24 de out. de 2015

Solicitude de pleno extraordinario


O alcalde non cumpre o seu compromiso de convocar a "Comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno" unha semana antes do pleno ordinario

O BNG-Asembleas Abertas ven de presentar no rexistro do concello a solicitude dun pleno extraordinario para que as mocións que ten presentado no último mes sexan sometidas á corporación municipal.

No pleno ordinario de agosto a corporación aprobou por unanimidade e a petición do grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas a creación dunha "Comisión Informativa de asuntos a tratar polo pleno". O compromiso do novo goberno municipal foi a de celebrar unha reunión desta comisión unha semana antes de cada pleno ordinario (o venres anterior e á mesma hora de cada pleno ordinario).

O próximo venres 30 de outubro ás 19:30 h. está previsto que se celebre un pleno ordinario, polo que segundo o compromiso do goberno municipal, o venres 23 de outubro ás 19:30 h. debería terse celebrado unha reunión da Comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno, sen embargo, nin se celebrou nin ninguén do goberno se puxo en contacto co grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas para advertir de tal circunstancia ou do motivo da non celebración.

O BNG-Asembleas Abertas considera o comportamento do goberno municipal incompatible cos compromisos adquiridos e as promesas de diálogo e entendemento, polo que se ve obrigado a solicitar un pleno extraordinario, ao abeiro da lexislación vixente, para garantir que as súas mocións son sometidas ao pleno da corporación.










Moción con motivo da Marcha Estatal contra As Violencias Machistas


En nome da Plataforma Feminista Galega (PFG), o BNG-Asembleas Abertas presenta unha moción no concello de Portas con motivo da Marcha Estatal contra as Violencias Machistas de 7 de novembro de 2015.
Erradicar a lacra das violencias machistas depende de todos e todas.






9 de out. de 2015

Moción para a construción dunha pista multideporte en Briallos


Hoxe venres 9 de outubro, o BNG-Asembleas Abertas ven de presentar unha moción no rexistro do concello para demandar a construción dunha "pista multideporte" en Briallos.
Consideramos que o concello de Portas mantén unha débeda histórica en materia de infraestruturas deportivas coa parroquia de Briallos, por iso demandamos que con carácter urxente se contrúa unha pista multideporte (na imaxe amósase un exemplo, se ven, hai unha gran variedade de pistas similares no mercado) e para elo se inclúa unha partida suficiente nos orzamentos do vindeiro ano 2016.



8 de out. de 2015

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O sábado 10 de outubro ás 21:00 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai.

Asuntos a tratar:

  • Análise da situación política municipal transcorridos os primeiros 100 días de lexislatura.
  • Plan de traballo político.
  • Iniciativas a trasladar ao pleno municipal.
Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

4 de out. de 2015

Transcorridos máis de 100 días de lexislatura o BNG-Asembleas Abertas presenta as catro primeiras mocións para ser debatidas en pleno

O pasado luns 21 de setembro cumpríronse 100 días dende a investidura do novo alcalde. Transcorrido este prazo prudencial que o grupo do BNG-Asembleas Abertas decidiu conceder de marxe para a adaptación do novo goberno á súa nova situación, procedemos a presentar as catro primeiras mocións da lexislatura (presentadas no rexistro do concello o sábado 3 de outubro).

1. Primeira moción: "Situación do concello no inicio da actual lexislatura".
Consideramos necesario ter unha "foto fixa" da situación económica, material e de persoal no inicio de lexislatura.
2. Segunda moción: "Contra da colaboración do concello en espectáculos sexistas".
En relación ao espectáculo sexista denominado eufemisticamente como "lavado de motos" que tivo lugar da "VII Concentración Mototurística Portas 2015", con pleno coñecemento do alcalde e do grupo de goberno, o BNG-Asembleas Abertas cualifícao de lamentable, sexista, machista e retrógrado, e por elo considera que o goberno municipal debe presentar desculpas públicas e no futuro negar calquera tipo de colaboración con asociacións, organizacións ou persoas que organicen, fomenten, faciliten ou consintan espectáculos sexistas.


3. Terceira moción: "Demandar un local de reunión para os grupos políticos na casa do concello".
Consideramos que ao igual que PP e VUP dispoñen de locais de reunión na casa do concello, tamén o debe ter o BNG-Asembleas Abertas.


4. Cuarta moción: "Ubicar o grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas na esquerda do salón de plenos".
Consideramos que para facilitar a identificación dos diferentes grupos polo público, o grupo BNG-Asembleas Abertas debe ocupar o lugar esquerdo do Salón de Sesións (dende o punto de vista do público).





25 de ago. de 2015

Pleno Ordinario

O venres 28 de agosto de 2015 ás 20:30 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación actas sesións anteriores.
  2. Creación comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno.
  3. Composición comisión informativa especial de contas.
  4. Certificacións de obras.
  5. Informes da presidencia.
  6. Acordo de pagos.
  7. Coñecemento resolucións da alcaldía.
  8. Rogos e preguntas.
A creación dunha "comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno" foi unha petición do BNG-Asembleas Abertas.

24 de ago. de 2015

V Comida-Xuntanza na Illa de Cortegada

O próximo 30 de agosto o BNG-Asembleas Abertas de Portas celebra unha comida-xuntanza na Illa de Cortegada.
Cada un leva a súa comida e a súa bebida e logo alí compartimos. Tod@s @s amig@s do BNG-Asembleas Abertas de Portas estades convidad@s.
Quedamos no peirao de Carril a partires das 11:00h. A esa hora haberá unha baixamar extrema polo que se poderá cruzar a pé (os pertrechos cruzarán na barca). O "barqueiro" terá que facer varias viaxes, así que non hai problema en chegar máis tarde (ás 12, 13h, ...).
O plan é darse un bañiño (os que queiran) na praia antes de comer. Despois da comida: sesta, paseo pola illa (45'), praia e gozar da compañía no paraíso.


No caso improbable de que chovese, buscamos un sitio cuberto para comer e seguimos coa festa... o importante é xuntarse!