16 de abr. de 2008

O servizo municipal de recollida de lixo está a usar a finca da Azucreira como vertedoiro ilegal

A finca da Azucreira atópase nun abandono absoluto ante a indolencia do goberno municipal do Partido Popular.

Dende hai semanas o servizo municipal de recollida de lixo está a depositar todo tipo de escombro e voluminosos na finca da Azucreira. Mobles vellos, ferros oxidados, colchóns, cristais, colectores rotos e todo tipo de lixo acumúlase a escasos metros da Galescola, o Centro de Día e o auditorio municipal, co perigo que esto supón.

O abandono da finca é practicamente absoluto. Se ata agora as obras incompletas, o escombro e a maleza se extendían incontroladamente por todas as partes, dende hai unhas semanas hai que engadir un vertedoiro ilegal creado polos propios servizos municipais, sen que o goberno municipal do Partido Popular lle poña freo e tome medidas.

Son varias as obras en execución na finca, comezadas hai anos e sen horizonte de finalización, que carecen de balizamento e sinalización, supoñendo un risco para os cativos que xogan nas instalacións próximas.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno Municipal de Portas que poña fin ao deterioro da finca da Azucreira. O BNG esixe a retirada inmediata dos verquidos de lixo, o valado e sinalización das zonas en obras e o mantemento axeitado das zonas axardinadas.

13 de abr. de 2008

Cea-Xuntanza de homenaxe a Pepe Abalo

O venres 11 de abril de 2008 celebrouse no Restaurante Sete Arcos de Godos una cea-xuntanza coa presenza de máis de 80 amigos e simpatizantes do Bloque de Portas para homenaxear a Pepe Abalo polo seu compromiso co Concello de Portas e os seus veciños e veciñas.


Susana Antón deleitounos cunhas palabras hacia Pepe:

"Boas noites. Acabamos de desfrutar dunha cea moi animada, con boa comida, con bo ambiente... Unha noite de primavera nun mes emblemático e cheo de evocacións... Confeso que me gusta o mes de abril: de xeito especial.
Abril é o mes da revolución máis fermosa de tódolos tempos, aquela que tivo lugar no país no que seguramente noutras circunstancias non me importaría vivir, o cercano Portugal. Falo, por suposto, da inesquencible revolución dos caraveis...
Se nos remontamos bastantes anos atrás, outro día de abril abriuse unha gran esperanza de liberdade que aínda hoxe conmove a nosa memoria e que parecía albiscar unha nova realidade para esta nación de nacións.
Revolución, república... Fermosas palabras, como fermoso é o motivo que nos trouxo esta noite ata aquí. Existe unha Gran Historia, con maiúsculas e existe tamén a cotiá, a que se nutre dos nosos fitos persoais. Penso que para nós, este 11 de abril ficará no nosa historia particular como unha data especial.
E seguindo coas palabras, hai algunhas que me gustan especialmente: amizade, bondade, xustiza, ilusión, liberdade... igual que hai actitudes que prefiro por enriquecedoras, sorprendentes ou distintas. Gústame atopar xente da que aprender, xente a quen poida admirar, xente que sexa pura e inequívoca de conviccións, coherente e consecuente na súa actuación, constante e lúcida na loita polos seus ideais...
Creo que a vida é unha aprendizaxe. Aprendemos de moitos xeitos e cada un escolle o que lle vale , o que lle chama a atención ou aquel que simplemente lle interesa mais, sen dúbida, a maneira máis gratificante de facelo é a través dos feitos dos demais, da observación destes comportamentos e da reflexión que eles nos provocan.
Ás veces, isto conleva unha revolución dentro de nós e, de súpeto, descobres cáseque unha realidade paralela e es consciente de que hai formas de estar na vida que son as realmente valiosas, as que deixan pegada e que son xerme de transformación.
E transformar para mellorar o que nos rodea é un obxectivo bo , que engrandece a quen o intenta.
Transformar a nosa realidade máis próxima é, por outra banda, a única maneira posible de cambiar o mundo.
Xa falei de aprendizaxe anteriormente, mais creo que é un concepto moi axeitado ao motivo que fai que hoxe esteamos aquí todos nós. Esta é unha reunión de amigos para homenaxear e mostrar o noso afecto e admiración a unha persoa extraordinaria. Esta é unha homenaxe a Pepe Abalo de quen eu, e todos e todas as que estivemos preto del ao longo destes anos dentro e fóra do concello, aprendemos:
Honestidade, entrega, valor, esforzo, dignidade.
E trinta anos son exemplo máis que suficiente e contundente de constancia, de loita para intentar mudar e mellorar as cousas.
Verdadeiramente é un privilexio o coñecer a unha persoa cunha calidade e calidez humana tan intensa como Pepe.
Por iso, Pepe, sentimos o orgullo e a alegría de poder estar hoxe tantos amigos preto de ti para agradecerche todo o traballo que desenvolveches ao longo deste tempo e para lembrarche que non estamos dispostos a prescindir dunha persoa da túa valía.
E, para rematar, como esta é unha noite máxica, gostaría de ler unha pequena historia do escritor urugaio Eduardo Galeano. A historia di así...
Un home do pobo de Neguá, na costa de Colombia, pudo subir ó alto ceo. Á volta, contou. Dixo que contemplara, dende arriba, a vida humana. E dixo que somos un mar de pequenos lumes:
O mundo é iso, revelou. Un montón de xente, un mar de pequenos lumes.
Cada persoa brilla con luz propia entre todas as demais. Non hai dous lumes iguais.
Hai lumes grandes e lumes pequenos e lumes de tódalas cores.
Hai xente de lume sereno , que nin se entera do vento e xente de lume tolo que enche o aire de muxicas.
Algúns lumes, lumes bobos, non alumean nin queiman, pero outros arden a vida con tantas ganas que non se pode miralos sen deslumbrarse e quen se achega e eles, ilumínase.
Que saibas, Pepe , que ti es un deses grandes lumes que iluminan sempre."
Posteriormente, fíxoselle entrega duns agasallos de recordo: un retrato en carboncillo, unha figura de cerámica e un ramo de flores.
Por último, Pepe Serantes adicoulle un poema de Bertolt Brecht:
Á boa xente coñéceselle
en que resulta mellor
cando se coñece. A boa xente
invita a mellorala, porque
que é o que a un o fai sensato? Escoitar
e que lle digan algo.

