15 de dec. de 2007

En Defensa do Ferrocarril en Portas

O Bloque Nacionalista Galego, totalmente comprometido coa loita dos veciños, reclama a unidade de todas as forzas vivas do Concello en defensa do tren na nosa localidade, sen protagonismos estériles e enfrontamentos que só nos dividen, facilitando as maniobras do Adif.
O grupo municipal do Bloque de Portas fixo, está a facer e fará todo o que estea na súa man na defensa do tren no Concello de Portas. Estas son algunhas das iniciativas máis representativas levadas a cabo polo Bloque de Portas dende hai 10 anos en relación ao ferrocarril como servizo público necesario para Portas:
1. O 29 de xuño de 1997 celébrase un Pleno Extraordinario no Concello de Portas solicitado polo BNG para tratar sobre o Estudo Informativo do proxecto “mellora do eixo ferroviario Redondela-Santiago-A Coruña”. Na moción do BNG esixíase ao Ministerio de Fomento garantías de que o novo trazado para o tren de alta velocidade contemplase a continuidade da actual estación de Portas, ademáis de incluir a supresión de todos os pasos a nivel existentes no concello. O Alcalde popular Roberto Vázquez quitoulle importancia ao Estudo Informativo a pesares dos reiterados avisos da relevancia do asunto que fixeron os representantes do BNG. A acta da sesión plenaria recolle: “la Presidencia manifiesta que porque se realice un estudio no significa que se lleve a cabo".
2. En marzo de 1998 o BNG de Portas presenta unha serie de Mocións en defensa da Estación de Portas e a supresión dos pasos a nivel existentes no Concello de Portas ante o Parlamento de Galicia.
3. O 24 de abril de 1998 celébrase un Pleno Extraordinario no Concello de Portas a petición do Bloque para debater sobre as tres alternativas que presenta o estudo informativo do proxecto de construcción da futura liña de alta velocidade. O Bloque esixe que se execute a primeira das opcións, que supón a reforma do actual trazado mantendo a actual Estación de Portas ademáis da supresión dos pasos a nivel existentes. O Alcalde popular Roberto Vázquez só considera como perxudicados a aqueles a quen o novo trazado collese terras, mentras que a postura dos representantes do BNG é que tamén son perxudicados aqueles aos que se lles prive do servizo ferroviario. O Alcalde tamén manifesta que non estaría dacordo con que xurdira unha Plataforma Veciñal en Defensa da continuidade da Estación e a súa mellora.
4. En abril de 1998 o BNG de Portas publica un “Boletín Municipal” fixando a súa posición fronte á variante Portas-3, que é o trazado que hoxe está construido, contra a desaparición da Estación de Portas e reclamando a supresión dos pasos a nivel no concello. Presentouse unha campaña de alegacións contra o proxecto, implicando aos concellos veciños, e organizáronse actos informativos en todas as parroquias ao longo do mes de maio de 1998.
5. En maio de 1998 o Bloque presentou alegacións contra a variante Portas-3, reclamando a permanencia da actual Estación de Portas e a supresión dos pasos a nivel existentes. Estas alegacións foron apoiadas por 3000 sinaturas e presentadas ante o Ministerio de Fomento: Secretaría de Estado de Infraestruturas e Transportes.
6. O 10 de febreiro de 2005 celebrouse un Pleno Extraordinario no Concello de Portas solicitado polo BNG no que se solicitan a Fomento a corrección de numerosos danos que lle están a causar as obras da nova liña de ferrocarril aos veciños. O punto 5 da moción presentada di:
“Solicitar o aumento de trens con parada en Portas e trasladar o acordo aos concellos que contan con pequenas estacións ou apeadeiros, Caldas de Reis, Catoira, Barro, Vilaboa, Soutomaior …”.
A acta da sesión recolle: “Sometido o punto a votación pola Presidencia, obtén 6 votos en contra do Partido Popular e 4 votos a favor do BNG, PSOE e CIP”.
7. O 26 de outubro de 2007 o BNG realiza en Pleno ordinario da Corporación Municipal a seguinte pregunta:
O tramo de tren de alta velocidade que pasa por Portas (Lantaño-Valiñas) segundo as previsións vai a entrar en servizo polo mes de febreiro do vindeiro ano. Cal é a previsión de Renfe ou Adif para a liña actualmente en servizo?, e cal vai a ser a postura que tome o Concello de Portas ante un posible peche da liña actual?”.
A resposta da Presidencia foi: “non sei nada” e concluiu pedíndolle ao voceiro do BNG: “pasa á seguinte pregunta”.
8. O 17 de decembro de 2007 Olaia Fernández, deputada do BNG no Congreso dos Deputados en Madrid, presentou unha moción no Congreso do Estado solicitando a permanencia da Estación de Portas e a creación dunha liña de trens de cercanías no eixo atlántico ferroviario.


