24 de abr. de 2024

Convocatoria Comisión Especial de Contas

O venres 26 de abril ás 21:00 h. celebrarase unha reunión ordinaria da Comisión Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 245/2024. Ordenanza fiscal reguladora do prezo público por actividades sociais organizadas polo Concello de Portas.
  2. Expediente 108/2024. Aprobación do Orzamento para o exercicio 2024.
  3. Expediente 238/2024. Ordenanza fiscal reguladora da taxa por entra de vehículos a través de beirarrúas ou de calquera outro espazo de dominio público local e reservas de vía pública para aparcamento exclusivo, parada de vehículos, carga e descarga de mercadorías de calquera clase.
  4. Expediente 235/2024. Recoñecemento extraxudicial de créditos 1/24.
  5. Expediente 250/2024. Plan estratéxico de subvencións do Concello de Portas para o período 2024-2026.
  6. Expediente 166/2024. Modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixos.
  7. Expediente 242/2024. Modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto de bens inmobles.
  8. Rogos e preguntas.



8 de mar. de 2024

Pleno Extraordinario

O luns 11 de marzo de 2024 ás 12:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Ratificación da "URXENCIA" da Convocatoria da sesión extraordinaria.
  2. Expediente 676/2023. Rectificación erro material no proceso de licitación do expediente de contratación do servizo de axuda no fogar e delegación de competencias.

23 de xan. de 2024

Pleno ordinario

O venres 26 de xaneiro de 2024 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior PLN/2024/1 de 23/01/2024.
  2. Expediente 676/2023. Contratación do servizo de axuda no fogar do Concello de Portas.
  3. Expediente 150/2023. Corrección de erros nº 1 do PXOM.
  4. Proposta de Resolución: Moción do BNG para a solicitude de clasificación como Travesía do tramo provisto de beirarrúas na N-550 ao seu paso por Briallos.
  5. Dación conta dos Decretos da Alcaldía do nº 2023-0371 de 24/10/2023 a 2024-0009 de 22/01/2024.
  6. Rogos e preguntas.


19 de xan. de 2024

Pleno Extraordinario

O martes 23 de xaneiro de 2014 ás 13:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior PLN/2023/9 do 27/10/2023.
  2. Sorteo para a designación dos membros das mesas electorais nas eleccións ao Parlamento de Galicia do 18/02/2024.


25 de out. de 2023

Pleno ordinario

O venres 27 de outubro de 2023 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior.
  2. Dación conta da execución trimestral do orzamento correspondente ao 2º trimestre e Período Medio de Pago (PMP) do 2º trim 2023.
  3. Dación conta da execución trimestral do orzamento correspondente ao 3º trimestre e Período Medio de Pago (PMP) do 3º trim 2023.
  4. Dación conta Decretos da Alcaldía do nº 260 de 23/07/2023 a 370 de 23/10/2023.
  5. Rogos e preguntas.


16 de out. de 2023

Moción do BNG para a solicitude de clasificación como Travesía do tramo provisto de beirarrúas na N-550 ao seu paso por Briallos

O abaixo asinante Arturo N. Fontán Pérez, portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de Portas, ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte MOCIÓN para o seu debate e posterior aprobación, se procede, polo Pleno Municipal,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A parroquia de Briallos atópase dividida pola N-550, vía de titularidade estatal, que a cruza de norte a sur. Estas vías reguladas pola Lei 37/2015, de 29 de setembro, de Estradas consideramos que teñen unha excesiva zona de protección para certas partes do territorio de Galiza.

Estas zonas de protección acadan os 50 metros dende a aresta exterior da calzada. Isto implica que en moitos predios non se poida edificar, e noutros non se permita reconstruír casas abandonadas, mentres que todas aquelas parcelas que se atopan edificadas só poidan facer obras de conservación.

En Briallos existe un tramo duns 380 m da N-550, entre os quilómetros 102+650 e 103+030, no que existen os servizos públicos que a continuación se mencionan: abastecemento de auga, sumidoiros de pluviais e saneamento, alumeado público e beirarrúas en ambas marxes da estrada.

No ano 2021 aprobouse definitivamente o PXOM deste Concello, e nel clasifícase a zona do tramo anteriormente mencionado como núcleo rural tradicional e común, pero as distancias de protección impiden realmente que estes terreos poidan prosperar. Por este motivo, entendemos que dende o concello se deberían realizar os trámites oportunos para solicitar a cualificación de Travesía neste tramo de vía.

