30 de dec. de 2013

Pleno Extraordinario

O venres 3 de xaneiro ás 13:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello a petición do grupo municipal do BNG coa seguinte orde do día:

1. Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O BNG solicitará no Pleno Extraordinario a paralización da tramitación do PXOM, a retirada do documento aprobado inicialmente e proceder a iniciar un proceso de participación real da cidadanía que permita definir o modelo de crecemento que realmente queren e precisan os veciños e veciñas de Portas.


Acude como público. Faite oír!

23 de dec. de 2013

Pleno ordinario

O venres 27 de decembro de 2013 ás 14:50h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Expediente recoñecemento extraxudicial de crédito.
3. Alegación contra a aprobación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de resíduos sólidos urbanos, tratamento e eliminación dos mesmos.
4. Aprobación definitiva ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de resíduos sólidos urbanos, tratamento e eliminación dos mesmos, se procede.
5. Informes da Alcaldía.
6. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
7. Rogos e preguntas.

18 de dec. de 2013

Pleno Extraordinario para analizar o PXOM de Portas

O BNG solicitará paralizar a tramitación do PXOM

O grupo municipal do BNG de Portas ven de presentar no rexistro do concello a solicitude dunha reunión extraordinaria do pleno da corporación para analizar en profundidade o proceso de tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Nos case cinco anos que o equipo redactor leva traballando no PXOM dende que se asinara o contrato en marzo de 2009 non houbo ningún tipo de participación da cidadanía na redacción do PXOM. A pesares das múltiples promesas do grupo de goberno (ex-PP), nin houbo reunións cos veciños nin coa oposición.
As consecuencias son un documento totalmente afastado das necesidades e intereses dos veciños e veciñas, ademais de estar repleto de erros e deficiencias. O cúmulo de erros é tan grande que xa sería motivo máis que suficiente para invalidar un documento técnico de tanta importancia na vida da xente.

O BNG solicitará no Pleno Extraordinario a paralización da tramitación do PXOM, a retirada do documento aprobado inicialmente e proceder a iniciar un proceso de participación real da cidadanía que permita definir o modelo de crecemento que realmente queren e precisan os veciños e veciñas de Portas.




16 de dec. de 2013

Alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal

O grupo municipal do BNG de Portas presentou hoxe, 16 de decembro, no rexistro do concello alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Presentamos catro documentos independentes, centrados cada un deles nos principais problemas que o BNG considera que manifesta a proposta de PXOM que quere impoñer o grupo de goberno (ex-PP):

  1. Proceso de elaboración do PXOM: non houbo ningún tipo de participación veciñal no proceso de redacción e tramitación do PXOM e hai unha cantidade desproporcionada de erros na cartografía, o parcelario e a propia redacción da documentación, o cal se debe en gran parte á ausencia de participación dos veciños que terían evitado e corrixido moitos dos erros que agora invalidan un documento impropio dun traballo que se supón técnico. Na alegación solicítase corrixir a cartografía, o parcelario, o catálogo de patrimonio e os documentos integrantes do PXOM, así como a eliminación de falsidades e opinións interesadas ou tendenciosas.
  2. Núcleos rurais: o concello de Portas é totalmente rural (o único ascensor que existe no concello está nun miradoiro nunha cheminea) e en lugar de potenciar os núcleos rurais que é a forma de asentamento propia do concello, forzan a súa redución para concentrar a edificabilidade na zona da Estación-Azucreira. Solicítase potenciar os núcleos rurais, considerar distintos tamaños de parcela mínima en función do núcleo a considerar e aumentar a edificabilidade mentras o permitan os límites legais de consolidación, que están moi lexos de ser acadados.
  3. Zona urbana: o PXOM pretende crear artificialmente unha zona urbana e urbanizable, a costa da terra e os cartos dos propietarios, e en prexuizo do resto do concello ao reducirse a edificabilidade nos núcleos. Fundamentalmente, solicítase transformar o solo urbanizable da Estación en núcleo rural común.
  4. Polígonos industriais: o PXOM pretende crear dous polígonos industriais que o BNG entende están situados en lugares inadecuados. Solicítase eliminar os dous polígonos industriais.


Os documentos son os seguintes:

12 de dec. de 2013

Alegacións conta a aprobación provisional da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do Servizo de Recollida de Residuos Sólidos Urbanos, Tratamento e Eliminación dos mesmos

O grupo municipal do BNG de Portas presentou hoxe, 12 de decembro, no rexistro do concello alegacións en contra da aprobación provisional da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do Servizo de Recollida de Residuos Sólidos Urbanos, Tratamento e Eliminación dos mesmos.


