31 de dec. de 2015

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O sábado 2 de xaneiro ás 20:30 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai.

Asuntos a tratar:


  • Orzamentos municipais 2016.
  • Reparto boletín informativo. 

Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

22 de dec. de 2015

Pleno Ordinario

O sábado 26 de decembro de 2015 ás 19:30 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación actas sesións anteriores.
  2. Modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por expedición de documentos administrativos.
  3. Recoñecemento extraxudicial de créditos nº 2/2015.
  4. Acordo de gastos.
  5. Coñecemento resolucións da alcaldía.
  6. Rogos e preguntas.
Novamente non se tivo en conta a opinión do BNG-Asembleas Abertas para a concreción da orde do día e os temas que se deberían tratar neste pleno ordinario. O alcalde, en minoría, segue impoñendo a súa vontade sen diálogo.

21 de dec. de 2015

Novo Boletín Informativo - Decembro 2015

O BNG-Asembleas Abertas edita un novo boletín informativo (Nº 14 # Decembro de 2015), que comezará a repartirse polas casas de Portas nos próximos días.
Novo goberno, vellas políticas

15 de dec. de 2015

Convocatoria Extraordinaria da "Comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno"

O venres 18 de decembro de 2015 ás 20:00 h. celebrarase unha reunión extraordinaria da "comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno" na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Lectura e aprobación acta sesión anterior.
  2. Modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por expedición de documentos administrativos.
  3. Aprobación certificación nº 2 - Final Obra "Acondicionamento de exteriores e pavimentación pistas no pavillón de deportes de Romai".
  4. Recoñecementos extraxudiciais de créditos nº 2/2015.
  5. Acordo de gastos.

Pleno Extraordinario solicitado por VUP

O venres 18 de decembro de 2015 ás 19:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello solicitado por VUP coa seguinte orde do día:

  1. Redacción dun proxecto de acondicionamento do terreo de xogo con herba artificial do campo de fútbol de Romai.
  2. Que se inclúa nos orzamentos do ano 2016 a cantidade correspondente ó importe de dito proxecto.
  3. Rematar as obras para que o equipo de Romai poida xogar na tempada 2016-2017 en dito campo, e non teña que desprazarse nin ó campo de A Rapeira, nin a outro.
Os de VUP 23 anos para poñerlle herba artificial ao campo de fútbol de Romai, pero non o fixeron. Só seis meses despois de deixar o concello con máis dun millón de euros de débeda e 700.000 euros en facturas nos caixóns, agora acórdalles o campo de fútbol de Romai.
O Partido Popular prometeu en campaña electoral poñer herba artificial no campo de fútbol de Romai, e as promesas están para cumprilas.

1 de dec. de 2015

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O venres 4 de decembro ás 21:00 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai.
Asuntos a tratar:

  • Aprobación boletín informativo.
  • Iniciativas a trasladar ao pleno municipal.
  • Eleccións Xerais 2015.
  • Asuntos varios.
Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

24 de nov. de 2015

O Concello de Portas colabora con espectáculos sexistas

BNG-ASEMBLEAS ABERTAS EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO
O grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas non asistirá á lectura do manifesto do goberno municipal do concello de Portas polo 25N Día internacional da loita contra a violencia de xénero en protesta pola súa colaboración en espectáculos sexistas e a súa negativa a condenalos.
Entre as actividades organizadas na “VII Concentración Mototurística Portas 2015”, o día 18 de xullo ás 18:00h. realizouse un “lavado de motos” en presenza de menores, en instalacións do concello (finca da Azucreira) e con financiación municipal (968€ en concepto de aluguer de equipo de son).
No pleno extraordinario celebrado o sábado pasado 21 de novembro, e que fora solicitado polo BNG-Asembleas Abertas, debateuse unha moción na que se reclamaba pedir desculpas públicas por ter colaborado con esta denigrante exhibición sexista, así como evitar futuras colaboracións en actos similares. O alcalde, Víctor Estévez, argumentou textualmente: “A min persoalmente non me parece sexista eso”, despois de explicar que non tiña coñecementos suficientes para saber o que é sexista e o que non, e de acusar ao BNG-Asembleas Abertas de inquisidor. O Partido Popular votou en contra da moción e VUP abstívose.
O Partido Popular opúxose a: “negar calquera tipo de colaboración presente ou futura con organizacións, asociacións ou persoas que organicen, fomenten, faciliten ou consintan espectáculos sexistas”.
Con anterioridade o primeiro tenente de alcalde, Ricardo Martínez, comparara un “lavamotos” cunha muller facendo topless na praia. Este é o nivel.
O BNG-Asembleas Abertas, comprometido en contra de todas as violencias machistas, non asistirá á lectura do manifesto do goberno municipal de Portas polo 25N, pois considera incompatible non condenar e incluso colaborar con actos sexistas, mentres de cara á galería se di que se loita contra a violencia de xénero.



