13 de nov. de 2009

A fonte pública e lavadoiro da Regueira en Fontenla (Lantaño) está seca

A indignación da veciñanza vai en aumento
A fonte-lavadoiro de Fontenla en Lantaño presenta un aspecto desolador. Case dous anos despois de que un veciño destruíra esta propiedade veciñal, e pese á reconstrución parcial que levou a cabo o Concello de Portas, a fonte está seca, cousa que os máis vellos do lugar non recordan, e ademais está cuberta de maleza, escombros e verteduras ilegais.
Unha vez mais o desinterese e abandono do grupo de goberno do Partido Popular está a prexudicar os intereses das veciñas e veciños do lugar que se ven privados da auga que ían a buscar a diario para beber. É necesario proceder á construción inmediata dunha nova arqueta, pois a antiga presenta numerosas fendas que se produciran co derribo do lavadoiro e que non se consideraron na reconstrución feita polo concello.
Vinte e un meses despois da destrución do lavadoiro o Alcalde de Portas, Roberto Vázquez, non cumpriu ningunha das promesas que fixo, a saber, o destrutor non foi sancionado, a fonte-lavodoiro non foi recuperada, os verquidos ilegais na canle do regato próximo non foron retirados e a parcela veciñal non foi delimitada.
Mentres, os ánimos dos veciños non decaen, e xa están pensando en novas mobilizacións para que este asunto non caia no esquecemento.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego esixe ao grupo de goberno do Concello de Portas que cumpra os acordos plenarios, segundo os cales se debería recuperar a fonte-lavadoiro de Fontenla, coa construción dunha nova arqueta, a delimitación da parcela municipal con muros, a retirada das verteduras ilegais de escombros e a sanción do destrutor.



A fonte de Fontenla está seca a pesares das intensas choivas de outono.


A maleza invade a parcela municipal, rodeada de verteduras de escombros e restos das obras.

12 de nov. de 2009

Pleno Extraordinario

O luns 16 de novembro celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello ás 14:50 h., por solicitude do Grupo Municipal do BNG máis o Grupo Mixto, coa seguinte orde do día:

1. Procesos xudiciais abertos contra o alcalde de Portas.
2. Fondo estatal de inversión local 2009.
3. Programa de inundacións.
4. Certificación da secretaria municipal.
5. Enlace entre a estrada PO-8004 (Caldas-Vilanoviña) e o corredor Pontevedra-Vilagarcía.

11 de nov. de 2009

Cea-Homenaxe a históricos militantes falecidos

O sábado, 21 de novembro ás 21:00 h. celebrarase unha cea-homenaxe para lembrar a tres históricos militantes do BNG de Portas: Manolo García, Idelfonso Antón e Manolo "Padín", que faleceron en datas recentes.
A cea celebrarase no restaurante "Chaido dos Latorre" en Portas, onde contaremos coa asistencia de Xosé Manuel Beiras entre outros amigos e familiares que queren recordar o seu traballo e bo facer en favor dos veciños e veciñas de Portas.

4 de nov. de 2009

Asemblea Local de Portas

O venres 6 de novembro ás 21:00 h. celebrarase unha asemblea local no Teleclube de Romai.
Trataranse temas de política local.
Rógase asistencia e puntualidade.

30 de out. de 2009

Solicitude de Pleno Extraordinario

O venres 30 de outubro o BNG xunto co grupo mixto de Portas presentaron unha solicitude de Pleno Extraordinario para solicitar a dimisión do Alcalde, ademais de incluir a discusión de varias mocións que o grupo de goberno do Partido Popular se nega a debater nos plenos ordianarios a pesares de ser presentados en tempo e forma.
As iniciativas que se debaterán serán:
(A) Procesos xudiciais abertos contra a Alcalde de Portas
(B) Fondo estatal de inversión local 2009
(C) Programa de inundacións
(D) Certificación da secretaria municipal
(E) Enlace entre a estrada PO-8004 (Caldas-Vilanoviña) e o corredor Pontevedra-Vilagarcía