Pero, ao mesmo tempo,
melloran ao que os mira e a quen
mira. Non só porque nos axudan
a buscar comida e claridade, senón, ainda máis,
sonnos útiles porque sabemos
que viven e transforman o mundo.

Cando se acude a eles, sempre se lles encontra.
Acórdanse da cara que tiñamos
cando os vimos por última vez.
Por moito que cambiaran
-pois eles son os que máis cambian-
resultan ainda máis recoñecibles.

Son coma unha casa que axudamos a construír.
Non nos obrigan a vivir nela,
e en ocasións non nolo permiten.
Por pouco que sexamos, sempre podemos ir a eles, pero
temos que escoller o que levemos.

Saben explicar o porqué dos seus agasallos,
e se despois os ven arrinconados, rinse.
E responden ata nesto: en que,
se nos abandonamos,
abandonámolos a eles.

Cometen erros e rimos,
pois se poñen unha pedra no lugar equivocado,
vemos, ao mirala,
o lugar verdadeiro.
O noso interese gañan cada día, o mesmo
que gañan o seu pan de cada día.
Interésanse por algo
que está fóra deles.

A boa xente preocúpanos.
Parece que non poden realizar nada sos,
propoñen solucións que esixen ainda tarefas.
En momentos difíciles de barcos naufragando
de pronto descubrimos fixa en nós a súa mirada intensa.
Ainda que tal como somos non lles gustamos,
están de acordo, sen embargo, con nós.

12 de abr. de 2008

Estado de Conservación do Colexio Público "Domingo Fontán" de Portas

O colexio público “Domingo Fontán” está nun estado moi deficiente, motivado pola falla de mantemento, que provoca que se produzan situacións de perigo para a seguridade dos nenos e nenas nalgúns lugares do patio, como:
  • no patio cuberto de primaria, onde os ferros están oxidados e picados, e a cubricción de uralita traslúcida está a desfacerse,
  • os campos asfaltados teñen o piso levantado polas raíces das árbores, con pedras visibles á vista e incluso hai buratos debaixo da canastra,
  • o valado de peche do recinto escolar está nun estado ruinoso nalgunhas partes,
    a entrada do colexio está nun estado lamentabel con pedras, socabóns e fochancas,
  • a instalación eléctrica na parte máis antiga do colexio está a dar problemas.

Ademáis, tamén hai que ter en conta que:

  • non se rematou de pintar a parte máis antiga do colexio,
  • non se sustituiron as portas das aulas do edificio antigo,
  • os patios cubertos aláganse cando chove,
  • nos campos de xogo non asfaltados as tapas non teñen unha protección axeitada.