23 de nov. de 2015

Lotaría do nadal 2015-2016

Temos á venda lotaría do nadal, se alguén está interesado/a podedes poñervos en contacto persoalmente con calquera dos membros do grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas de Portas, ou a través do noso correo electrónico, blog ou páxina de Facebook.


18 de nov. de 2015

Pleno Extraordinario solicitado polo BNG-Asembleas Abertas

O sábado 21 de novembro de 2015 ás 16:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello solicitado polo BNG-Asembleas Abertas coa seguinte orde do día:
  1. Situación do concello no inicio da actual lexislatura.
  2. Contra da colaboración do concello en espectáculos sexistas.
  3. Local de reunión para os grupos políticos na casa do concello.
  4. Ubicación do grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas na esquerda do salón de plenos.
  5. Construción dunha pista multideporte en Briallos.
  6. Marcha estatal contra as violencias machistas de 7 de novembro de 2015.
  7. Sorteo mesas electorais - Eleccións xerais 2015.


Trataranse as mocións que presentamos en tempo e forma para o pleno ordinario do 30 de outubro pero que o goberno municipal decidira unilateralmente non incluír na orde do día.

13 de nov. de 2015

Convocatoria Extraordinaria da "Comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno"

O martes 17 de novembro de 2015 ás 20:30 h. celebrarase unha reunión extraordinaria da "comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno" na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Situación do Concello no inicio da actual lexislatura.
  2. Contra da colaboración do concello en espectáculos sexistas.
  3. Local de reunións para os grupos políticos na Casa do Concello.
  4. Ubicación do grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas na esquerda do salón de sesións.
  5. Construción dunha pista multideporte en Briallos.
  6. Marcha estatal contra as violencias machistas do 7 de novembro de 2015.
O Pleno Extraordinario solicitado polo grupo municipal de BNG-Asembleas Abertas celebrarase o sábado 21 de novembro.


27 de out. de 2015

Pleno Ordinario

O venres 30 de outubro de 2015 ás 19:30 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación acta sesión anterior.
  2. Coñecemento da composición da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo pleno.
  3. Informes da Presidencia.
  4. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
  5. Rogos e preguntas.

Non se convocou a "Comisión Informativa de asuntos a tratar polo pleno", polo que o pleno está completamente baleiro de contido. Os asuntos que se traen a pleno foron decididos única e exclusivamente pola Alcaldía, en contra dos seus propios compromisos. Nin se incluíron na orde do día as mocións presentandas polo BNG-Asembleas Abertas, nin se cumpren os acordos do pleno ordinario de agosto.
O "diálogo" do que presume o Alcalde, na realidade redúcese a facer o que el decide en MINORÍA sen consultarllo a ninguén. A proba máis clara é que neste pleno ordinario o único que se vai a poder votar é a aprobación da acta da sesión anterior, o resto son puntos informativos ou de preguntas pero nos que non se vota nada.

24 de out. de 2015

Solicitude de pleno extraordinario


O alcalde non cumpre o seu compromiso de convocar a "Comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno" unha semana antes do pleno ordinario

O BNG-Asembleas Abertas ven de presentar no rexistro do concello a solicitude dun pleno extraordinario para que as mocións que ten presentado no último mes sexan sometidas á corporación municipal.

No pleno ordinario de agosto a corporación aprobou por unanimidade e a petición do grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas a creación dunha "Comisión Informativa de asuntos a tratar polo pleno". O compromiso do novo goberno municipal foi a de celebrar unha reunión desta comisión unha semana antes de cada pleno ordinario (o venres anterior e á mesma hora de cada pleno ordinario).