(A) PROCESOS XUDICIAIS ABERTOS CONTRA O ALCALDE DE PORTAS

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Actualmente, o Alcalde de Portas está imputado en gravísimos delitos, tanto no ámbito persoal por fraude á facenda pública, como na súa ostentación de cargo público por negociacións prohibidas aos funcionarios.
Tamén hai que ter en conta outras moitas denuncias de particulares interpostas contra o rexedor de Portas nos xulgados polas súas actuacións dende o goberno local. Denuncias que, pola lentitude da xustiza, están sen resolver a día de hoxe, o que lle permite ir capeando a tempestade.
Tampouco hai que esquecer multas que a Delegación do Goberno lle impuxo ao Alcalde por infrinxir a lei que prometeu cumprir cando tomou posesión do seu cargo. Multas que teremos que pagar do noso peto todos os veciños e veciñas de Portas, así como as cargas das defensas legais.
Cada día que o Alcalde segue no seu posto acrecenta o dano sobre este pequeno Concello, avergonzando ás súas veciñas e veciños, que non se merecen tal trato.

Os grupos municipais do Bloque Nacionalista Galego e do PSdeG-PSOE reclaman a dimisión do Alcalde de Portas, Roberto Vázquez Souto.

É por todo isto que propomos ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción do seguinte ACORDO

1. Reprobación do Alcalde de Portas, Roberto Vázquez Souto.

(B) FONDO ESTATAL DE INVERSIÓN LOCAL 2009

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Con cargo ao Fondo para Entidades Locais e o Fondo Especial para a Dinamización da Economía e o Emprego, durante o ano 2009 o Concello de Portas realizou e está a realizar unha serie de obras.
Os grupos da oposición foron totalmente ignorados durante todo o proceso de proposta de proxectos, tramitación, licitación, execución, certificación e xustificación dos traballos, demostrando unha vez máis o talante antidemocrático do goberno municipal.

Os grupos municipais do Bloque Nacionalista Galego e do PSdeG-PSOE reclaman o seu dereito a fiscalizar a acción do goberno municipal, polo que esixen ter acceso aos expedientes completos das obras executadas (ou en proceso de execución) con cargo ao Fondo para Entidades Locais e o Fondo Especial para a Dinamización da Economía e o Emprego.

É por todo isto que propomos ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción do seguinte ACORDO

2. Proporcionar a cada un dos grupos políticos municipais unha copia completa dos expedientes de tramitación das obras financiadas con cargo ao Fondo para Entidades Locais e o Fondo Especial para a Dinamización da Economía e o Emprego, ou no seu defecto, permitir con carácter inmediato que os membros da corporación teñan libre acceso a ditos expedientes completos.
(C) PROGRAMA DE INUNDACIÓNS

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Para paliar os danos das riadas sufridas en novembro de 2006, o Ministerio de Administracións Públicas por medio da Dirección Xeral de Cooperación Local da Secretaría de Estado de Cooperación Territorial concedeu subvencións para catro obras no Concello de Portas por valor de 244.664,02 euros (15/11/2007), condicionadas a unha inversión pola mesma cantidade do Concello de Portas. As obras son as seguintes:
Reparación de muro capela de S. Pedro (Lantaño)
Reparación de muro en Priorato (Briallos)
Reparación en muro en zona do río
Reparación en muro en pista Porto do Salto (Romai)

Os grupos da oposición foron totalmente ignorados durante todo o proceso de tramitación, licitación, execución, certificación e xustificación dos traballos, demostrando unha vez máis o talante antidemocrático do goberno municipal.

Os grupos municipais do Bloque Nacionalista Galego e do PSdeG-PSOE reclaman o seu dereito a fiscalizar a acción do goberno municipal, polo que esixen ter acceso aos expedientes completos das obras executadas (ou en proceso de execución) con cargo ao Programa de Inundacións.