Por outra banda, os horarios actualmente establecidos de entrada no centro escolar e das comidas son totalmente inadecuados. Os cativos comezan as clases ás 9:45 h imposibilitando a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e provocando situacións de perigo cando menores de idade quedan desatendidos na casa ou ao coidado dos irmáns maiores. Ademáis, o segundo turno de comida comeza ás 15:05 h, polo que os alumnos de Secundaria só teñen 25 minutos para xantar antes de coller o autobús de volta para as súas casas.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que o colexio público é unha das institucións máis importantes do Concello de Portas. A educación pública de calidade é un dereito dos nosos nenos e nenas, sen ter que renunciar á conciliación da vida familiar e laboral dos pais. O BNG esixe que se cumpra o acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Fregamp para o desenvolvemento do pacto local asinado en maio de 2007.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción dos seguintes
ACORDOS
  1. Apoiar a petición dos pais de alumnos e do Consello Escolar para adiantar o horario de entrada dos alumnos no centro escolar para unha mellor conciliación da vida familiar e laboral.
  2. Instar á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a realización urxente das obras necesarias no colexio público “Domingo Fontán” para garantir a seguridade dos usuarios e unha adecuada conservación das instalacións.
  3. Asumir as obrigas que o Concello de Portas ten co colexio “Domingo Fontán”, en base ao acordo asinado entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a FREGAMP.

15 de mar. de 2008

Cea-Xuntanza do BNG de Portas

O venres 11 de abril ás 21:30 h. celebrarase unha Cea-Xuntanza do BNG de Portas, no restaurante Sete Arcos de Godos (aproximadamente 80 asistentes).

Están convidados todos os amigos e simpatizantes.

O prezo por comensal será duns 20-25 euros.

Para anotarse á cea, poñerse en contacto con Xavier, Keko, Arturo, Pili, Serantes, Susana, ...

14 de mar. de 2008

O BNG propón un Programa de Dixitalización no Concello de Portas

O Concello de Portas foi o último concello do noso entorno en acadar o acceso á banda ampla de internet.
As competencias en Telecomunicacións de Internet tenas o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio do Estado Español e non están transferidas na nosa Comunidade Autónoma, polo que non é responsabilidade da Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio está a promover a nivel estatal un “Programa de extensión do acceso á banda ampla en zonas rurais e ailladas”. Como consecuencia deste programa o Concello de Portas dispón, segundo o núcleo de poboación considerado, de acceso á banda ampla mediante diversas tecnoloxías: ADSL Rural, WIMAX ou Satélite.
O desenvolvemento deste programa no Concello de Portas a 18 de febreiro de 2008 é:

En concreto a tecnoloxía sen fíos denominada Wimax está dispoñible en case todo o Concello dende a lo menos xaneiro de 2008, e permite dispor de acceso a internet sen ter conexión á rede telefónica convencional polo que pode dar servizo a toda a poboación aínda que esté aillada. Sen embargo, a empresa que instalou o sistema e que o explota está a pór moitos atrancos para a contratación do mesmo.
O servizo Wimax pódese contratar con Telefónica en catro modalidades diferentes segundo a velocidade de conexión:
1. Velocidade de 256 kb a 39 €/mes.
2. Velocidade de 512 kb a 75 €/mes.
3. Velocidade de 1 Mb a 120 €/mes.
4. Velocidade de 2 Mb a 150 €/mes.
Ademáis o custo de alta é de 39 € e a instalación da antena no exterior da vivenda e o cableado no interior da vivenda ata o ordenador é de 126 €. Prezos sen IVA.
A velocidade máxima do servizo ADSL Rural, en caso de estar dispoñible, é diferente segundo o núcleo de poboación (algúns exemplos: Casal, Bouza ou A Estación teñen ata 3 Mb, Cachal ou Paredes teñen ata 1 Mb, Vilavedra 512 kb, etcétera). Os prezos ofertados por Telefónica son (custo de alta 39 €):
1. Velocidade de 512 kb a 39 €/mes.
2. Velocidade de 1 Mb a 75 €/mes.
3. Velocidade de 2 Mb a 120 €/mes.
4. Velocidade de 4 Mb a 150 €/mes.
Por último a tecnoloxía Satélite está dispoñible en case todo o Concello, e permite cunha antena parabólica acceder a “descargar” (dirección rede-usuario) a velocidade de banda ampla pero para “subir” (dirección usuario-rede) a velocidade está limitada á liña de fíos convencional, polo que non resolve o problema de conexión nunha das dúas direccións. Os prezos mensuais e os gastos iniciais tamén son moi elevados.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que a banda ampla de internet é un servizo básico para a poboación e que polo tanto debe ser accesible en igualdade de condicións para todos os cidadáns independentemente de se viven no rural ou na cidade. O BNG considera que os prezos ofertados son desproporcionados e inxustos pois son moi superiores aos existentes en zona urbana para o mesmo nivel de servizo prestado.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción dos seguintes

ACORDOS

1. Instar ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a ampliar o acceso á banda ampla de internet en toda a extensión do Concello de Portas.
2. Instar á empresa Telefónica S.A. a que iguale os prezos de acceso á banda ampla no medio rural cos prezos do servizo equivalente en zona urbana.
3. Instar ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a que promova iniciativas conduxentes a reducir os prezos do servizo de banda ampla de internet nas zonas rurais e ailladas no Concello de Portas.
4. Acadar un convenio de colaboración coa Consellaría de Innovación e Industria para promover a creación dunha rede sen fíos para acceso a internet no Concello de Portas.