Entendemos lesiva esta ordenanza aos intereses dos veciños e veciñas do concello de Portas polas seguintes razóns:

  1. A taxa para as vivendas é indiscriminada sen atender á capacidade económica das familias.
  2. Os prezos son moi superiores aos de concellos limítrofes e cun servizo de peor calidade.
  3. O prezo para as vivendas non se axusta ao servizo prestado en comparación con calquera dos concellos da comarca polo que debe reducirse considerablemente.
  4. O único lixo que se pode depositar nos colectores municipais son residuos domésticos ou asimilables (residuos sólidos urbanos). As actividades económicas que produzan residuos que non sexan asimilables aos domésticos teñen a obriga legal de contratar os servizos de empresas especializadas para o tratamento e retirada dos mesmos. O concello non pode cobrar unha taxa municipal por un servizo que non presta (recollida de residuos industriais, residuos perigosos, aceites usados, pilas, pinturas, …). Os prezos propostos na Ordenanza non se xustifican pola recollida e tratamento de residuos domésticos, que son os únicos que se poden depositar nos colectores municipais. Os prezos aplicables a actividades económicas deben reducirse a valores moi inferiores.
  5. Segundo informou o señor Alcalde no Pleno do pasado 25 de outubro, a pretensión inicial do grupo de goberno era baixar as taxas nunha porcentaxe maior respecto dos prezos en vigor, pero que non se puido levar a cabo debido ao anuncio de incremento nun 34% no prezo dos servizos prestados por Sogama. Dado que este incremento se aprazou ata marzo ou abril de 2014, o mantemento dos prezos de Sogama debe repercutir á baixa nos prezos da taxa municipal
E solicitamos a modificación da ordenanza para que se teñan en conta ditas alegacións, reducindo os prezos da mesma.


4 de dec. de 2013

Convocatoria da asemblea local de Portas

O sábado 7 de decembro ás 20:00 h. celebrarase unha asemblea no local da antiga cámara agraria de Portas.

Asuntos a tratar:
- Alegacións ao PXOM.
- Medidas a adoptar polo grupo en contra do PXOM.
- Alegacións contra a Ordenanza de recollida e tratamento do lixo.
- Comedor escolar.
- Outros.

Rógase asistencia e puntualidade.

Como sempre, están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

Lembramos que temos á venta lotería de nadal.

21 de nov. de 2013

Pleno Extraordinario

O luns 25 de novembro de 2013 ás 14:50h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:

1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Conta xeral 2012.
3. Orzamento municipal 2013.
4. Moción do grupo municipal do BNG de Portas sobre o Decreto de Comedores.

Pretenden aprobar uns orzamentos que terán unha vixencia de tan só quince días. Despois deste pleno, os orzamentos terán que estar en exposición pública durante quince días, así que chegaremos a mediados de decembro de 2013 sen orzamentos para 2013. Ridículo!!!

A 25 de novembro pretenden aprobar os orzamentos municipais de 2013 cando a estas alturas todos os concellos están negociando os orzamentos do ano 2014 e a lei di que os orzamentos teñen que estar aprobados definitivamente antes do 31 de decembro.... pero a 31 de decembro de 2012.

Pretender aprobar os orzamentos de 2013 cando xa se consumiu o 92% do ano 2013 (11 de 12 meses) é simplemente unha tomadura de pelo. Cando con maioría absoluta non presentan os orzamentos en tempo e forma, é porque non queren. É unha burla á cidadanía!

10 de nov. de 2013

Charlas informativas PXOM

Lantaño, sábado 16 de novembro, ás 20:00h no Teleclube
Romai, domingo 17 de novembro, ás 12:00h no Teleclube
Portas, sábado 23 de novembro, ás 20:00h na Casa da Cultura
Briallos, domingo 24 de novembro, ás 12:00h no Albergue de Peregrinos

POSICIONAMENTO DO BNG

Infórmate, escoita a nosa opinión e a dos demais, e se coma nós non estás de acordo con este PXOM, alega, protesta, fala cos teus veciños, pero por favor non quedes na casa, porque pasado o 16 de decembro, esta estafa non terá volta atrás.












