21 de mar. de 2023

Convocatoria Comisión Especial de Contas

O venres 24 de marzo ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 18 de novembro de 2022.
  2. Expediente 172/2023. Aprobación do Orzamento municipal para o exercicio 2023.
  3. Expediente 196/2023. Recoñecemento Extraxudicial de Créditos nº1/2023.
  4. Rogos e preguntas.


3 de feb. de 2023

Resume do pleno do 30 de xaneiro


· Aprobado un convenio entre os concellos de Caldas e Portas para conectar o futuro saneamento dos lugares de O Ameal, Valsordo e Penalta (lugares de Caldas) á “depuradora” de ponte Goldar en Briallos. 6 votos a favor (5 PP + 1 VUP) e 2 abstencións (BNG). Nós abstivémonos porque sendo moi positivo que haxa colaboración mutua entre concellos, consideramos que se está enganando aos veciños e veciñas de Briallos e de Caldas, cóbraselles unha taxa por depurar pero a “decantadora” de Briallos non depura (ver fotos de setembro de 2020). Ademais estanse falseando os datos, pois segundo o concello de Portas, os lugares de O Ameal e Valsordo supoñen o mesmo número de habitantes conectados que todo Briallos, todo para xustificar que non se superan os límites da “decantadora”.



·  APROBADA por UNANIMIDADE a moción do BNG para esixir a adopción de medidas urxentes para garantir a atención sanitaria pública no concello de Portas. Non se cobren nin baixas nin vacacións do persoal no centro de saúde, non hai médicos no PAC comarcal de Caldas, non hai pediatras comarcais, non hai médicos suficientes nas urxencias do hospital Montecelo e as listas de espera para probas diagnósticas, especialistas ou intervencións cirúrxicas non paran de medrar. A política ideolóxica privatizadora do PP está a desmantelar a SANIDADE PÚBLICA. Esperamos que o grupo de goberno non votase a favor só para manter as aparencias e cumpra os acordos e faga chegar as demandas de Portas á Xunta de Galiza.

·  A Valedora do Pobo respondeu a nosa queixa de hai un ano dándonos a razón, o alcalde ten obriga de contestar as nosas preguntas, de feito entregoulle un “recordatorio de deberes legais” que Ricardo aceptou formalmente. Sen embargo, esta vez o alcalde tampouco respondeu a onde foron destinados 4 camións de formigón. Sabemos que acabaron na pista dos cabalos de Romai, pero o alcalde antes de recoñecelo prefire mentir. Ricardo Martínez ordenou facer unha obra sen licenza con cartos públicos nun terreo privado (da Comunidade de Montes de Romai) e ocultou os gastos cunha factura dunhas inexistentes obras no colexio de Portas. Pódese ser máis ruín?

· Volvemos preguntar por terceiro pleno consecutivo por unha factura dunha comida relativa a “Erasmus Plus”. Desta vez si respondeu o alcalde. Resulta que o concello xestionou unha viaxe a Italia a través do programa Erasmus Plus destinado a mozos e mozas do concello, pois resulta que entre os asistentes á viaxe, que foron escollidos a dedo (Ricardo usa o eufemismo de “por invitación”), está unha “familiar directa” do alcalde. Nepotismo en estado puro.

·  Denunciamos a nefasta xestión do grupo de goberno co envío masivo de cartas ameazantes e con erros para a xestión da biomasa nas faixas secundarias. O alcalde recoñeceu que todas as cartas enviadas tiñan mal o nome das fincas e que as asinou sen saber o que asinaba.

· Denunciamos que na Ponte Chaín unha casa de turismo rural ven sufrindo dende hai meses desbordamentos da rede de augas residuais diante da casa cada vez que chove, causando graves prexuízos económicos e de salubridade, sen que o concello faga absolutamente nada.

· Denunciamos que un ano máis o concello está cos orzamentos prorrogados. En 31 anos de maiorías absolutas, o PP non foi quen de aprobar os orzamentos en tempo e forma nin unha soa vez. O desprezo polo rigor administrativo é absoluto.

· Preguntamos pola compra de 2 canastras de baloncesto por 15.000 euros. A resposta do alcalde é que son para o pavillón de Portas. As canastras de máximo nivel que había foron desmanteladas e tiradas. Por que non se aproveitaron para o pavillón de Romai que non ten?

· Denunciamos a situación do lavadoiro da Regueira en Fontenla. Un veciño lindante está outra vez aterrando a propiedade veciñal sen que o concello de Portas faga nada. Xa en 2008 o concello tivo que gastar 12.000 euros en reconstruír a estrutura. O PP négase a cumprir as múltiples mocións do BNG que foron aprobadas para recuperar a fonte-lavadoiro.