O próximo venres 30 de outubro ás 19:30 h. está previsto que se celebre un pleno ordinario, polo que segundo o compromiso do goberno municipal, o venres 23 de outubro ás 19:30 h. debería terse celebrado unha reunión da Comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno, sen embargo, nin se celebrou nin ninguén do goberno se puxo en contacto co grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas para advertir de tal circunstancia ou do motivo da non celebración.

O BNG-Asembleas Abertas considera o comportamento do goberno municipal incompatible cos compromisos adquiridos e as promesas de diálogo e entendemento, polo que se ve obrigado a solicitar un pleno extraordinario, ao abeiro da lexislación vixente, para garantir que as súas mocións son sometidas ao pleno da corporación.










Moción con motivo da Marcha Estatal contra As Violencias Machistas


En nome da Plataforma Feminista Galega (PFG), o BNG-Asembleas Abertas presenta unha moción no concello de Portas con motivo da Marcha Estatal contra as Violencias Machistas de 7 de novembro de 2015.
Erradicar a lacra das violencias machistas depende de todos e todas.






9 de out. de 2015

Moción para a construción dunha pista multideporte en Briallos


Hoxe venres 9 de outubro, o BNG-Asembleas Abertas ven de presentar unha moción no rexistro do concello para demandar a construción dunha "pista multideporte" en Briallos.
Consideramos que o concello de Portas mantén unha débeda histórica en materia de infraestruturas deportivas coa parroquia de Briallos, por iso demandamos que con carácter urxente se contrúa unha pista multideporte (na imaxe amósase un exemplo, se ven, hai unha gran variedade de pistas similares no mercado) e para elo se inclúa unha partida suficiente nos orzamentos do vindeiro ano 2016.



8 de out. de 2015

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O sábado 10 de outubro ás 21:00 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai.

Asuntos a tratar:

  • Análise da situación política municipal transcorridos os primeiros 100 días de lexislatura.
  • Plan de traballo político.
  • Iniciativas a trasladar ao pleno municipal.
Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

4 de out. de 2015

Transcorridos máis de 100 días de lexislatura o BNG-Asembleas Abertas presenta as catro primeiras mocións para ser debatidas en pleno

O pasado luns 21 de setembro cumpríronse 100 días dende a investidura do novo alcalde. Transcorrido este prazo prudencial que o grupo do BNG-Asembleas Abertas decidiu conceder de marxe para a adaptación do novo goberno á súa nova situación, procedemos a presentar as catro primeiras mocións da lexislatura (presentadas no rexistro do concello o sábado 3 de outubro).

1. Primeira moción: "Situación do concello no inicio da actual lexislatura".
Consideramos necesario ter unha "foto fixa" da situación económica, material e de persoal no inicio de lexislatura.
2. Segunda moción: "Contra da colaboración do concello en espectáculos sexistas".
En relación ao espectáculo sexista denominado eufemisticamente como "lavado de motos" que tivo lugar da "VII Concentración Mototurística Portas 2015", con pleno coñecemento do alcalde e do grupo de goberno, o BNG-Asembleas Abertas cualifícao de lamentable, sexista, machista e retrógrado, e por elo considera que o goberno municipal debe presentar desculpas públicas e no futuro negar calquera tipo de colaboración con asociacións, organizacións ou persoas que organicen, fomenten, faciliten ou consintan espectáculos sexistas.


3. Terceira moción: "Demandar un local de reunión para os grupos políticos na casa do concello".
Consideramos que ao igual que PP e VUP dispoñen de locais de reunión na casa do concello, tamén o debe ter o BNG-Asembleas Abertas.


4. Cuarta moción: "Ubicar o grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas na esquerda do salón de plenos".
Consideramos que para facilitar a identificación dos diferentes grupos polo público, o grupo BNG-Asembleas Abertas debe ocupar o lugar esquerdo do Salón de Sesións (dende o punto de vista do público).





25 de ago. de 2015

Pleno Ordinario

O venres 28 de agosto de 2015 ás 20:30 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación actas sesións anteriores.
  2. Creación comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno.
  3. Composición comisión informativa especial de contas.
  4. Certificacións de obras.
  5. Informes da presidencia.
  6. Acordo de pagos.
  7. Coñecemento resolucións da alcaldía.
  8. Rogos e preguntas.
A creación dunha "comisión informativa de asuntos a tratar polo pleno" foi unha petición do BNG-Asembleas Abertas.

