28 de feb. de 2009

Aprobadas 3 mocións do BNG de Portas

No pleno ordinario de 27 de marzo aprobáronse por unanimidade as 3 mocións que presentou o BNG de Portas.
O Bloque é o único grupo municipal que se está a comportar con responsabilidade, presentando iniciativas e defendendo os intereses dos veciños e veciñas, para lograr que se melloren os servizos que o concello presta aos cidadáns.
1. Moción do BNG para a reparación urxente e reforma do pavillón de Romai. Durante o pleno, quedou demostrada a absoluta deixadez do PP que durante máis de 19 anos gobernando o concello de Portas, e nos 14 últimos anos en que o alcalde Roberto Vázquez tamén é membro da directiva da Comunidade de Montes de Romai non se fixo ningún tipo de actuación no pavillón, que se atopa en estado de abandono absoluto. Grazas á presión que o BNG exerceu logrouse aprobar a súa reforma e reparación urxente, sen embargo, o grupo de goberno do PP negouse a establecer prazos nin asignación orzamentaria.
2. Moción do BNG sobre o aseguramento do suministro de auga para a traída municipal de Briallos. O grupo de goberno do PP do Concello de Portas non presentou ningunha alegación ao proxecto da Deputación de Pontevedra que pretende facer unha captación de auga no río Chaín a escasos metros da captación para a traída de auga de Briallos, demostrando abandonar os intereses dos veciños e veciñas de Briallos para someterse sumisamente aos intereses partidistas e quedar ben co presidente da Deputación. Coa presión que exerceu o BNG de Portas, o grupo de goberno veuse obrigado a esixir da Deputación e de Augas de Galicia o mantemento do caudal necesario para o consumo da parroquia de Briallos.
3. Moción do BNG para a reparación da pontella de Salaceda a Tivo. Esta pontella sobre o río Chaín está moi deteriorada polo paso de camións e as enchentas do último inverno. Foi o BNG de Portas quen logrou que o grupo de goberno do concello de Portas tomase as medidas necesarias para esixir ao Concello de Caldas de Reis a reparación da pontella.

26 de feb. de 2009

Asemblea Local de Portas

O sábado 28 de febreiro ás 20:30 h. celebrarase unha asemblea local no Teleclube de Romai.
Trataranse temas de política local e recollida de credenciais para as mesas electorais.
Rógase asistencia e puntualidade.

24 de feb. de 2009

Pleno Ordinario

O venres 27 de febreiro ás 14:50 h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación actas sesións anteriores.
2. Moción do BNG para a reparación urxente e reforma do pavillón de Romai.
3. Moción do BNG sobre o aseguramento do suministro de auga para a traída municipal de Briallos.
4. Moción do BNG para a reparación da pontella de Salaceda a Tivo.
5. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
6. Rogos e preguntas.

21 de feb. de 2009

O BNG presenta unha moción para a reparación da pontella de Salaceda a Tivo

Na pista que vai da Rapeira a Tivo (ou de Salaceda a Tivo, Arcos da Condesa) hai unha pontella sobre o río Chaín. Esta pontella está construída integramente en pedra, incluso a superficie de paso, que está feita cunhas lousas.
Dende hai meses, un dos pilares da ponte sufreu algún tipo de patoloxía que está a provocar o desprazamento das lousas do tableiro, ata o punto de que algunha sofre importantes afundimentos, que poñen en perigo a integridade da estrutura e polo tanto a seguridade dos usuarios.
A pontella pertence ao Concello de Caldas de Reis, pero é usada por moitos veciños e veciñas de Portas para os seus desprazamentos hacia Tivo. Tamén debe terse en conta que co futuro paso a nivel que se vai construir en Salaceda, é moi previsible que aumente o tráfico sobre a pontella.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego reclama do Concello de Portas que realice as xestións oportunas frente do Concello de Caldas de Reis para que se leve a cabo a reparación urxente da pontella.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción dos seguintes
ACORDOS

1. Reclamar do Concello de Caldas de Reis a reparación da pontella.
2. Informar a Augas de Galicia do estado de conservación da pontella.

20 de feb. de 2009

O PP fai campaña con cartos públicos

O alcalde de Portas ven de publicar un bando municipal para convocar a todos os veciños e veciñas a un acto o próximo domingo 22 de febreiro no auditorio da Azucreira coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra coa escusa de presentar o proxecto do tramo de estrada dende a Ponte Chaín ata Caldas, e anunciar o asfaltado da estrada vella da Ponte Chaín ata a Estación. Por suposto, a todos aqueles que asistan serviráselles un viño.

O BNG denuncia que este acto vulnera as leis electorais ao facerse coincidir coa campaña electoral, e considera que é un mitin electoral do Partido Popular pagado cos cartos de todos os veciños e veciñas de Portas.

A coincidencia do anuncio da realización dunhas obras de escasa importancia (e pertencentes ao Concello de Caldas de Reis) cunha campaña electoral non deixa der ser un dos moitos agravios que o PP está a exercer sobre a democracia.

Tamén hai que recordar que o BNG de Portas ten vetado o uso das instalacións do auditorio da Azucreira por orde do grupo de goberno do PP, sen embargo, non teñen problema en usalas para actos partidistas pagados con cartos públicos.
Quizáis habería que preguntarlle ao presidente da Deputación cando se vai rematar a estrada de Valiñas a A Goulla que leva en obras máis de 10 anos, e por que os gastos do viño non se empregan en arranxar os desperfectos que presenta a obra nos tramos xa executados, onde a auga se acumula en enormes charcos.

19 de feb. de 2009

Asemblea Local de Portas

O venres 20 de febreiro ás 20:30 h. celebrarase unha asemblea local no Teleclube de Romai.
Trataranse temas de política local e preparación para as vindeiras eleccións autonómicas.
Rógase puntualidade.

Anxo Quintana e o BNG, garantía de máis avances para Portas

Durante a última lexislatura do goberno galego o BNG, encabezado por Anxo Quintana, puxo en marcha políticas transformadoras de cambio real, ao servizo das maiorías sociais, mudando de xeito definito e imparable a forma de entender a política e a relación cos cidadáns.
Xa ninguén pode poñer en dúbida o compromiso do Bloque con Portas. Porque os concellos rurais tamén temos dereito a dispór de servizos de calidade, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, dirixida por Anxo Quintana, financiou e creou en Portas unha Galescola e un Centro de Día, sen importar a cor política do goberno local.
Unha ansiada Galescola para que os nenos e nenas de 0 a 3 anos reciban un servizo de atención nunha rede galega, pública e de calidade, favorecendo a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais.
Un Centro de Día onde os nosos maiores dependentes poidan recibir unha atención terapéutica profesional, manténdose no seu contorno habitual e preto das súas familias, que reducen ás súas cargas.
Tamén outras consellarías de competencia do BNG, como Medio Rural, Innovación e Industria ou Cultura e Deporte realizaron millonarios investimentos en Portas: construción de estradas, saneamento, limpeza e xestión dos montes, construción e rehabilitación de centros culturais, produción cultural, promoción de festas populares,…

Mentres, o PP local adícase a boicotear as actuacións da Xunta, en contra dos intereses dos veciños e veciñas de Portas, con tal de gañar postos dentro do seu propio partido, antepoñendo os seus intereses persoais aos colectivos.
Estrada de San Xoán a Outeiro.

Centro cultural "Domingo Fontán".