A actuación do BNG basease en catro liñas básicas:
1. Buscar a unidade de acción nas forzas políticas do Concello, mediante a adopción de acordos plenarios.
2. Informar aos veciños.
3. Apoiar a iniciativa dos veciños.
4. Xestionar e trasladar as peticións dos veciños aos centros de poder e toma de decisións.

24 de out. de 2007

Pleno Ordinario

O venres 26 de outubro ás 14:50 h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Coñecemento resolucións da alcaldía.
3. Rogos e preguntas.

20 de out. de 2007

A incapacidade do Alcalde fixo que Portas perdese case 35.000 € para limpeza das zonas próximas aos núcleos

Nos meses de abril e maio deste ano (as eleccións municipais celebráronse o 27 de maio) o Concello de Portas publicou sendos “Boletíns Informativos” que nós consideramos como propaganda electoral financiada por todos os veciños de Portas. Preguntámonos como é posible que só se publiquen este tipo de boletíns preto de celebrarse algún tipo de eleccións.
Para ver ata que punto é simple propaganda electoral imos dar un exemplo das numerosas promesas feitas nos boletíns que logo das eleccións se transformaron en incumprimentos. Nos dous boletíns mencionados, o Concello informaba da sinatura dun convenio coa Consellaría do Medio Rural para levar a cabo a limpeza de zonas preto dos núcleos de poboación por un importe de 34.875 € (case 6 millóns de pesetas). 6 meses despois desta información a realidade é que o Concello non gastou nin un só céntimo deses cartos, polo que voltaron á Consellaría e polo tanto perdéronse. É increible como despois da vaga de lumes do ano pasado e da enorme necesidade de limpeza dos entornos de moitos núcleos de poboación o Concello estragase case 35.000 €. É unha situación intolerable.

3 de out. de 2007

Pleno Extraordinario

O venres 5 de outubro ás 14:50 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Aprobación orzamento 2007.
3. Expediente extraxudicial de créditos nº 1/2007.
4. Ratificación convenio entre o consorcio galego de servizos de igualdade e benestar e o concello de Portas para a xestión do centro de día de Portas.
5. Cesión do uso do equipamento do centro de día para a súa xestión por parte do consorcio durante o período convenido.
6. Cesión do uso do centro social e cultural (Teleclube) de Romai.

1 de set. de 2007

O Concello gasta 4000 € en chamadas a un concurso de TV

Durante os meses de xuño e xullo deste ano prodúxose un gasto de case 4000 € no teléfono da Casa da Cultura de Portas. Segundo as explicacións do Alcalde, este consumo desmesurado de teléfono foi provocado por unha concursante do programa Son de Estrelas da Televisión de Galicia á cal el mesmo lle dou autorización para o uso do teléfono para facer chamadas ao concurso e así lograr votos a favor. Evidentemente toda a responsabilidade é do Alcalde pois dou autorización para o uso do teléfono da Casa da Cultura sen ningún tipo de control.

29 de ago. de 2007

Pleno Ordinario

O venres 31 de agosto ás 14:50 h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Coñecemento do decreto da alcaldía sobre nomeamento membros xunta de goberno local e atribución competencias.
3. Coñecemento das resolucións da alcaldía.
4. Rogos e preguntas.

15 de ago. de 2007

Portas estase a quedar atrás

Portas está a vivir unha lenta pero inexorable diverxencia cos concellos do noso entorno, perdendo poboación e peso económico.
Temos un goberno municipal que en 15 anos non amosou ter un proxecto para Portas, pero o pior é saber que tras as eleccións do pasado 27 de maio tampouco o ten. Non hai máis que mirar o seu programa electoral e ver que o proxecto estrela para esta lexislatura é a construción dun mirador con ascensor na chimenea da Azucreira.
Mentres outros concellos dun tamaño similar ao noso traballan por crear solo industrial, atraendo empresas e creando postos de traballo, o alcalde de Portas do Partido Popular planea miradores nunha chimenea.
A creación dun parque empresarial, como propón o BNG, permitiría o desenvolvemento do concello e a fixación da poboación para que os xóvenes non tuveran que marchar de Portas. Sen embargo, o grupo de goberno por non ter, non ten nin sequera a idea de futuro. Nin temos Plan Xeral de Ordeación Municipal (PXOM), nin intención de telo.
A carencia de servizo telefónico de banda ampla (ADSL) é outra mostra da falla de vontade política por resolver as necesidades dos veciños.
Lamentable é ver como o noso alcalde só se preocupa de organizar festas... aquí si que non nos superan.
Non aproveitamos os últimos anos onde se recibiron unha inxente cantidade de cartos da Unión Europea, e agora que se van a acabar en breve, que faremos? Miradores con ascensor?
Dá que pensar.