24 de ago. de 2015

V Comida-Xuntanza na Illa de Cortegada

O próximo 30 de agosto o BNG-Asembleas Abertas de Portas celebra unha comida-xuntanza na Illa de Cortegada.
Cada un leva a súa comida e a súa bebida e logo alí compartimos. Tod@s @s amig@s do BNG-Asembleas Abertas de Portas estades convidad@s.
Quedamos no peirao de Carril a partires das 11:00h. A esa hora haberá unha baixamar extrema polo que se poderá cruzar a pé (os pertrechos cruzarán na barca). O "barqueiro" terá que facer varias viaxes, así que non hai problema en chegar máis tarde (ás 12, 13h, ...).
O plan é darse un bañiño (os que queiran) na praia antes de comer. Despois da comida: sesta, paseo pola illa (45'), praia e gozar da compañía no paraíso.


No caso improbable de que chovese, buscamos un sitio cuberto para comer e seguimos coa festa... o importante é xuntarse!

19 de ago. de 2015

Reunión Informativa convocada polo Alcalde

Os concelleiros Santi Carballo e Arturo Fontán foron convocados polo Alcalde a unha reunión informativa a celebrar o venres 21 de agosto ás 20:00 h. na Casa do Concello para coñecer os asuntos que serán tratados no vindeiro pleno ordinario do 28 de agosto.

7 de xul. de 2015

Pleno Extraordinario

O venres 10 de xullo de 2015 ás 20:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación certificación número 1 - Final obra "Alcantarillado en Briallos e limpeza de camiños municipais" (PPOS/15).
  2. Aprobación certificación número 1 - Final obra "Mellora e acondicionamento de vial en Vilavedra-Romai" (PPOS/15).
  3. Aprobación certificación número 1 - Obra "Acondicionamento exteriores e pavimentación pistas no pavillón de deportes de Romai" (PPOS/15).
  4. Coñecemento proposta da Alcaldía s/prórroga contrato arquitecta municipal.
Entre este pleno e o anterior só hai 15 minutos, así que pensan despachar o pleno de organización do concello pola vía rápida.

Pleno Extraordinario

O venres 10 de xullo de 2015 ás 20:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación acta de constitución da corporación do día 13 de xuño.
  2. Proposta de periodicidade das sesións do Pleno.
  3. Coñecemento da constitución dos grupos políticos e designación dos seus voceiros.
  4. Creación e constitución das Comisións Informativas Permanentes.
  5. Proposta do nomeamento dos representantes da Corporación nos órganos colexiados.
  6. Coñecemento da Resolución da Alcaldía sobre nomeamento dos tenentes de alcalde.
  7. Proposta da Alcaldía sobre indemnizacións por asistencia dos concelleiros ás sesións dos órganos colexiados.
  8. Proposta da Alcaldía sobre asignacións aos grupos políticos.
Este é o primeiro Pleno convocado polo novo goberno municipal. Aprécianse luces e sombras. Por unha parte aplaudimos que o Pleno se convoque a unha hora axeitada para que poida asistir público, pero por outra banda, lamentamos que non se nos teña consultado, nin sequera posto en contacto, para explicar cales son as propostas da Alcaldía e dalgún xeito tratar de consensualas con todos os grupos políticos.

10 de xuño de 2015

Sesión constitutiva da nova Corporación municipal

O sábado 13 de xuño de 2015 ás 13:00 h. celebrarase a sesión constitutiva da nova Corporación municipal na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  • Punto único. Constitución da nova Corporación Municipal.