· Denunciamos a pasividade do alcalde a respecto da estrada Romai-Portas. Hai 6 meses, aprazamos a recollida de sinaturas porque o alcalde se comprometera a traballar para conseguir os terreos necesarios para reformar a estrada, pero agora di que non sabe nada, que non fixo nada e que toda a culpa é da Deputación. A realidade é que a Deputación se comprometeu a completar a reforma da estrada coa única condición de que o concello poña á súa disposición os terreos necesarios. REFORMAR A ESTRADA É CUESTIÓN DE TRABALLO PARA CONSEGUIR OS TERREOS, PERO O GRUPO DE GOBERNO ESTÁ DESAPARECIDO.





27 de xan. de 2023

Pleno Extraordinario

O luns 30 de xaneiro de 2023 ás 21:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación declaración de urxencia da sesión extraordinaria.
  2. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 30-12-2022.
  3. Expediente 62/2023. Convenio co Concello de Caldas de Reis para a regulación da autorización de uso da rede municipal de saneamento e depuración do Concello de Portas e o establecemento do réxime de pagos en concepto de compensación económica para a EDAR de Briallos.
  4. Expediente 61/2023. Moción do BNG sobre a adopción de medidas urxentes para garantir a atención sanitaria pública no Concello de Portas.
  5. Período medio de pago a proveedores 4º trimestre 2022.
  6. Decretos da Alcaldía do 23-11-2022 a 25-01-2023.
  7. Dación de contas Plan Concellos 2022-2023.
  8. Rogos e preguntas.


27 de dec. de 2022

Pleno Extraordinario

O venres 30 de decembro de 2022 ás 21:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 25-11-2022.
  2. Expediente 668/2022. Proxecto técnico modificado II Campo de fútbol de Romai.


23 de dec. de 2022

Moción do BNG sobre a adopción de medidas urxentes para garantir a atención sanitaria pública no concello de Portas

A situación na que se atopa a área sanitaria Pontevedra-O Salnés é límite. Ningún centro de saúde ou PAC funciona con normalidade, cos cadros de persoal que lles corresponden. Centos de persoas non poden pedir cita médica, e miles non teñen persoal médico asignado, e teñen que ser atendidas cada vez por unha profesional diferente.

Nos nove PACs da área, un día si e outro tamén, están sen profesionais, con quendas enteiras sen un só médico, o que obriga ás persoas doentes a ir peregrinando dun PAC a outro para poder ser atendidas.

Un día tras outro a realidade dos centros de saúde e dos PACs dista moito da imaxe idílica que propaga a Xunta e o PP. As listas de agarda, a falta de persoal médico, a sobrecarga do persoal sanitario, o retraso de semanas para conseguir cita médica poñen de manifesto a realidade dun sistema sanitario público sumido nunha grave crise pola falta de planificación, de previsión e de medios que é responsabilidade da Xunta do PP.

Esta situación da atención primaria está producindo unha forte presión nas urxencias hospitalarias, formándose longas colas en urxencias pediátricas e colapsando as urxencias do hospital Montecelo, onde se producen traslados de pacientes das urxencias para o hospital do Salnés e para o Quirón Salud de forma reiterada. De non resolverse con urxencia, a situación vaise ver agravada polo incremento das enfermidades respiratorias propias desta época do ano.

Esta situación, ademais de producir un forte malestar nas persoas que acoden aos centros de saúde e ás urxencias hospitalarias, deixa ás claras que nos concellos da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés non está garantida a atención sanitaria pública á poboación, un feito de extrema gravidade que precisa dunha actuación contundente e urxente por parte da Xunta de Galiza para garantir o dereito á saúde dos veciños e veciñas no sistema público

É por isto que presenta esta moción e solicita o voto favorable do Pleno da Corporación municipal de Portas para a adopción dos seguintes

ACORDOS

  • esixir ao goberno galego a adopción con urxencia de todas as medidas necesarias para garantir a cobertura das prazas vacantes e prestar unha atención sanitaria pública digna no concello de Portas e en toda a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés,
  • esixir ao goberno galego a resolución urxente da situación das urxencias hospitalarias, incluídas as pediátricas, na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.



20 de dec. de 2022

Convocatoria extraordinaria da Comisión de urbanismo, obras, servizos, vivenda, solo e medio ambiente

O venres 23 de decembro de 2022 ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión de Urbanismo (...) na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 18 de novembro de 2022.
  2. Expediente 668/2022. Proxecto técnico modificado II Campo de fútbol de Romai.


