15 de set. de 2009

Asemblea local de Portas

O venres 18 de setembro ás 21:30 h. celebrarase unha asemblea local no Teleclube de Romai.
Trataranse temas de política local.
Rógase asistencia e puntualidade.

3 de set. de 2009

UNS ORZAMENTOS INSOLIDARIOS PARA OS NECESITADOS DE PORTAS

O BNG DE PORTAS DESMONTA AS MENTIRAS DO ALCALDE

Ante as declaracións inxuriosas que o Alcalde de Portas, o popular Roberto Vázquez, verteu cara os concelleiros do BNG a raíz das informacións difundidas nas que se criticaban os orzamentos municipais de 2009 (aprobados este luns co único voto a favor do Partido Popular), o BNG ten que dicir:

1. O Bloque Nacionalista Galego ratifícase nos datos aportados e lamenta que o Alcalde de Portas se dedique a insultar á oposición, tratando de distraer a atención sobre os vergoñantes datos dos orzamentos aprobados para o ano 2009. Os datos aportados polo BNG son certos, rigurosos e contrastables.

2. A oposición non dispuxo da documentación necesaria: cadro de persoal, bases de execución, liquidación do orzamento do exercicio anterior, entre outros.

3. Aprobouse unha subida salarial do Alcalde do 6%:
“Dedicación exclusiva Sr. Alcalde” (función 11, capítulo 1, artigo 10, concepto 100)
Ano 2008: 40.730,58 €
Ano 2009: 43.039,00 €

4. Aumentouse a partida de dietas un 25%:
“Dietas. Indemnizacións por razón de servizo” (función 11, capítulo 2, artigo 23, concepto 230)
Ano 2008: 9.600,00 €
Ano 2009: 12.000,00 €

5. Mantívose a suculenta partida destinada a “atencións protocolarias e representativas” por valor de 10.000,00 € (función 11, capítulo 2, artigo 22, concepto 226).

6. Reduciuse a partida dedicada a “Asistencia no Fogar” un 61%:
“Atencións benéficas e asistenciais” (función 44, capítulo 4, artigo 48, concepto 480)
Ano 2008: 18.000,00 €
Ano 2009: 7.000,00 €

7. O capítulo de “inversións reais” (capítulo 6) reduciuse nun 33%:
Ano 2008: 1.281.862,72 €
Ano 2009: 859.561,00 €

O Bloque Nacionalista Galego pídelle ao grupo de goberno do Partido Popular que rectifique e aposte en tempos de crise económica por reforzar as políticas sociais e as inversións produtivas, en lugar de engordar o soldo do Alcalde.

1 de set. de 2009

Portas aproba os orzamentos de 2009

O ALCALDE DE PORTAS AUMENTASE O SOLDO UN 6% EN TEMPOS DE CRISE
Onte, luns 31 de agosto ás 14:50 h. celebrouse unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Portas no que se aprobaron os orzamentos do ano 2009 co único voto a favor do Partido Popular, a pesares de que a oposición non dispuxo de toda a documentación esixida por lei (cadro de persoal, bases de execución, liquidación do orzamento do exercicio anterior, etc.).
Aínda que todos os días o PP se enche a boca coa palabra “austeridade”, o certo é que coa súa maioría absoluta impuxeron unha subida de soldo para o Alcalde do 6% (pasa de 40.730,58 € a 43.039,00 €), incrementaron as dietas e mantiveron unha suculenta partida destinada a atencións protocolarias.
Pola contra, si se acordaron da austeridade cando reduciron nun 63% a partida dedicada a “Asistencia no Fogar”. Os pobres de Portas terán que aguantar como poidan ata que pase a crise ou a “austeridade popular”.
Destaca tamén a redución dun 33% no capítulo de “inversións reais” respecto do ano 2008, debido basicamente á necesidade de facer fronte a unha sentencia xudicial, que recoñece unha débeda do Concello de Portas á empresa Varela Villamor pola construción do edificio da Azucreira, máis os intereses correspondentes, que ascende a 368.900 € (61 millóns das antigas pesetas).
Curiosamente, presupostouse unha partida para axudar á compra de libros de texto, o cal ven a recoñecer que a política autonómica na materia é pura demagoxia e falsidade.

O Bloque Nacionalista Galego solicitou a devolución dos orzamentos por non adecuarse en absoluto ás necesidades das veciñas e veciños de Portas en tempos de crise. En lugar de reforzar as políticas sociais e as inversións produtivas, o PP avoga por engordar o soldo do Alcalde.