9 de xuño de 2015

Nota de prensa

CONTIDO DOS CONTACTOS MANTIDOS CON PP E VUP

O venres 5 de xuño, unha delegación do BNG-Asembleas Abertas mantivo senllas reunións coas outras forzas políticas que obtiveron representación na corporación municipal a petición destas. As conversas desenvolvéronse nun ambiente cordial no local da antiga cámara agraria que está a disposición dos grupos políticos municipais.
A reunión co Partido Popular iniciouse ás 19:00h e durou algo máis dunha hora. Nela, os representantes do PP informaron do seu xeito de traballar e propuxeron un pacto de lexislatura, establecendo como liñas vermellas nunha hipotética negociación: a alcaldía e non ter remuneracións ningún cargo.
A reunión con Veciñ@s Unid@s de Portas iniciouse ás 20:20h e durou 10 minutos. Nela, dous representantes de VUP propuxeron un pacto de goberno que, resumindo, consistiría na retirada da vida política de Roberto Vázquez, a alcaldía para VUP (Ramón Abuín), unha tenencia de alcaldía para BNG-Asembleas Abertas cunha dedicación parcial, representación paritaria dous a dous na xunta de goberno, concellaría de cultura para VUP (Mónica Castro) e a revisión do PXOM. Alcaldía e concellaría de cultura terían unha pequena dedicación parcial. Nesta proposta todo sería negociable excepto a alcaldía para VUP. De non haber acordo, Roberto Vázquez si recollería a acta de concelleiro.
Como se comunicou o sábado 6 de xuño, a asemblea local rexeitou unanimemente ambos ofrecementos. A decisión foi trasladada a ambos partidos durante a mañá dese mesmo día e non se estableceu ningún outro tipo de contacto dende entón.

6 de xuño de 2015

Nota de prensa

BNG-ASEMBLEAS ABERTAS REXEITA POR UNANIMIDADE AS PROPOSTAS DE PP E DE VUP
BNG-ASEMBLEAS ABERTAS VOTARÁ A SANTI CARBALLO NA INVESTIDURA

O BNG-Asembleas Abertas rexeita por unanimidade as propostas de PP e VUP e acorda presentar candidato no pleno do día 13.
Na asemblea aberta celebrada o venres día 5 procedeuse a comunicar aos presentes o contido dos encontros solicitados tanto polo PP coma VUP. Unha vez coñecido o seu contido e sometido a deliberación, por unanimidade decidiuse rexeitalas e manterse na decisión de presentar e votar ao seu candidato no Pleno de constitución da corporación.
O máis salientable das propostas era a oferta do VUP, que a cambio dun pacto de goberno e a alcaldía para o seu número dous, Ramón Abuín, ofrecía a revisión do PXOM e a retirada da vida política de Roberto Vázquez.
Fronte aos rumores interesados dos últimos días, esta proposta demostra claramente o rexeite que a figura de Roberto Vázquez suscita no BNG-Asembleas Abertas e a imposibilidade de aceptar ningún tipo de acordo con el.
O BNG-Asembleas Abertas, como primeiro paso dunha normalidade política que, logo de 23 anos de despotismo, aspira a recuperar para Portas, compremétese publicamente a facilitar a gobernabilidade do concello, e amosa a súa disposición a dialogar e chegar a todos os acordos puntuais necesarios para o beneficio de Portas e de todos os seus veciños e veciñas.

5 de xuño de 2015

Pleno Extraordinario

O mércores 10 de xuño de 2015 ás 20:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  • Punto único. Aprobación acta sesión anterior.

Aplaudimos que por fin, despois de 23 anos de negativa por parte de Roberto Vázquez e o PP, se celebre un pleno a unha hora razoable para que poidan acudir os veciños e veciñas interesados. Lástima que o contido do pleno sexa intrascendental.

4 de xuño de 2015

Nota de prensa

O BNG-ASEMBLEAS ABERTAS DE PORTAS INICIA UNHA RONDA DE CONTACTOS ANTES DA CONSTITUCIÓN DO NOVO GOBERNO MUNICIPAL

Mañá venres 5 de xuño, unha delegación do BNG-Asembleas Abertas manterá senllas reunións coas outras dúas forzas políticas que obtiveron representación na corporación municipal.
O BNG-Asembleas Abertas acudirá a estas reunións, solicitadas tanto por PP como por VUP, a escoitar as súas propostas, que posteriormente serán trasladadas á asemblea local.
Para esa mesma noite xa está convocada unha asemblea aberta na que os presentes serán informados do contido destes contactos, e de seguido proceder a establecer a posición política cara ao pleno de investidura do día 13 de xuño.

2 de xuño de 2015

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O venres 5 de xuño ás 21:30 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai.

Asuntos a tratar:

  • Comunicación e información á asemblea dos contactos mantidos con outras forzas políticas.
  • Posición de BNG-Asembleas Abertas de cara ao pleno de investidura do día 13 de xuño.


Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

27 de maio de 2015

Convocatoria da asemblea aberta de Portas

O venres 29 de maio ás 21:00 h. celebrarase unha asemblea aberta no Centro Cultural de Romai.

Asuntos a tratar:

  • Avaliación e análise dos resultados electorais.
Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.