16 de maio de 2011

Outra tomadura de pelo do Partido Popular de Portas

Pinchar para agrandar
Estes días, faltando menos dunha semana para as eleccións municipais, o grupo de goberno editou un novo número do "Boletín Informativo" (maio 2011).
O BNG denuncia o uso partidista dos recursos municipais para facer campaña electoral a prol do Partido Popular. Dende maio de 2007, coincidindo tamén con campaña electoral, o concello de Portas non volveu a editar boletíns informativos ata: decembro de 2010 e logo en marzo, abril e maio de 2011. Os boletíns informativos son redactados por persoal do concello, impresos cos medios do concello e entregados nos buzóns por un funcionario municipal.
Estes panfletos só conteñen información sesgada e manipulada, coa clara intención de influir na bontade dos electores de cara ás vindeiras eleccións locais do 22 de maio.
Nestes boletíns, o grupo de goberno atribúese obras nas que non participa, e só informa de obras subvencionadas por administracións gobernadas polo seu propio partido, non advertindo da orixe dos fondos se  a obra é financiada por administracións gobernadas por outros partidos. Novamente, cunha clara intención de influir na campaña electoral.
Por suposto non se informa da solicitude dun crédito urxente o pasado luns por valor de 350.000€ ou que absolutamente ningunha das obras é financiada polo concello.
Un bo exemplo destas afirmacións pódese atopar en calquera do boletíns, pero especialmente no boletín de maio de 2011, onde podemos atopar o anuncio de varias festas ou información de obras en execución que deberían estar rematadas hai anos (pinchar na imaxe para agrandar).
Obra 1: financiada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Provincial de Cooperación 2010. ESTAMOS EN MAIO DE 2011.
Obra 2: financiada pola Consellería de Medio Rural a través do Plan de Infraestruturas Rurais 2010. ESTAMOS EN MAIO DE 2011.
Obra 3: financiada pola Consellería de Medio Rural a través do Plan de Infraestruturas Rurais 2010. ESTAMOS EN MAIO DE 2011. A depuradora de Fontenla leva máis de 3 anos instalada pero sen poñer en funcionamento porque non tiña subministro eléctrico porque o concello se esquencera da súa necesidade.
Obra 4: financiada pola Sociedade Pública de Investimentos de Galicia a través do Plan de Accesos a Explotacións Vitivinícolas e Gandeiras 2009. ESTAMOS EN MAIO DE 2011.
Obra 5: financiada pola Consellería de Medio Rural a través dos Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural 2010. ESTAMOS EN MAIO DE 2010.
Obra 6: menos mal que as fontes se limpan unha vez ao ano.
Obra 7: financiada pola Xunta de Galicia cun orzamento de case 200.000€. A única prioridade para o PP é a Azucreira.
Obra 8: proxectada, executada e financiada 100% pola Comunidade de Montes de Briallos. O concello de Portas non colaborou absolutamente en nada, só dou o permiso para que se colocase a fonte no Albergue de Peregrinos de Briallos. Atribuirse esta obra é falsear a realidade.

Obras que se tiñan que haber feito en 2009 e 2010, estanse a realizar en maio de 2011 coa única intención de concentrar a execución de obras en campaña electoral. Esta actitude do Partido Popular e do seu candidato Roberto Vázquez mostra unha vez máis os seus métodos caciquís e antidemocráticos.
As mentiras, as falsidades, a opacidade, a venda de favores ou o nepotismo serán actitudes desterradas do concello de Portas se o BNG acada a responsabilidade de goberno.

15 de maio de 2011

Mitin central do BNG de Portas

Onte celebrouse o mitin central de Portas na Escola de Nenas de San Xoán (Portas), onde interviron Rafa Ruibal (nº 2 da candidatura), Teresa Táboas (deputada e ex-conselleira) e Arturo Fontán (candidato á Alcaldía de Portas).

13 de maio de 2011

Biblioteca itinerante e dinamización da biblioteca pública

Propostas do BNG de Portas a favor das Letras Galegas

Na proximidade desta data tan sinalada para a nosa lingua e cultura, como é o Día das Letras Galegas, o Bng de Portas quere dar a coñecer dúas propostas recollidas no seu programa de goberno, nas que manifesta o seu compromiso cun acceso democrático á cultura de todos os veciños e veciñas de Portas, potenciando a Biblioteca Pública e levándoa ás parroquias:
-A creación dunha Biblioteca Itinerante, que, unha vez ao mes, visite cada parroquia (un ou varios puntos de parada en función da distribución da parroquia) levando unhas propostas de lectura,e tome nota de peticións que atendería na visita seguinte. Este servizo implicaría un custo moi pequeno e non interferiría demasiado no funcionamento habitual da Biblioteca (pecharía unha tarde ou mañá á semana). E facilitaríalle o acceso a nen@s e adultos que teñen dificultade en se desprazar ata A Rapeira.
-Potenciación da Biblioteca Pública cunha serie de medidas que a fagan máis atractiva para os veciños e veciñas:
  • Asignación de un orzamento para adquisición de fondos, que lle posibilitaría non só mercar directamente máis libros, senón tamén acceder a outros recursos gratuítos, para os cales é un requisito imprescindible ter establecida unha     asignación económica.
  • Promover a cesión temporal de bibliotecas ou coleccións privadas, contribuíndo a aumentar a oferta lectora.

