O contrato da asistenta social estaba sometido ao convenio colectivo da construción e non ao de oficinas e despachos
O 23 de novembro de 2016 o concello de Portas foi
condenado en sentenza nº 401/16 do xulgado do social nº 2 de Pontevedra a aboar
a Mónica Ferro Folgar a suma de 47.000 euros en concepto de indemnización por
aplicación do convenio colectivo da construción, que establece que lle
corresponde á traballadora o dereito a percibir esa cantidade no suposto de
incapacidade permanente absoluta derivada de accidente de traballo. A sentenza
foi recorrida polo concello.
Mónica Ferro Folgar, traballadora social contratada como
persoal laboral fixo polo concello de Portas, foi brutalmente agredida o 2 de
xullo de 2012, sendo alcalde Roberto Vázquez aínda no Partido Popular. Como
consecuencia das lesións por este “accidente de traballo” foi declarada cunha
invalidez permanente absoluta. Distintas sentenzas xudiciais determinaron que
este é un “caso de meridiana inactividade ou pasividade” do concello en
relación aos riscos aos que estivo sometida a traballadora polo que o concello
foi condenado en firme cunha sanción de 183.693,50 € e pago de costas. O
concello de Portas con pleno coñecemento desamparou á traballadora con
terribles consecuencias.
Se o convenio colectivo de referencia do contrato asinado
entre ambas partes fose o de “oficinas e despachos” e non o da “construción”,
como parece máis lóxico, os efectos económicos para as arcas municipais serían
moi inferiores.
A pesares de todo, ningún responsable do goberno
municipal ten asumido algún tipo de responsabilidade, nin no momento da
agresión, nin posteriormente, nin actualmente. Roberto Vázquez segue sendo concelleiro
e socio do actual grupo de goberno.
Nun intento por ocultar as consecuencias das neglixencias
do seu excompañeiro de partido, o goberno municipal do PP non informou á
oposición da existencia desta sentenza xudicial nin da presentación do recurso
de suplicación posterior.
BNG-Asembleas Abertas esixe a dimisión de Roberto
Vázquez Souto e a súa retirada da vida política, demanda transparencia do
goberno municipal do PP e pídelle explicacións polas decisións tomadas que
teñen agravado as consecuencias do “accidente laboral”.