Segundo o artigo 46 da lei 37/2015 de Estradas, ten consideración de travesía “a parte da estrada na que existen edificacións consolidadas polo menos en dúas terceiras partes da lonxitude de ambas marxes e un armazón de rúas conectadas con aquela en polo menos unha das súas marxes”.

Os estudos de delimitación de tramos urbanos fixan os tramos que se consideran urbanos e os que se consideran travesías. Ademais, fixan as zonas de protección, todo elo segundo as circunstancias de cada marxe da vía, que poderán ser non uniformes e menores ás actuais. O Ministerio de Fomento, a propia iniciativa ou a instancia do Concello tramitará estudios de delimitación de tramos urbanos seguindo o procedemento establecido no artigo 48 da Lei 37/2015 de Estradas.

É por isto que presenta esta moción e solicita o voto favorable do Pleno da Corporación municipal de Portas para a adopción dos seguintes

ACORDOS

  • Levar a cabo cantas xestións sexan necesarias para acadar a cualificación de Travesía do tramo da parroquia de Briallos indicado na exposición de motivos.
  • Realizar o estudio de delimitación de tramos urbanos no tramo mencionado.
  • Solicitar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a cualificación de Travesía do tramo indicado na exposición de motivos para reducir as actuais zonas de protección.





25 de ago. de 2023

Pista deportiva en Briallos: outra tomadura de pelo do PP


En 2015 aprobouse por unanimidade unha moción do BNG para construír en 2016 unha pista polideportiva en Briallos.

O PP votou a favor pero non cumpriu o acordo, non por falta de cartos, porque si tiveron 160.000 € para dúas pistas de pádel na Azucreira, senón porque sempre consideraron que o tamaño (e os votos) de Briallos non xustifican a inversión. Xa o dicía Víctor Estévez: “que os rapaces de Briallos vaian xogar a Portas, como fixemos toda a vida”.

Un mes antes das eleccións municipais de 2023 o PP anunciou a construción dunha pista polideportiva en Briallos do tamaño dunha cancha de baloncesto (28 m por 15 m) e cunha baranda perimetral de cores. Esta é a foto na propaganda de campaña do PP:

Pasadas as eleccións, a gaiola (13.5 m por 7 m) que acaban de construír xunto ao Albergue non chega nin á metade de tamaño do prometido (unha cancha de tamaño oficial é de 28 m por 15 m), pechada por unha reixa de 2 metros de altura e unha porta con pechadura:

Se non é un engano deliberado, paréceo!

A comparación é simple, na imaxe o rectángulo verde representa a pista a escala construída en Briallos, e o rectángulo en branco e negro unha cancha de tamaño oficial.

Tema aparte é o lucrativo e escandaloso NEGOCIO da obra adxudicada a dedo por 48.397,47 € (ver noticia no Facebook do Concello). Se o orzamento fose 2,53 € superior, a obra tería que ser unha licitación aberta e calquera empresa podería presentarse. Casualidade?

Máis de 40.000 € nunha lousa de formigón de 128 m2, unhas vaias de 48 m de longo e 2 m de alto, máis dúas porterías-canastras. NEGOCIO redondo ou roubo consentido?

Na imaxe de abaixo podedes ver os prezos do catálogo comercial de 2023 da empresa cántabra  Manufacturas Deportivas (ver páxina 13). É só un exemplo atopado por internet. Pistas multideporte de maior calidade e moito máis grandes que a construída en Briallos, pero moito máis baratas. Como é posible?

Segundo o proxecto da obra, só as dúas porterías-canastras teñen un custe de 16.659 €!!!!

Se quixésemos mercar exactamente as mesmas porterías-canastras que as colocadas en Briallos podemos atopalas por internet en moitas empresas españolas tres veces máis baratas. Por exemplo:

Por 2.574,90€ en www.MundoSilbato.es.

Por 3.261,37€ en AlserEsport.com.

Por 3.381,89€ en Cartabon.com.

Por 2.505,08€ en EboneFit.com.

Por 3.907,21€ en AlmacenesNorte.es.

Como é posible que as porterías-canastras de Briallos sexan TRES VECES máis caras que as mesmas compradas en calquera empresa do sector??? Quen se está facendo de ouro con este NEGOCIO???

Por riba, fan unha pista deportiva pero péchana con chave, así que os rapaces xa tiveron que rebentar a reixa detrás dunha portería para poder entrar a xogar...