8 de maio de 2017

O concello de Portas condenado a aboar outros 47.000 euros a unha extraballadora social

O contrato da asistenta social estaba sometido ao convenio colectivo da construción e non ao de oficinas e despachos

O 23 de novembro de 2016 o concello de Portas foi condenado en sentenza nº 401/16 do xulgado do social nº 2 de Pontevedra a aboar a Mónica Ferro Folgar a suma de 47.000 euros en concepto de indemnización por aplicación do convenio colectivo da construción, que establece que lle corresponde á traballadora o dereito a percibir esa cantidade no suposto de incapacidade permanente absoluta derivada de accidente de traballo. A sentenza foi recorrida polo concello.

Mónica Ferro Folgar, traballadora social contratada como persoal laboral fixo polo concello de Portas, foi brutalmente agredida o 2 de xullo de 2012, sendo alcalde Roberto Vázquez aínda no Partido Popular. Como consecuencia das lesións por este “accidente de traballo” foi declarada cunha invalidez permanente absoluta. Distintas sentenzas xudiciais determinaron que este é un “caso de meridiana inactividade ou pasividade” do concello en relación aos riscos aos que estivo sometida a traballadora polo que o concello foi condenado en firme cunha sanción de 183.693,50 € e pago de costas. O concello de Portas con pleno coñecemento desamparou á traballadora con terribles consecuencias.

Se o convenio colectivo de referencia do contrato asinado entre ambas partes fose o de “oficinas e despachos” e non o da “construción”, como parece máis lóxico, os efectos económicos para as arcas municipais serían moi inferiores.

A pesares de todo, ningún responsable do goberno municipal ten asumido algún tipo de responsabilidade, nin no momento da agresión, nin posteriormente, nin actualmente. Roberto Vázquez segue sendo concelleiro e socio do actual grupo de goberno.

Nun intento por ocultar as consecuencias das neglixencias do seu excompañeiro de partido, o goberno municipal do PP non informou á oposición da existencia desta sentenza xudicial nin da presentación do recurso de suplicación posterior.

BNG-Asembleas Abertas esixe a dimisión de Roberto Vázquez Souto e a súa retirada da vida política, demanda transparencia do goberno municipal do PP e pídelle explicacións polas decisións tomadas que teñen agravado as consecuencias do “accidente laboral”.


25 de abr. de 2017

Pleno Ordinario

O venres 28 de abril de 2017 ás 20:40 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 03/03/2017.
  2. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 24/03/2017.
  3. Aprobación pago sentenza procedemento de orixe Seguridade Social 0000266/2015 (Mónica Ferro Goldar).
  4. Dación de conta dos Decretos e Resolucións da Alcaldía.
  5. Informe da Presidencia.
  6. Plan Concellos 2017 - Solicitudes e Resolucións.
  7. Informe Período Medio de Pago 1T - 2017.
  8. Rogos e preguntas.



19 de abr. de 2017

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O venres 21 de abril ás 21:30 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai. Asuntos a tratar:

  • Aprobación novo boletín informativo.
  • Sentenzas xudiciais condenatorias contra o concello de Portas.
  • Organización andaina e comida campestre.
  • Asuntos varios.

Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

4 de abr. de 2017

Convocatoria extraordinaria da Comisión Especial de Contas

O venres 28 de abril de 2017 ás 20:30 h. celebrarase unha sesión extraordinaria da comisión especial de contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación acta sesión 24/02/2017.
  2. Informe conta xeral exercizo 2016.

O BNG-Asembleas Abertas consegue o compromiso do goberno municipal de destinar 20.000 euros ao arranxo urxente dos parques infantís de Portas

Aprobada a moción do BNG-Asembleas Abertas para reparar os parques infantís de Portas

O pasado venres 24 de marzo o pleno da corporación de Portas aprobou por unanimidade a moción que o grupo municipal BNG-Asembleas Abertas presentara o 2 de marzo para reclamar a reparación urxente dos parques infantís municipais así como a aprobación á maior brevidade posible dun plan de mantemento dos mesmos.
O goberno municipal comprometeuse a destinar a tal fin unha partida de 20.000 euros procedentes dos fondos que lle corresponden a Portas da liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2017 da Deputación.
Este acordo plenario chega só tres semanas despois de que se aprobase o orzamento municipal do ano 2017 (3 de marzo de 2017), que como denunciara o BNG-AA non responde ás necesidades da cidadanía, demostrando unha vez máis o nivel de improvisación dun goberno municipal desnortado.
O nulo mantemento dende a súa construción provocou que o estado actual no que se atopan todos os parques infantís municipais das catro parroquias sexa deplorable. Dándose casos de extremo perigo para os usuarios, con táboas rotas ou desaparecidas que deixan á vista cravos e parafusos, xunto a balados podres e oxidados.
BNG-Asembleas Abertas considera positivo o acordo acadado para a reparación urxente dos parques infantís pero con todo manterase vixiante para esixir a súa execución, dados os antecedentes de incumprimento sistemático dos acordos plenarios por parte do goberno.

Cravos oxidados en Cachal (Lantaño).
Balado podre e oxidado en Portadeconde (Portas).
Parafusos oxidados en San Xoán (Portas).

Táboas rotas, pedras e madeira podre na Rapeira (Portas).
Parafusos oxidados e madeira podre na Rapeira (Portas).

21 de mar. de 2017

Pleno Extraordinario

O venres 24 de marzo de 2017 ás 19:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente de solicitude á Deputación Provincial de Pontevedra con cargo ao Plan Concellos 2017 - Obra "Depuradora de leito bacteriano no lugar da Estación".
  2. Mocións:
    1. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas para aprobación dun plan de mantemento periódico dos parques infantís municipais, así como o seu arranxo urxente.


16 de mar. de 2017

Convocatoria extraordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno

O martes 21 de marzo de 2017 ás 20:30 h. celebrarase unha reunión extraordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente de solicitude á Deputación Provincial de Pontevedra con cargo ao Plan Concellos 2017 - Obra "Depuradora de leito bacteriano no lugar de Estación".
  2. Mocións:
    1. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas para aprobación dun plan de mantemento periódico dos parques infantís municipais, así como o seu arranxo urxente.