AUSENCIA DE TRANSPARENCIA E TRATO DE FAVOR A DIRIXENTES DO PARTIDO POPULAR DE PORTAS
O goberno municipal do Partido Popular adxudicou mediante
procedemento negociado sen publicidade
un contrato de subministro de maquinaria por valor de 35.605,60 € a Rafael
Seijo Rodríguez (Seymos Maquinaria Agrícola S.L.), secretario de organización
do Partido Popular de Portas e candidato en sétima posición nas últimas
eleccións municipais.
Ademais deste contrato, no
que vai de lexislatura Seymos Maquinaria Agrícola S.L. facturoulle ao concello
de Portas máis de 15.000 euros en decenas de pequenas facturas.
Antes de iniciarse o
procedemento negociado para a adxudicación do contrato de 35.600 euros o
BNG-Asembleas Abertas solicitou en Pleno (xuño de 2016) que o método de
adxudicación fose aberto, ou no seu
defecto que fose negociado con
publicidade, de modo que calquera empresa puidese presentar oferta
libremente. O PP negouse.
As características técnicas esixidas para a maquinaria a
subministrar, detalladas no prego de prescricións técnicas, coinciden con
extrema puntualidade coas características técnicas de máquinas específicas do
catálogo dunha marca concreta.
O goberno municipal invitou a catro empresas a presentar
ofertas, coa coincidencia de que as catro son distribuidoras oficiais da marca
Husqvarna. Tres das catro empresas convidadas presentaron oferta e todas as
máquinas dos tres orzamentos son idénticas: 3 desbrozadoras Husqvarna 545RX,
soprador Husqvarna 570BTS, hidrolimpadora Benza 200/15 4R, motoserra Husqvarna
550XP, motoserra Husqvarna T540XP, desbrozadora para tractor Becchio & Mandrile
BR180 con cardan, corredeira e acoplamento, rider Husqvarna P524 máis
desbrozadora de impacto e cepillo rotativo, e cortacéspede Husqvarna LB 553S.
A apertura dos sobres coas ofertas recibidas non foi
anunciada e realizouse sen público presente. Á apertura das ofertas nin se convidou
ás empresas nin a membros da oposición.
Se non hai nada que
ocultar, por que esta falta intencionada de transparencia?
BNG-Asembleas Abertas non lle nega o dereito a Seymos ou
a calquera outra empresa a ofrecer os seus servizos e recibir contratos por
parte do concello de Portas, pero si esiximos transparencia, publicidade e
igualdade de oportunidades para todos.
BNG-Asembleas Abertas demanda que todas as
adxudicacións de obras, servizos ou subministracións de certa entidade se
realicen mediante procedementos abertos, transparentes e de libre concorrencia que ademais de fomentar a
competencia e resultar máis vantaxosos economicamente para o concello, evitan
as actuacións caciquís.