28 de nov. de 2022

Resume do pleno do 25 de novembro

  • Asistimos 1 concelleiro do BNG (María escusou por estar de viaxe), 5 do PP e 2 de VUP. O pleno pode verse completo en internet. O BNG é a única oposición.
  • [6:05] Aprobouse o “inventario de bens do concello” (7 votos a favor do PP e VUP e 1 en contra do BNG). Outro documento cheo de erros e omisións como o PXOM. Dálles igual as advertencias, gastaron 18.000€ para xustificarse, pero non queren facer ben as cousas. Faltan moitos camiños, terreos privados como públicos e públicos como privados... Cuestión aparte son as decisións inxustas con determinados particulares a sabendas de que son inxustas. O BNG pediu unha reunión o 5 de setembro para tratar os erros no documento, seguimos esperando a que nos contesten.
  • [18:55] Aprobouse por unanimidade o convenio de adhesión á APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia) para ceder as competencias municipais de “inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en relación coas obras e usos do solo que se executen sen título habilitante municipal de natureza urbanísitica ou sen axustarse ás súas condicións”. Pedímoslle responsabilidade ao alcalde e ao grupo de goberno para que dunha vez se tomen en serio o urbanismo e abandonen o “ti vai facendo”, e paren as obras sen licenza no momento de iniciarse, porque se non o fan, coa APLU haberá derrubamentos e consecuencias moi desagradables. Este convenio non pode ser a escusa do alcalde para “lavarse as mans”, o concello segue tendo a obriga de denunciar as infraccións, e se non o fai no momento de iniciarse as obras, as consecuencias cando xa están rematas poden ser dramáticas.
  • [35:15] Aprobouse por unanimidade implantar un novo modelo de control interno simplificado para a xestión administrativa interna do concello.
  • [39:43] Aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo BNG para cambiar un camiño da Parcelaria na finca do parque do río en Briallos. A Parcelaria pretende abrir un camiño polo medio da finca municipal en Ponte Goldar e deixar no medio tres pequenas fincas duns 200 metros cadrados cada unha. O alcalde comprometeuse a negociar cos 3 propietarios para facer un cambio de titularidade nestas fincas e coa Parcelaria para que o camiño continúe paralelo ao camiño de Santiago cara o norte e vire ao oeste polo norte da depuradora municipal.
  • [52:37] Xa en “rogos e preguntas” comezamos pedindo que se nos contestasen tres preguntas que presentáramos por escrito con días de antelación. Preguntamos a onde foron destinadas dúas facturas de formigón e a pesares de que o grupo de goberno ten obrigación de contestar (como ademais lle recordou recentemente a Valedora do Pobo despois dunha queixa do BNG) non o fixeron. Nos últimos 4 anos o concello de Portas só pagou 3 facturas de formigón (10/2/2020, 11/2/2011 e 11/2/2020) e sen embargo, o alcalde afirma que descoñece a onde se destinou este formigón porque ten moitas facturas...
  • [56:52] Preguntamos se o ascensor da cheminea da Azucreira ten permiso de actividade. O alcalde confirmou que non ten porque aínda que se gastaron 30.000€ hai un ano, aínda está pendente a conexión a un xerador auxiliar.
  • [1:00:47] Preguntamos polo estado de tramitación das obras para o campo de fútbol de Romai. En novembro de 2021 aprobouse o proxecto cando o PP presumía de ter 400.000€ de remanente, pero en xullo de 2022 tiveron que delegar competencias no alcalde para subscribir un crédito. Dende entón non se fixo nada e agora o alcalde di que é necesario reformar o proxecto debido ao incremento nos custes dos materiais. Hai dous meses contestara que estaban negociando cos bancos. A herba artificial leva “prometida” polo PP máis de 8 anos.
  • [1:01:45] No pleno de finais de setembro preguntamos por unha factura dunha comida relativa a “Erasmus Plus”. O alcalde negouse a contestar no momento, pero dixo que contestaría por escrito. 2 meses despois aínda non contestou. O sorprendente é que un día despois da pregunta o alcalde viaxou a Bulgaria para un “irmandamento” de municipios europeos. Segundo o alcalde para falar de cambio climático, parcelarias, etc. Se non hai nada que ocultar, por que non responde as preguntas.
  • [1:06:31] Preguntamos como era posible que só se repartiran 450€ entre todas as familias do concello para “axudas ao estudo”. O alcalde responsabilizou á “administración” por reclamar moitos papeis, cando é el o que establece as bases da convocatoria e os papeis que hai que presentar!!!
  • [1:08:25] Finalmente queixámonos do estado de abandono da finca da Azucreira, chea de vasos de plástico tirados despois dunha competición deportiva escolar de hai semanas, coas papeleiras botando por fóra, as pistas de pádel sempre abertas, sucias e coas luces acesas ata altas horas da noite, a piscina chea depurando a diario aínda que leva 4 anos sen usarse polos veciños e veciñas do concello. O alcalde recoñece que a finca está mal, que non hai persoal para limpar (pero presume de remanente), que hai que poñer un control de acceso ás pistas pero que non tiveron tempo (2 anos despois de abrirse as pistas de pádel), que hai un gasto desmesurado de electricidade e que non sabe que facer.