O Bloque Nacionalista Galego non quere deixar de recoñecer o labor desempeñado polas persoas ao cargo da Biblioteca Pública, a pesares da cativeza de recursos de que dispoñen, e comprométese a subsanar estas carencias.

No Bng temos o convencemento de que hai formas, como esta proposta, máis xuizosas e beneficiosas para os veciños e veciñas de Portas, de investir os 4000€ que o Concello malgastou en chamadas a un programa de televisión.

12 de maio de 2011

O PP antepón os intereses partidistas por riba do ben común

Outra incoherencia do Partido Popular e do seu candidato Roberto Vázquez

Carta dirixida á Xunta de Galicia.
En febreiro de 2009 afirmaba en varias cartas (pinchar na imaxe para agrandar) que o río Chaín no verán non ten suficiente caudal nin sequera para abastecer a parroquia de Briallos.
Sen embargo, en xaneiro de 2010 asinou un convenio coa Deputación e Augas de Galicia para construír unha captación en Briallos no río Chaín para abastecer o polígono industrial Barro-Meis (37 l/s), todo o concello de Barro (15 l/s) e manter a captación existente para a parroquia de Briallos (1,74 l/s).
É dicir, van a multiplicar por 31 a extracción de auga no río Chaín.
Se en 2009 non había auga para os veciños e veciñas de Briallos, como se entende que en 2010 haxa auga para Briallos, o polígono e o concello de Barro???

O único que cambiou é que en febreiro de 2009 a Xunta tiña outra cor política. Vender os dereitos dos veciños e veciñas de Briallos por intereses partidistas é noxento.



Para o BNG estarán sempre por riba os intereses dos veciños e veciñas, antes que as cores políticas.

P.D.: as mencionadas cartas foron enviadas polo alcalde DESPOIS de que o grupo municipal do BNG denunciase a situación en Pleno. O BNG pensaba entón, e pensa agora, exactamente o mesmo.

10 de maio de 2011

Programa electoral do BNG de Portas 2011-2015

O BNG comprométese a levar a cabo unha xestión honesta, transparente e austera dos recursos, tomando as medidas necesarias encamiñadas á xestión eficaz e ao progreso social e económico de Portas.


9 de maio de 2011

O PP hipoteca o futuro goberno do concello de Portas

É necesario un crédito urxente para evitar o colapso financeiro


A situación das contas do concello de Portas é desesperada. Cando  o goberno municipal do PP non espera nin sequera a  pasar as eleccións para pedir un novo crédito de 350.000€ significa que a situación é dramática.

Hoxe 9 de maio, ás 14:50h, celebrouse un pleno extraordinario urxente da corporación local do concello de Portas. Cos únicos votos a favor do Partido Popular, aprobouse solicitar un crédito á Caixa de Anticipos da Deputación de Pontevedra por valor de 350.000€, a cargo das futuras transferencias do Estado.
Os concelleiros foron convocados con só tres horas de antelación e en plena campaña electoral, mostrando unha vez máis a prepotencia, autoritarismo e falla de sentido común do Partido Popular e o seu alcalde, Roberto Vázquez.
A situación económica do concello de Portas é extremadamente delicada. Segundo se expuxo no pleno, as contas bancarias do concello atópanse a día de hoxe en números vermellos polo que, para facer fronte aos gastos ordinarios de funcionamento dos servizos públicos básicos, faise imprescindible solicitar un anticipo á Deputación.
O BNG considera que a neglixente xestión económica do grupo de goberno do Partido Popular provoca que a única forma de afrontar pagos de gasto corrente sexa aumentando o endebedamento, imposibilitando evidentemente calquera tipo de inversión produtiva. Tamén hai que resaltar as numerosas débedas contraídas polo concello e que están pendentes de pago dende hai anos.
Esta situación de penuria económica é consecuencia de anos de malgasto do PP, anos en que se investiron os escasos recursos do concello nunha piscina climatizada, nun miradoiro na cheminea da Azucreira ou en múltiples festas, mentres que os servizos básicos están desatendidos ou directamente non existen ou non funcionan.


O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Partido Popular está a levar ao concello de Portas ao colapso financeiro. O BNG considera que recorrer ao endebedamento para afrontar gasto corrente non fai máis que empeorar a situación, ademais de hipotecar o futuro goberno que saia das vindeiras eleccións locais do 22 de maio.

Pleno urxente

Hoxe, luns 9 de maio ás 14:50 h. celebrarase un pleno extraordinario URXENTE na casa do Concello coa seguinte orde do día:


1. Ratificación da urxencia da convocatoria.
2. Solicitude de anticipo: operación de tesourería.