3 de out. de 2007

Pleno Extraordinario

O venres 5 de outubro ás 14:50 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Aprobación orzamento 2007.
3. Expediente extraxudicial de créditos nº 1/2007.
4. Ratificación convenio entre o consorcio galego de servizos de igualdade e benestar e o concello de Portas para a xestión do centro de día de Portas.
5. Cesión do uso do equipamento do centro de día para a súa xestión por parte do consorcio durante o período convenido.
6. Cesión do uso do centro social e cultural (Teleclube) de Romai.

1 de set. de 2007

O Concello gasta 4000 € en chamadas a un concurso de TV

Durante os meses de xuño e xullo deste ano prodúxose un gasto de case 4000 € no teléfono da Casa da Cultura de Portas. Segundo as explicacións do Alcalde, este consumo desmesurado de teléfono foi provocado por unha concursante do programa Son de Estrelas da Televisión de Galicia á cal el mesmo lle dou autorización para o uso do teléfono para facer chamadas ao concurso e así lograr votos a favor. Evidentemente toda a responsabilidade é do Alcalde pois dou autorización para o uso do teléfono da Casa da Cultura sen ningún tipo de control.

29 de ago. de 2007

Pleno Ordinario

O venres 31 de agosto ás 14:50 h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Coñecemento do decreto da alcaldía sobre nomeamento membros xunta de goberno local e atribución competencias.
3. Coñecemento das resolucións da alcaldía.
4. Rogos e preguntas.

15 de ago. de 2007

Portas estase a quedar atrás

Portas está a vivir unha lenta pero inexorable diverxencia cos concellos do noso entorno, perdendo poboación e peso económico.
Temos un goberno municipal que en 15 anos non amosou ter un proxecto para Portas, pero o pior é saber que tras as eleccións do pasado 27 de maio tampouco o ten. Non hai máis que mirar o seu programa electoral e ver que o proxecto estrela para esta lexislatura é a construción dun mirador con ascensor na chimenea da Azucreira.
Mentres outros concellos dun tamaño similar ao noso traballan por crear solo industrial, atraendo empresas e creando postos de traballo, o alcalde de Portas do Partido Popular planea miradores nunha chimenea.
A creación dun parque empresarial, como propón o BNG, permitiría o desenvolvemento do concello e a fixación da poboación para que os xóvenes non tuveran que marchar de Portas. Sen embargo, o grupo de goberno por non ter, non ten nin sequera a idea de futuro. Nin temos Plan Xeral de Ordeación Municipal (PXOM), nin intención de telo.
A carencia de servizo telefónico de banda ampla (ADSL) é outra mostra da falla de vontade política por resolver as necesidades dos veciños.
Lamentable é ver como o noso alcalde só se preocupa de organizar festas... aquí si que non nos superan.
Non aproveitamos os últimos anos onde se recibiron unha inxente cantidade de cartos da Unión Europea, e agora que se van a acabar en breve, que faremos? Miradores con ascensor?
Dá que pensar.

11 de xul. de 2007

Pleno Extraordinario

O venres 13 de xullo ás 14:50 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación da acta de constitución da corporación do 16 de xuño.
2. Periodicidade das sesións do pleno.
3. Coñecemento de constitución dos grupos políticos municipais e de designación dos seus voceiros.
4. Creación e composición das comisións informativas permanentes.
5. Nomeamento dos representantes da corporación en órganos colexiados.
6. Coñecementos dos tenentes de alcalde.
7. Proposta de designación de concelleiros representantes das distintas áreas.
8. Proposta de creación da xunta de goberno local.
9. Proposta de recoñecemento de dedicación exclusiva, e fixación de indemnización ós concelleiros.
10. Delegación de competencias do pleno na xunta de goberno local.

20 de xuño de 2007

O PP entrega a Insignia de Ouro do Concello a un agresor sexual

No pleno de investidura da actual Corporación Local celebrado o pasado 16 de xuño, o Sr. Alcalde fixo entrega da insignia de ouro do Concello ao ex-concelleiro do Partido Popular Antonio Torres Carballo. Temos que facer varias consideracións.
En primeiro lugar consideramos absolutamente inadecuado que esta persoa reciba a máis importante insignia do Concello, pois durante o seu mandato como concelleiro, foi condeado en sentencia firme do Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra a un ano de prisión por un delito de abusos sexuais.
En segundo lugar, temos que dicir, que o Sr. Alcalde fixo entrega da insignia do Concello sen a previa autorización do Pleno da Corporación Local saltándose a legalidade vixente.

17 de xuño de 2007

Agradecemento

Estimado/a veciño/a:

O pasado domingo 27 de maio o Bloque Nacionalista Galego de Portas acadou a confianza de 595 votantes e unha representatividade de tres concelleiros. Dende o grupo de persoas que integramos o Bloque de Portas dirixímonos a ti co obxeto de agradecerche o apoio que depositaches en nós.
Os resultados acadados nestes comicios son os mellores da historia do BNG no concello de Portas. A pesares de non acadar o obxetivo último do goberno municipal, o Bloque obtivo tres concelleiros e establécese como segunda forza política do concello.
Orgullosos do resultado e conscientes da responsabilidade asumida cando nos presentamos ás eleccións, e sentíndonos respaldados polos veciños e veciñas de Portas que depositaron nas urnas un voto de apoio ao noso proxecto, traballaremos os vindeiros catro anos coa máxima ilusión por acadar un concello mellor.
Con forzas renovadas, aínda que dende a oposición, desarrollaremos iniciativas e propostas pensadas nas necesidades dos veciños e executaremos unha actividade fiscalizadora do goberno municipal coa máxima firmeza e determinación, pero sempre dende a responsabilidade.

Xuntos podemos. 595 votos de ilusión. 595 grazas.

Foto o día da toma de investidura dos 3 concelleiros do Bloque de Portas.