27 de ago. de 2009

Pleno Extraordinario

O luns 31 de agosto ás 14:50 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación orzamento 2009.

26 de ago. de 2009

Pleno Ordinario

O venres 28 de agosto ás 14:50 h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación actas sesións anteriores.
2. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
3. Rogos e preguntas.

O Alcalde negouse a incluir na orde do día 3 mocións presentadas en tempo e forma polo grupo municipal do BNG, para tratar de:
1. Reclamación da gratuidade dos libros de texto na ensinanza obrigatoria.
2. Defensa do Hospital Único para a área sanitaria norte de Pontevedra.
3. Reclamación dun local de reunión para o grupo municipal do BNG.

O BNG de Portas presenta unha moción reclamando un local de reunión para o grupo municipal

O Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (RD 2568/1986, de 28/11/1986), di no seu artigo 27:
“Na medida das posibilidades funcionais da organización administrativa da entidade local, os diversos grupos políticos disporán na sede da mesma dun despacho ou local para reunirse de maneira independente e recibir visitas de cidadáns, e o Presidente ou o membro da Corporación responsable da área de réxime interior porá á súa disposición unha infraestrutura mínima de medios materiais e persoais”.
O grupo municipal do BNG de Portas ven demandando insistentemente dende a súa toma de posesión dun local de reunión, que de cumprimento do regulamento anteriormente mencionado, sen embargo, a día de hoxe segue carecendo de tal lugar.
Ben diferente é o trato dispensado ao grupo de goberno do Partido Popular, que usa as instalacións e os medios materiais do Concello ao seu antollo para fins partidistas.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego reclama do Alcalde do Concello de Portas que adopte as medidas necesarias para asignar un local de reunión ao grupo do BNG, que dispoña dunha infraestrutura mínima de medios materiais e persoais.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción do seguinte

ACORDO

Instar ao Alcalde de Portas a que cumpra coa súa obriga de asignar con efectos inmediatos un local de reunión ao grupo municipal do BNG de Portas, que dispoña dunha infraestrutura mínima de medios materiais e persoais.

25 de ago. de 2009

O BNG de Portas presenta unha moción en defensa do Hospital Único para a área sanitaria norte de Pontevedra

Un dos piares nos que se asenta a igualdade e a xustiza social é a sanidade pública. Un dereito fundamental que debe estar garantido para a totalidade da poboación en igualdade de condicións. O nivel de prestacións e servizos da sanidade pública é un dos indicadores principais de calidade de vida dunha sociedade.
Os colectivos sociais, e a sociedade no seu conxunto, levan moitos anos traballando no camiño da mellora das prestacións e servizos sanitarios da área sanitaria norte de Pontevedra. O obxectivo destes anos de traballo coas distintas administracións e de reivindicacións sociais tiveron sempre como horizonte mellorar a calidade da sanidade pública na nosa área funcional.
Un eixo prioritario na actuación dos colectivos sociais sempre foi acadar a construción e posta en servizo dun Hospital Único de referencia, que preste a totalidade dos servizos acordes coas necesidades sanitarias da área.
Os colectivos sociais que traballan pola defensa e mellora da sanidade pública sempre esixiron, e seguen a facelo, compromisos concretos e prazos para a execución deste Hospital: un hospital completo, con todos os servizos, e cunha capacidade adaptada ás necesidades da poboación da área sanitaria norte de Pontevedra.
O recente anuncio do Presidente da Xunta de Galicia e da Conselleira de Sanidade de paralizar a construción do Hospital Único en Montecelo supón o anuncio da renuncia por parte do goberno galego á construción deste equipamento sanitario. As declaracións públicas dos responsábeis do goberno galego amosan con clareza a súa falta de compromiso claro coa sanidade pública na área de Pontevedra: renuncia ao proxecto que está en marcha, aposta polo financiamento privado dos equipamentos sanitarios, presentar como alternativa unha idea de hospital de 300 camas, etc.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción dos seguintes
ACORDOS
1. Esixir á Xunta de Galicia a construción do Hospital Único da área sanitaria norte de Pontevedra, un equipamento que contará cun mínimo de 800 camas dende a súa entra da en servizo.
2. Reclamar do goberno galego a ampliación da carteira de servizos da área sanitaria de acordo coas necesidades sanitarias da mesma.
3. Esixir da Xunta de Galicia o compromiso do financiamento e xestión 100% público deste Hospital.Garantir por parte do goberno galego os compromisos orzamentarios, de xestión e de execución que non supoñan nin máis atrasos nin máis atrancos na construción do hospital.