12 de maio de 2011

O PP antepón os intereses partidistas por riba do ben común

Outra incoherencia do Partido Popular e do seu candidato Roberto Vázquez

Carta dirixida á Xunta de Galicia.
En febreiro de 2009 afirmaba en varias cartas (pinchar na imaxe para agrandar) que o río Chaín no verán non ten suficiente caudal nin sequera para abastecer a parroquia de Briallos.
Sen embargo, en xaneiro de 2010 asinou un convenio coa Deputación e Augas de Galicia para construír unha captación en Briallos no río Chaín para abastecer o polígono industrial Barro-Meis (37 l/s), todo o concello de Barro (15 l/s) e manter a captación existente para a parroquia de Briallos (1,74 l/s).
É dicir, van a multiplicar por 31 a extracción de auga no río Chaín.
Se en 2009 non había auga para os veciños e veciñas de Briallos, como se entende que en 2010 haxa auga para Briallos, o polígono e o concello de Barro???

O único que cambiou é que en febreiro de 2009 a Xunta tiña outra cor política. Vender os dereitos dos veciños e veciñas de Briallos por intereses partidistas é noxento.



Para o BNG estarán sempre por riba os intereses dos veciños e veciñas, antes que as cores políticas.

P.D.: as mencionadas cartas foron enviadas polo alcalde DESPOIS de que o grupo municipal do BNG denunciase a situación en Pleno. O BNG pensaba entón, e pensa agora, exactamente o mesmo.

10 de maio de 2011

Programa electoral do BNG de Portas 2011-2015

O BNG comprométese a levar a cabo unha xestión honesta, transparente e austera dos recursos, tomando as medidas necesarias encamiñadas á xestión eficaz e ao progreso social e económico de Portas.


9 de maio de 2011

O PP hipoteca o futuro goberno do concello de Portas

É necesario un crédito urxente para evitar o colapso financeiro


A situación das contas do concello de Portas é desesperada. Cando  o goberno municipal do PP non espera nin sequera a  pasar as eleccións para pedir un novo crédito de 350.000€ significa que a situación é dramática.

Hoxe 9 de maio, ás 14:50h, celebrouse un pleno extraordinario urxente da corporación local do concello de Portas. Cos únicos votos a favor do Partido Popular, aprobouse solicitar un crédito á Caixa de Anticipos da Deputación de Pontevedra por valor de 350.000€, a cargo das futuras transferencias do Estado.
Os concelleiros foron convocados con só tres horas de antelación e en plena campaña electoral, mostrando unha vez máis a prepotencia, autoritarismo e falla de sentido común do Partido Popular e o seu alcalde, Roberto Vázquez.
A situación económica do concello de Portas é extremadamente delicada. Segundo se expuxo no pleno, as contas bancarias do concello atópanse a día de hoxe en números vermellos polo que, para facer fronte aos gastos ordinarios de funcionamento dos servizos públicos básicos, faise imprescindible solicitar un anticipo á Deputación.
O BNG considera que a neglixente xestión económica do grupo de goberno do Partido Popular provoca que a única forma de afrontar pagos de gasto corrente sexa aumentando o endebedamento, imposibilitando evidentemente calquera tipo de inversión produtiva. Tamén hai que resaltar as numerosas débedas contraídas polo concello e que están pendentes de pago dende hai anos.
Esta situación de penuria económica é consecuencia de anos de malgasto do PP, anos en que se investiron os escasos recursos do concello nunha piscina climatizada, nun miradoiro na cheminea da Azucreira ou en múltiples festas, mentres que os servizos básicos están desatendidos ou directamente non existen ou non funcionan.


O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Partido Popular está a levar ao concello de Portas ao colapso financeiro. O BNG considera que recorrer ao endebedamento para afrontar gasto corrente non fai máis que empeorar a situación, ademais de hipotecar o futuro goberno que saia das vindeiras eleccións locais do 22 de maio.

