25 de ago. de 2023

Pista deportiva en Briallos: outra tomadura de pelo do PP


En 2015 aprobouse por unanimidade unha moción do BNG para construír en 2016 unha pista polideportiva en Briallos.

O PP votou a favor pero non cumpriu o acordo, non por falta de cartos, porque si tiveron 160.000 € para dúas pistas de pádel na Azucreira, senón porque sempre consideraron que o tamaño (e os votos) de Briallos non xustifican a inversión. Xa o dicía Víctor Estévez: “que os rapaces de Briallos vaian xogar a Portas, como fixemos toda a vida”.

Un mes antes das eleccións municipais de 2023 o PP anunciou a construción dunha pista polideportiva en Briallos do tamaño dunha cancha de baloncesto (28 m por 15 m) e cunha baranda perimetral de cores. Esta é a foto na propaganda de campaña do PP:

Pasadas as eleccións, a gaiola (13.5 m por 7 m) que acaban de construír xunto ao Albergue non chega nin á metade de tamaño do prometido (unha cancha de tamaño oficial é de 28 m por 15 m), pechada por unha reixa de 2 metros de altura e unha porta con pechadura:

Se non é un engano deliberado, paréceo!

A comparación é simple, na imaxe o rectángulo verde representa a pista a escala construída en Briallos, e o rectángulo en branco e negro unha cancha de tamaño oficial.

Tema aparte é o lucrativo e escandaloso NEGOCIO da obra adxudicada a dedo por 48.397,47 € (ver noticia no Facebook do Concello). Se o orzamento fose 2,53 € superior, a obra tería que ser unha licitación aberta e calquera empresa podería presentarse. Casualidade?

Máis de 40.000 € nunha lousa de formigón de 128 m2, unhas vaias de 48 m de longo e 2 m de alto, máis dúas porterías-canastras. NEGOCIO redondo ou roubo consentido?

Na imaxe de abaixo podedes ver os prezos do catálogo comercial de 2023 da empresa cántabra  Manufacturas Deportivas (ver páxina 13). É só un exemplo atopado por internet. Pistas multideporte de maior calidade e moito máis grandes que a construída en Briallos, pero moito máis baratas. Como é posible?

Segundo o proxecto da obra, só as dúas porterías-canastras teñen un custe de 16.659 €!!!!

Se quixésemos mercar exactamente as mesmas porterías-canastras que as colocadas en Briallos podemos atopalas por internet en moitas empresas españolas tres veces máis baratas. Por exemplo:

Por 2.574,90€ en www.MundoSilbato.es.

Por 3.261,37€ en AlserEsport.com.

Por 3.381,89€ en Cartabon.com.

Por 2.505,08€ en EboneFit.com.

Por 3.907,21€ en AlmacenesNorte.es.

Como é posible que as porterías-canastras de Briallos sexan TRES VECES máis caras que as mesmas compradas en calquera empresa do sector??? Quen se está facendo de ouro con este NEGOCIO???

Por riba, fan unha pista deportiva pero péchana con chave, así que os rapaces xa tiveron que rebentar a reixa detrás dunha portería para poder entrar a xogar...



24 de xul. de 2023

Pleno ordinario

O venres 28 de xullo de 2023 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior nº 7 de 7/7/2023.
  2. Expediente 220/2023. Proposta de Alcaldía de 17/7/2023 de aprobación da conta xeral do exercicio 2022, así como os estados e contas anuais anexos á mesma.
  3. Expediente 490/2023. Proposta de festivos locais para 2024.
  4. Dación de conta da composición das comisións informativas.
  5. Dación de conta de resolución de 18/7/2023, sobre delegacións.
  6. Dación de conta de resolución de alcaldía de 30/5/2023 de solicitude de cambio de destino de subvención, a través do Plan Concellos 2021 - Liña 1, para a obra "Melloras no Parque Infantil de Mondoiro"; e dación de conta de resolución presidencial da Deputación de Pontevedra de data 16/6/2023 de concesión de subvención por cambio de finalidade solicitado, por importe de 22.386,00 €, para a obra "Melloras no Parque Infantil de Mondoiro".
  7. Dación de conta de Decretos de Alcaldía do nº 109 de 28/3/2023 ao nº 260 de 23/7/2023.
  8. Rogos e preguntas.


4 de xul. de 2023

Pleno Extraordinario

O venres 7 de xullo de 2023 ás 10:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior 27/6/2023.
  2. Proposta réxime sesións ordinarias. Expediente 436/2023.
  3. Proposta de dedicación exclusiva do cargo de Alcalde.
  4. Proposta de creación, composición e réxime de sesións de comisións informativas permanentes.
  5. Proposta de soporte electrónico actas órganos.
  6. Proposta de indemnizacións por asistencias a órganos colexiados.
  7. Proposta de asignacións a grupos políticos.
  8. Proposta de nomeamento de representantes municipais en organismos e institucións.
  9. Proposta de dación de conta de escritos de constitución de Grupos Políticos municipais.
  10. Dación de conta do nomeamento de Tenentes de Alcalde.



23 de xuño de 2023

Pleno Extraordinario

O martes 27 de xuño de 2023 ás 10:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior 17/6/2023.
  2. Sorteo designación membros mesas eleccións xerais 23/7/2023.



14 de xuño de 2023

Pleno Extraordinario

O sábado 17 de xuño de 2023 ás 10:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 395/2023. Constitución nova corporación municipal e elección de Alcalde.



12 de xuño de 2023

Pleno Extraordinario

O mércores 14 de xuño de 2023 ás 10:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior extraordinaria nº 3/2023, do 28/04/2023.



5 de maio de 2023

Acto Público Aberto

 Domingo 14 ás 12:00 h. na Casa da Cultura de Portas

Intervirán:

  • Susana Antón, candidata
  • Luís Bará, deputado no Parlamento galego
  • Arturo Fontán, candidato