É por todo isto que propomos ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción do seguinte ACORDO

3. Proporcionar a cada un dos grupos políticos municipais unha copia completa dos expedientes de tramitación das obras financiadas con cargo ao Programa de Inundacións, ou no seu defecto, permitir con carácter inmediato que os membros da corporación teñan libre acceso a ditos expedientes completos.
(D) CERTIFICACIÓN DA SECRETARIA MUNICIPAL

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Co obxecto da concentración parcelaria na parroquia de Romai, a Secretaría do Concello de Portas emitiu unha certificación, segundo a cal se atribúe ao Concello de Portas a propiedade da parcela nº 221-2 do polígono nº 7 (segundo plano parcelario da Concentración).
Por outra banda, o veciño Gerardo Fontán Martínez considera que este terreo é da súa propiedade, apoiándose no título de propiedade e no plano catastral (parcela catastral 1093 do polígono 29).
Debido á certificación antes mencionada, o predio está clasificado como “litixinoso” no proceso de concentración parcelaria.
O veciño afectado solicitou en data 15 de maio de 2008 unha copia desta certificación en escrito dirixido ao Alcalde de Portas. Non obtivo resposta.
Con data 15 de outubro de 2008, o mesmo veciño volveu a solicitar por escrito ao Alcalde unha copia da certificación, pero novamente non obtivo resultado. Tamén foron numerosas as ocasións en que se dirixiu oralmente á Secretaria municipal para demandar unha copia da certificación, en todas elas negóuselle a documentación requerida.
Sen entrar a valorar o contido e o sustento dos argumentos que deron lugar a emitir esta certificación, os asinantes desta moción consideran que é inaceptable que o Alcalde de Portas e a Secretaria municipal se neguen a proporcionar a un interesado directo unha copia dunha certificación emitida pola Secretaría Municipal.

É por todo isto que propomos ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción do seguinte ACORDO

4. Proporcionar unha copia da certificación emitida pola Secretaría municipal na que se fai referencia á propiedade municipal da parcela nº 221-2 do polígono nº 7 (plano parcelario da parroquia de Romai), tanto ao veciño que a demanda, Gerardo Fontán Martínez, como a cada un dos membros da corporación municipal.
(E) ENLACE ENTRE A ESTRADA PO-8004 (CALDAS-VILANOVIÑA) E O CORREDOR PONTEVEDRA-VILAGARCÍA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Por ser a estrada PO-8004 (Caldas-Vilanoviña) moi importante para o noso Concello e para os lindeiros, que soporta actualmente unha elevada intensidade de tráfico de vehículos que se dirixen do interior á costa e viceversa, é o caso do tránsito orixinado entre Caldas de Reis, Cuntis, Moraña, Campo Lameiro, A Estrada, Silleda, Lalín, Vila de Cruces, e a zona de Cambados, Vilagarcía, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Ribadumia, véndose este tráfico incrementado exponencialmente nos meses de verán. Un enlace nesta estrada co corredor Pontevedra-Vilagarcía ten un especial interese para facilitar e axilizar o tráfico na zona e promover as posibilidades de desenvolvemento de Portas.
Por quedar Portas desfavorecido no pasado e saír prexudicado co paso da Autoestrada do Atlántico sen ter ningún acceso dende o municipio. Tamén por saír especialmente prexudicado coas obras do tren de velocidade alta Vigo-A Coruña, asemade sen ter ningunha vantaxe para o noso Concello, senón todo o contrario prexudicando a permeabilidade de tránsito. Deste xeito, este enlace que se propón, é de vital importancia para unha rápida incorporación á autoestrada AP-9 e para chegar a grandes núcleos de poboación moi importantes para nós como son Pontevedra, Vilagarcía, Vigo ou Santiago, sobre todo por razóns laborais, hospitalarias, económicas, financeiras, de comercio e mercado.
Porque en termos poboacionais, a non construción deste enlace deixaría a máis da metade da poboación do concello de Portas sen un servizo que a día de hoxe, é moi sinxelo de conseguir que se execute.
Por ser a estrada PO-8004, a principal vía de comunicación rodada, sobre todo das parroquias de Portas e Lantaño, eixo único e principal sobre o cal se apoia o desenvolvemento desta grande parte do Concello.

Os grupos municipais do Bloque Nacionalista Galego e do PSdeG-PSOE consideran que sería outro erro histórico e outra oportunidade perdida permitir que as grandes infraestruturas ocupen o territorio do noso concello pero sen poder servirse delas.