Pleno urxente

Hoxe, luns 9 de maio ás 14:50 h. celebrarase un pleno extraordinario URXENTE na casa do Concello coa seguinte orde do día:


1. Ratificación da urxencia da convocatoria.
2. Solicitude de anticipo: operación de tesourería.

5 de maio de 2011

A parroquia de Briallos, a parroquia esquecida para o PP

Colector desbordado fronte á igrexa de Briallos.
O pasado 25 de abril, o BNG denunciou a lamentable situación da recollida do lixo no Concello de Portas aportando numerosas fotografías de todo o concello (galería de fotografías).

A situación non foi algo puntual senón que se produce a miúdo, tal como se pode observar hoxe, 5 da maio, nos colectores de lixo da parroquia de Briallos (galería de fotografías).

De novo as bolsas se acumulan polo chan, e os cans soltos as rompen e o lixo espállase por todo o contorno. A situación é especialmente grave no Outeiriño, onde se pode observar que o lixo ocupa o único sitio que os rapaces e rapaces da parroquia teñen para facer deporte: cristais, latas, lixo e maleza é a opción que teñen para xogar.

Mentres o Partido Popular malgasta os escasos recursos do concello nunha piscina climatizada ou nun miradoiro nunha cheminea, o servizo de recollida do lixo é lamentable e a parroquia de Briallos non ten ningún espazo público para facer deporte.
Colectores desbordados no Outeiriño.
Campo da festa do Outeiriño co lixo espallado polos cans ceives.
Se a partires do 22 de maio o BNG ten a responsabilidade de goberno, comprométese a profesionalizar o servizo da recollida de lixo para garantir que sexa un servizo PÚBLICO e de CALIDADE.
O BNG tamén se compromete a construir unha pista polideportiva na parroquia de Briallos.

4 de maio de 2011

Actos de campaña - Calendario

A campaña electoral para as vindeiras eleccións locais do 22 de maio comeza mañá xoves ás 24:00 h.
O BNG celebrará actos públicos en todas as parroquias, ademais de visitas por todos os lugares, segundo o seguinte calendario:

BRIALLOS
- Presentación do programa electoral do BNG de Portas.
- Venres 6, ás 21:30 h. no Albergue de peregrinos.
- Intervirán: Rafa Ruibal (nº 2 da candidatura e veciño de Briallos) e Arturo Fontán (candidato á Alcaldía).

LANTAÑO
- Presentación do programa electoral do BNG de Portas.
- Sábado 7, ás 21:30 h. no Teleclube de Lantaño.
- Intervirán: Mª Teresa Rivas (nº 3 da candidatura e veciña de Lantaño) e Arturo Fontán (candidato á Alcaldía).


ROMAI
- Presentación do programa electoral do BNG de Portas.
- Venres 13, ás 21:30 h. no Teleclube de Romai.
- Intervirán: Rafa Ruibal (nº 2 da candidatura) e Arturo Fontán (candidato á Alcaldía).

PORTAS
- MITIN CENTRAL.
- Sábado 14, ás 21:30 h. na Escola de Nenas de San Xoán.
- Intervirán: Rafa Ruibal (nº 2 da candidatura), Teresa Táboas (deputada) e Arturo Fontán (candidato á Alcaldía).

2 de maio de 2011

A falla de coraxe do PP impide os debates electorais en Portas

Guillerme Vázquez e Arturo Fontán.
O Partido Popular de Portas, mostrando unha vez máis a súa cara máis antidemocrática e intransixente, négase en rotundo a debater co resto de candidaturas, privándolle á cidadanía ao dereito a contrastar as diferentes opcións e alternativas de goberno.
Por negativa explícita do candidato do Partido Popular, Portas é o único concello da comarca que non tivo debate electoral na canle de televisión Canal Rías Baixas (Telesalnés). Téñense celebrado debates en todos os concellos do noso contorno (Moraña, Caldas, Barro, Meis e Vilanova), sexan gobernados polo PP ou polo PSOE. Incluso en lugares como Amil, a asociación de veciños da parroquia organizou un debate entre os candidatos.
Porque outra forma de gobernar é posible, o BNG de Portas ten un programa propio que está disposto a defender e confrontar coas outras opcións políticas.
Para superar este déficit democrático, o candidato do BNG, Arturo Fontán, está disposto a debater publicamente, no día, hora e lugar que o Partido Popular estableza, incluso co membro da candidatura que consideren oportuno.