2 de mar. de 2017

Moción para aprobación dun plan de mantemento periódico dos parques infantís municipais, así como o seu arranxo urxente

Denuncia do BNG-Asembleas Abertas do estado deplorable dos parques infantís de Portas
O BNG-Asembleas Abertas denuncia o estado deplorable no que se atopan todos os parques infantís municipais das catro parroquias, tal como se pode observar nas fotografías. 
Por elo, imos presentar mañá no concello unha moción para reclamar a reparación urxente dos parques infantís municipais e a aprobación á maior brevidade posible dun plan de mantemento dos mesmos.
Dende a súa construción non se ten feito ningún tipo de mantemento, demostrando a desidia e a deixadez dun goberno máis preocupado polos actos de autoexaltación que de coidar o pouco que temos. Nin se manteñen, nin se reparan, nin se substitúen os elementos rotos ou danados. A situación é tan alarmante que se dan situacións de extrema perigosidade para os usuarios, sendo habituais as táboas rotas ou desaparecidas que deixan á vista cravos e parafusos xunto a balados podres e oxidados.













Azucreira - Parafusos oxidados no lugar onde os nenos e nenas deberían sentarse!
San Xoán - Máis parafusos oxidados
Porta de Conde - Balado podre

Rapeira - Táboas rotas, pedras e madeira podre

Rapeira - Máis parafusos oxidados no sitio que debería haber un minirocódromo

Souto - Tobogán coa madeira podre e a punto de cair

Fontenla - Lixo, óxido, xogos rotos, maleza, madeira podre...

Cachal - As silveiras invaden o parque

Cachal - Clavos oxidados ao descuberto no balado roto

28 de feb. de 2017

Pleno Extraordinario

O venres 3 de marzo de 2017 ás 19:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 23/12/2016.
  2. Aprobación do convenio entre o Patronato do centro asociado da UNED en Pontevedra e o concello de Portas para a creación dunha aula.
  3. Aprobación do I Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Portas.
  4. Aprobación orzamento 2017.
  5. Dación de conta dos decretos e resolucións de Alcaldía.
  6. Informes da Presidencia.
  7. Plan Concellos 2017 - Solicitudes e resolucións.
  8. Rogos e preguntas.

Unha vez máis o goberno municipal nin cumpre a lei de bases de réxime local nin os acordos plenarios. Non se celebran plenos ordinarios en Portas dende o 28 de outubro, non se celebrou o 30 de decembro nin o 24 de febreiro como era obrigatorio. Tampouco se convocou a Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno que tiña que ter celebrado reunión o 17 de febreiro.
O goberno municipal pretende aprobar uns orzamentos nos que novamente se desatenden as necesidades máis urxentes de Portas pero se incrementan TODAS as partidas de festas e festexos varios, tendo para elo que contratar un novo préstamo bancario de 80.000 euros, así como desviar 55.000 euros de investimento do Plan Concellos da Deputación para facer fronte a gasto corrente e pago de débeda. Entre outras sorpresas, a partida de "dietas" sube 4.000 euros e a de "atencións protocolarias" sube outros 5.000 euros.
O goberno municipal NON MANTIVO ABSOLUTAMENTE NINGÚN CONTACTO co BNG-Asembleas Abertas para a elaboración do Orzamento 2017. Onde quedou o prometido diálogo?
Seguiremos informando...

21 de feb. de 2017

Convocatoria extraordinaria da Comisión Informativa Especial de Contas


O venres 24 de febreiro de 2017 ás 19:30 h. celebrarase unha reunión extraordinaria da Comisión Informativa Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
  1. Aprobación acta sesión 23/06/2016.
  2. Informe ao orzamento 2017.

20 de dec. de 2016

Pleno Extraordinario

O venres 23 de decembro de 2016 ás 19:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión ordinaria de 28/10/2016.
  2. Adhesión ao servizo de cesión de datos para as administracións públicas da tesourería xeral da seguridade social.
  3. Reclamación en materia de cantidade (indemnización de responsabilidade civil derivada de accidente de traballo) de Mónica Ferro Goldar.
  4. Delegación na Deputación Provincial de Pontevedra - ORAL, das facultades de xestión, inspección, liquidación, recadación e revisión relativo ao imposto sobre vehículos de tracción mecánica (alta ITVM).
  5. Aprobación e establecemento de ordenanza fiscal reguladora prezo público por actividades culturais.
  6. Mocións.
    1. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre xustificación do emprego de procedementos negociados sen publicidade.
    2. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre remisión de Decretos da Alcaldía á Oposición no prazo de 10 días dende a súa sinatura.
  7. Dación de conta dos Decretos e Resolucións de Alcaldía.
  8. Informes da Presidencia.
  9. Rogos e preguntas.

16 de dec. de 2016

Moción para xustificación do emprego de procedementos negociados sen publicidade


O BNG-Asembleas Abertas ven de presentar no concello unha moción para reclamar a xustificación do emprego de procedementos negociados sen publicidade para a adxudicación de obras, subministracións ou servizos.
Na actual lexislatura o goberno municipal xa empregou en varias ocasións o procedemento negociado sen publicidade sen motivalo suficientemente, polo que solicitamos que no futuro se motive máis axeitadamente e no caso das adxudicacións xa realizadas pedimos que a Alcaldía faga un informe de xustificación.



Moción para remisión dos Decretos da Alcaldía á oposición no prazo de 10 días dende a súa sinatura

O BNG-Asembleas Abertas ven de presentar no concello unha moción para reclamar a entrega a todos os membros da Corporación Local de todas as resolucións, providencias, comunicacións ou calquera tipo de orde escrita da Alcaldía no prazo de 10 días dende a súa sinatura.
Actualmente no concello de Portas todas as competencias posibles están concentradas na Alcaldía e non existe Xunta de Goberno por decisión do grupo de goberno de modo que todas as decisións son tomadas polo Alcalde e son comunicadas á oposición con entre 4 e 6 meses de retraso polo que se impide de forma efectiva o traballo de fiscalización do noso grupo.


15 de dec. de 2016

O pavillón de Romai: expoñente da incompetencia do goberno municipal

Vídeo onde se ve caer unha columna de auga que inunda unha vez máis o pavillón de Romai

Leva un mes sen chover, caen dúas pingas e o pavillón de Romai volve a inundarse. Imaxes do xoves 15 de decembro de 2016.
Víctor Estévez, Roberto Vázquez e Rafael Louzán reinauguraron o pavillón de Romai o 11 de xullo de 2015, e a pesares dos 400.000 euros que costou a rehabilitación as pingueiras, os charcos e as columnas de auga inundan periodicamente o pavillón.
Este problema foi creado por Estévez, Vázquez e Louzán que coas présas electorais recepcionaron unhas obras mal executadas e agora un incompetente goberno municipal é incapaz de poñerlle solución.

Na ligazón pódese ver a inundación de xaneiro de 2016: