4 de feb. de 2019

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O venres 8 de febreiro ás 21:30 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai. Asuntos a tratar:
  • Situación política municipal.
  • Eleccións municipais do 26 de maio.
  • Asuntos varios.
Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

20 de nov. de 2018

Pleno Extraordinario

O venres 23 de novembro de 2018 ás 19:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión ordinaria do 29-06-2018.
  2. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 14-09-2018.
  3. Expediente 562/2018. Adhesión ao Plan Compost da Deputación Provincial de Pontevedra.
  4. Expediente 387/2018. Investigación titularidade camiño sito no lugar de Casal, parroquia de Lantaño.
  5. Decretos da alcaldía do 11-09-2018 ao 19-11-2018.
  6. Documentación Plan Concellos 2018-2019.
  7. Rogos e preguntas.


Este é o pleno que se tiña que celebrar o día que o Partido Popular presentou ao seu candidato. Convócase pola "urxencia dos asuntos a tratar" pero está completamente baleiro de contido.

18 de nov. de 2018

Novo Boletín Informativo - Novembro 2018

O BNG-Asembleas Abertas edita un novo boletín informativo (Nº 19 # Novembro de 2016), que comenzará a repartirse polas casas de Portas nos próximos días.




15 de nov. de 2018

Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno - Sesión Extraordinaria

O venres 16 de novembro ás 20:30 h. celebrarase unha sesión extraordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 562/2018. Adhesión ao Plan Compost Revitaliza da Deputación Provincial de Pontevedra.
  2. Expediente 387/2018. Investigación titulariedade camiño sito no lugar de Casal, parroquia de Lantaño.
Unha vez máis recorren a unha convocatoria extraordinaria pola "urxencia dos asuntos a tratar". Por que son asuntos urxentes? É urxente adherirse a un plan da Deputación que se iniciou fai 3 anos? É urxente investigar a titulariedade dun camiño cando a solicitude se fixo en xullo?
Este goberno municipal non ten respecto pola corporación municipal nin polos procedementos democráticos.

8 de nov. de 2018

O PP compra candidato e ponlle un salario municipal a sete meses das eleccións

O BNG denuncia que o PP quere financiar a súa campaña electoral con cartos municipais
O venres 26 de outubro o Partido Popular de Portas presentou ao seu candidato para as vindeiras eleccións municipais de 2019 nun acto en Portadeconde apadriñado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Xusto unha semana despois, o venres 2 de novembro publicouse no Boletín Oficial de Pontevedra o recoñecemento da dedicación exclusiva ao concelleiro do PP, D. Ricardo Martínez Chantada, quen é o candidato do PP a substituír na alcaldía a Víctor Estévez.
Con este soldo de 35.500 euros/ano, un simple tenente de alcalde de Portas cobra máis que alcaldes de concellos limítrofes máis grandes e poboados como o de Barro (30.300 euros/ano), o de Cuntis (30.900 euros/ano) ou a alcaldesa de Moraña (34.500 euros/ano). Incumprindo ademais o programa electoral co que se presentaron ás eleccións de 2015, no que se comprometían explicitamente a non recibir retribución algunha pola dedicación ao concello.
Así actúa o PP, mercando vontades e persoas, con desprezo ás institucións, mesmo no caso do seu candidato, presentado nun acto que se celebrou o mesmo día e á mesma hora na que se tiña que celebrar o Pleno Ordinario da corporación municipal do mes de outubro por acordo plenario. Dúas semanas despois o pleno aínda non se convocou.
O Partido Popular parasita as institucións e úsaas ao seu antollo e conveniencia, incumprindo acordos plenarios para substituír reunións do Pleno por actos partidistas, e poñéndolle un soldo municipal ao seu candidato para que se dedique a preparar a campaña electoral. Mostras da forma caciquil de entender a democracia do Partido Popular, na que antepoñen sen complexos os intereses de partido aos da veciñanza.
O BNG-Asembleas Abertas considera antidemocrático que o Partido Popular use as institucións ao seu antollo e conveniencia saltándose as leis e os acordos plenarios e denuncia o uso que o Partido Popular fai dos cartos públicos para financiar a súa campaña electoral a tempo completo.





26 de out. de 2018

Sen Pleno de outubro porque o PP presenta ao seu candidato


O ALCALDE NON CONVOCA O PLENO ORDINARIO DE OUTUBRO PORQUE O PP PRESENTA AO SEU CANDIDATO
Hoxe venres 26 de outubro ás 19:30 h. debería celebrarse un pleno ordinario segundo o acordo plenario de 10 de xullo de 2015 (pleno de organización) aprobado con 7 votos a favor de PP e VUP e 4 abstencións de BNG-Asembleas Abertas (a imaxe é un extracto da acta dese pleno). O pleno non se celebrará porque o Alcalde non o convocou.
Segundo informacións xornalísticas publicadas, hoxe o Partido Popular organiza un acto de presentación do seu candidato á Alcaldía de Portas para as vindeiras eleccións municipais de 2019, motivo polo cal non foi convocado o pleno ordinario que debería terse celebrado hoxe.
O Partido Popular parasita as institucións e úsaas ao seu antollo e conveniencia, incumplindo acordos plenarios para substituír reunións do Pleno por actos partidistas.
O discurso de Víctor Estévez durante a súa investidura invitando a todos os veciños e veciñas de Portas á sede do Partido Popular non foi un lapso, foi unha vez máis unha mostra aberta da forma de entender a democracia do Partido Popular, na que antepoñen sen complexos os intereses de partido aos da veciñanza.


11 de set. de 2018

Pleno Extraordinario

O venres 14 de setembro de 2018 ás 20:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 496/2017. Investigación titularidade de camiño en San Bieito (Lantaño).
  2. Expediente 193/2018. Aprobación da Conta Xeral 2017.
  3. Expediente 450/2018. Festivos Locais 2019.
  4. Expediente 428/2018. Recoñecemento dedicación exclusiva a Ricardo Martínez Chantada.
  5. Expediente 465/2018. Prórroga á empresa Construcións, Obras e Viais S.A. para a execución da obra de "Depuradora de leito bacteriano no lugar de Estación".
  6. Decretos da Alcaldía do 27-06-2018 ao 10-09-2018.
  7. Documentación Plan Concellos 2018-2019.
  8. Rogos e preguntas.