Concello de Portas aproba unha convocatoria de subvencións para asociacións cunhas bases imposibles de cumprir

DESPOIS DE ANO E MEDIO DE LEXISLATURA O GOBERNO MUNICIPAL SEGUE IMPROVISANDO EN CADA ACTUACIÓN

O pasado luns 24 de outubro, o concello de Portas publicou no BOP as “bases e convocatoria para a concesión de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro para o ano 2016”.

O concello de Portas, sen informar previamente nin á oposición nin ás asociacións, aprobou unhas bases que imposibilitan de facto que as asociacións poidan concorrer ás axudas. A desproporcionada petición de documentación, o mínimo prazo de presentación de solicitudes de só 15 días naturais (ata o 8 de novembro, incluídos festivos e fin de semana) e a esixencia de xustificar as actividades subvencionables antes do 15 de decembro fan imposible o cumprimento das bases polo que as asociacións están a renunciar a presentarse.

Tendo en conta o prazo adicional de 10 días contemplado para emendar anomalías nas solicitudes, a tramitación dos expedientes por parte dos técnicos municipais, a resolución da alcaldía, a comunicación de acordo de concesión e un prazo de 7 días para a aceptación, non quedará tempo físico para realizar as actividades e presentar toda a documentación de xustificación antes do 15 de decembro.


BNG-Asembleas Abertas lamenta a falta de sensibilidade e respecto que o goberno municipal está a demostrar coas asociacións culturais e deportivas do concello. Resolver unha convocatoria de axudas que debería ser para todo o ano 2016 en decembro de 2016 é unha tomadura de pelo. Esta nova improvisación non lle servirá ao alcalde e á concelleira de cultura para xustificar a absoluta falta de apoio ás asociacións en ano e medio de lexislatura.


25 de out. de 2016

Pleno Ordinario

O venres 28 de outubro de 2016 ás 19:30 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión ordinaria de 23/06/2016.
  2. Aprobación da acta da sesión extraordinaria de 07/07/2016.
  3. Aprobación da acta da sesión extraordinaria de 29/08/2016.
  4. Adhesión ao convenio subscrito entre axencia estatal de administración tributaria e a federación española de municipios e provincias en materia de subministro de carácter tributario.
  5. Mocións:
    1. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre Corrección das Bases Reguladoras do procedemento de concesión de axudas municipais ao apoio ao estudo para o curso 2016-2017 para familias con dificultades económicas.
  6. Dación de conta dos Decretos e Resolucións de Alcaldía.
  7. Informes da Presidencia.
  8. Rogos e preguntas.


18 de out. de 2016

Convocatoria ordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno

O venres 22 de outubro de 2016 ás 20:30 h. celebrarase unha reunión ordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación acta da sesión ordinaria do 17/06/2016.
  2. Adhesión ao convenio subscrito entre Axencia estatal de administración tributaria e a Federación española de municipios e provincias en materia de subministro de carácter tributario.
  3. Mocións:
    1. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre Corrección das bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas municipais ao apoio ao estudo para o curso 2016-2017 para familias con dificultades económicas.
  4. Rolda de intervencións.