É por todo isto que propomos ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción dos seguintes ACORDOS

5. Demandar da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galiza a construción dun enlace entre a estrada PO-8004 (Caldas-Vilanoviña) e o corredor Pontevedra-Vilagarcía, que se prevé executar proximamente.
6. Instar ao grupo de goberno do Concello de Portas a facer as xestións oportunas para propoñer aos concellos de Caldas de Reis, Vilanova de Arousa e Meis a que se sumen á iniciativa de construción do mencionado enlace.

27 de out. de 2009

Pleno Ordinario

O venres 30 de outubro ás 14:50 h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:
1. Aprobación actas sesións anteriores.
2. Delegación no ORAL do exercizo de accións administrativas e xudiciais derivadas da entrega a conta da participación nos tributos do estado do exercizo 2009.
3. Coñecemento das resolucións da Alcaldía.
4. Rogos e preguntas.
O Alcalde negouse a incluir na orde do día 5 mocións presentadas en tempo e forma polo grupo municipal do BNG, para tratar de:
1. Reclamación dun enlace entre a estrada PO-8004 (Caldas-Vilanoviña) e o corredor Pontevedra-Vilagarcía .
2. Solicitude de copia dunha Certificación da Secretaria Municipal que se nega a entregar.
3. Reclamación da gratuidade dos libros de texto na ensinanza obrigatoria.
4. Defensa do Hospital Único para a área sanitaria norte de Pontevedra.
5. Reclamación dun local de reunión para o grupo municipal do BNG.

24 de out. de 2009

O BNG de Portas presenta unha moción para reclamar un enlace entre a estrada PO-8004 (Caldas-Vilanoviña) e o corredor Pontevedra-Vilagarcía

Por ser a estrada PO-8004 (Caldas-Vilanoviña) moi importante para o noso Concello e para os lindeiros, que soporta actualmente unha elevada intensidade de tráfico de vehículos que se dirixen do interior á costa e viceversa, é o caso do tránsito orixinado entre Caldas de Reis, Cuntis, Moraña, Campo Lameiro, A Estrada, Silleda, Lalín, Vila de Cruces, e a zona de Cambados, Vilagarcía, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Ribadumia, véndose este tráfico incrementado exponencialmente nos meses de verán. Un enlace nesta estrada co corredor Pontevedra-Vilagarcía ten un especial interese para facilitar e axilizar o tráfico na zona e promover as posibilidades de desenvolvemento de Portas.

Por quedar Portas desfavorecido no pasado e saír prexudicado co paso da Autoestrada do Atlántico sen ter ningún acceso dende o municipio. Tamén por saír especialmente prexudicado coas obras do tren de velocidade alta Vigo-A Coruña, asemade sen ter ningunha vantaxe para o noso Concello, senón todo o contrario prexudicando a permeabilidade de tránsito. Deste xeito, este enlace que se propón, é de vital importancia para unha rápida incorporación á autoestrada AP-9 e para chegar a grandes núcleos poboacionais moi importantes para nós como son Pontevedra, Vilagarcía, Vigo ou Santiago, sobre todo por razóns laborais, hospitalarias, económicas, financeiras, de comercio e mercado.

Porque en termos poboacionais, a non construción deste enlace deixaría a máis da metade da poboación do concello de Portas sen un servizo que a día de hoxe, é moi sinxelo de conseguir que se execute.

Por ser a estrada PO-8004, a principal vía de comunicación rodada, sobre todo das parroquias de Portas e Lantaño, eixo único e principal sobre o cal se apoia o desenvolvemento desta grande parte do Concello.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego considera que sería outro erro histórico e outra oportunidade perdida permitir que as grandes infraestruturas ocupen o territorio do noso concello pero sen poder servirse delas.

Por todo isto, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou unha Moción no Concello propoñendo ao Pleno da Corporación Municipal de Portas a adopción dos seguintes

ACORDOS
1. Instar ao Alcalde e o Concello de Portas a demandar da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galiza a construción dun enlace entre a estrada PO-8004 (Caldas-Vilanoviña) e o corredor Pontevedra-Vilagarcía, que se prevé executar proximamente.
2. Instar ao Alcalde e o Concello de Portas a facer as xestións oportunas para propoñer aos concellos de Caldas de Reis, Vilanova de Arousa e Meis a que se sumen á iniciativa de construción do mencionado enlace.