Desenrolar un programa de dixitalización do Concello de Portas incidindo en tres liñas estratéxicas:

5. Creación de puntos de acceso gratuitos a internet nos centros culturais e sociais das catro parroquias: Briallos, Lantaño, Portas e Romai.
6. Fomento da administración electrónica para axilizar os trámites co Concello.
7. Desenrrolo dun programa de alfabetización dixital para promover o uso das novas tecnoloxías dende os máis novos ata os máis maiores.

12 de mar. de 2008

Recuperación da Fonte Pública e Lavadoiro da Regueira en Fontenla-Cachadas e do seu entorno (Lantaño)

O luns, 18 de febreiro de 2008 destrueuse a Fonte Pública e Lavadoiro da Regueira no lugar de Fontenla-Cachadas, parroquia de Lantaño. O derribo foi realizado por un veciño do lugar que afirma ser o seu propietario lexítimo e contar con todos os permisos. Sen embargo, a Fonte-Lavadoiro referida é unha propiedade veciñal que se ven empregando de forma continuada dende tempo inmemorial, tanto para lavar roupa como para usar a súa auga.

O martes 19 de febreiro o concelleiro do Partido Popular D. José Esperón Maquieira, actuando como Alcalde en Funcións do Concello de Portas por ausencia de D. Roberto Vázquez Souto que se atopaba en viaxe privado, afirmou ante os veciños do lugar, e posteriormente ante a prensa, que a destrucción da construcción era totalmente legal pois, según el, o seu propietario, que o era por unha permuta co Concello, contaba con todos os permisos municipais.

Con anterioridade a estes feitos, en outubro de 1998, os veciños do lugar de Fontenla-Cachadas asinaron e presentaron unha petición ao Concello de Portas para que se respetase a Fonte-Lavadoiro e non fose trasladada de lugar. Escrito que nin foi atendido nin foi respostado.

Tamén é importante sinalar algúns antecedentes que demostran a titularidade veciñal desta construcción. No ano 1970 o Concello acometeu a obra de cubrición do lavadoiro a petición dos veciños a través do Alcalde de Barrio D. Ovidio Rodríguez Rodríguez. Dende entón, tanto os veciños como o Concello de Portas levaron a cabo de forma continuada obras de limpeza e acondicionamento da Fonte e do Lavadoiro, facendo uso do seu dereito a conservar e usar o único ben público deste tipo existente no lugar. De feito, no Lavadoiro as últimas obras de conservación e limpeza realizadas polo Concello son do pasado ano 2007.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que a Fonte-Lavadoiro da Regueira é unha propiedade patrimonial pública que debe ser respetada e que o Concello de Portas debe tomar todas as medidas necesarias para o restablecemento á situación previa, paralizando os recheos na zona, ordeando a reconstrucción de forma urxente da Fonte-Lavadoiro e tomando as medidas necesarias para protexer a construcción e o seu entorno.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción dos seguintes
ACORDOS
1. Realización dunha medición completa da parcela da Fonte-Lavadoiro da Regueira e as parcelas anexas, e comprobación da veracidade dos documentos de propiedade.
2. Delimitación dos terreos públicos da Fonte-Lavadoiro da Regueira e das parcelas municipais permutadas por acordo do Pleno da Corporación con data 5 de novembro de 1998 (parcela denominada “Monte Regueira”), para garantir a súa conservación e acceso libre e público.
3. Ordear a reposición ao seu estado orixinal da Fonte-Lavadoiro.
4. No caso de que nun prazo máximo de tres meses (3 meses) o destructor da Fonte-Lavadoiro non repoña a construcción ao seu estado orixinal, o Concello de Portas acometerá de forma subsidiaria a súa reposición e repercutirá os custes dos traballos no destructor D. Ovidio Rodríguez.
5. Solicitar informe ou denuncia a Augas de Galicia pola destrucción da Fonte-Lavadorio.
6. Reposición da taxea que cruza a pista en fronte do camiño de acceso á Fonte-Lavadoiro para que as augas de choiva teñan saída cara o regato da Regueira como hai anos e evitar que se produzan pozas de auga na pista.

Novas relacionadas en xornais:
http://www.lavozdegalicia.es/pontevedra/2008/03/14/0003_6650365.htm
http://www.lavozdegalicia.es/pontevedra/2008/03/14/0003_6650366.htm

Asemblea Local do BNG de Portas

O venres 14 de marzo ás 21:00 h. celebrarase unha asemblea local no Centro Cultural de Romai.

Trataranse temas de política local e o análise dos resultados electorais do pasado 9 de marzo.

Rógase asistencia e puntualidade.