8 de nov. de 2013

Convocatoria da asemblea local de Portas

O domingo 10 de novembro ás 12:00 h. celebrarase unha asemblea no local da antiga cámara agraria de Portas.

Asuntos a tratar:
- PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal de Portas).
- Charlas informativas sobre o PXOM.
- Reparto de Boletíns Informativos.
- Lotaría de nadal.

Rógase asistencia e puntualidade.

Como sempre, están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

7 de nov. de 2013

Novo boletín informativo - Novembro 2013

O BNG de Portas edita un novo boletín informativo (Nº 10 # 2ª etapa # Novembro de 2013), que comezará a repartirse polas casas de Portas nos próximos días.

PXOM de Portas: O último pelotazo de Roberto Vázquez
PXOM de Portas: Historia dunha estafa
Re-taxazo do lixo
Polo dereito ao comedor escolar dos nenos e nenas de Portas





29 de out. de 2013

Lotaría do nadal 2013

Temos á venda lotaría do nadal, se alguén está interesado/a podedes poñervos en contacto persoalmente con calquera dos membros do grupo municipal do BNG de Portas, ou a través do noso correo electrónico, blog ou páxina de Facebook.

25 de out. de 2013

Alegacións conta a aprobación provisional da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do Servizo de Axuda no Fogar

O grupo municipal do BNG de Portas presentou no rexistro do concello, o pasado 25 de outubro, alegacións en contra da aprobación provisional da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do Servizo de Axuda no Fogar.

Entendemos lesiva esta ordenanza aos intereses dos veciños e veciñas do concello de Portas polas seguintes razóns:

  1. A base impoñible desta taxa non está determinada de forma obxectiva e clara, creando incerteza e indefensión nos usuarios do servizo.
  2. A suba da taxa para os usuarios en réxime de libre concorrencia é excesiva e moi superior ao IPC.
  3. A tarificación por tramos é inxusta por canto unha pequena variación nos ingresos do usuario supón diferenzas moi importantes nas porcentaxes de participación no custo do servizo de axuda no fogar.


E solicitamos a modificación da ordenanza para se teñan en conta ditas alegacións.


22 de out. de 2013

Moción do BNG solicitando a derrogación do Decreto de Comedores da Xunta de Galiza

O grupo municipal do BNG de Portas ven de presentar no rexistro do concello unha moción para solicitar a derrogación do Decreto 132/2013, do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos.

O texto da moción é o seguinte:

"MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO DE PORTAS SOBRE O DECRETO DE COMEDORES.


Conforme ao previsto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego do Concello de Portas desexa someter á consideración do Pleno a seguinte MOCIÓN, en base a seguinte

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Co Decreto do 1 de agosto do 2013, o goberno da Xunta de Galiza deu a coñecer un novo recorte no dereito á educación dos galegos e galegas cunha medida que afecta directamente ao alumnado do noso concello e do resto do rural galego. O goberno do PP  establece a ampliación dunha forma abusiva do copago do servizo de comedor escolar. Un servizo ao que, cun custo reducido, os nenos e nenas de Portas que viven a máis de 2 Km do colexio teñen dereito por seren usuarios do transporte escolar, servizo que, a cambio, no remate das clases ao mediodía non se lles proporciona.
Porén, co novo decreto, se lles retira aos nenos e nenas de Portas ese dereito a un custo reducido e se lles nega asemade a posibilidade de seren transportados no remate das clases da mañá. Sufrindo sí unha grave discriminación con respecto aos nenos e nenas das cidades galegas, que poden elixir entre transporte e comedor.
Esta decisión , así mesmo, carga sobre as precarias economías das familias a obriga de facer fronte ao pago dunha parte importante deste servizo. Un servizo necesario  para garantir un dereito fundamental como é o Dereito á Educación que, con esta imposición do goberno de Núñez Feijoo, vén a deteriorar o ensino público no que respecta ao servizo de comedores escolares.
Esta actuación do actual goberno da Xunta de Galiza evidencia a súa despreocupación polo ensino público, provocando o seu deterioro polos sucesivos recortes dos últimos anos: recortes no número de profesores e profesoras; recortes nos orzamentos dos centros;  recortes nas axudas para libros, nas axudas para bibliotecas, atrasos nas transferencias económicas para comedores escolares, recorte no servizo de comedores, empeoramento das condicións socio-laborais do profesorado, recortes nos servizos de normalización lingüística e unha longa cadea de despropósitos que deterioran un servizo público básico da sociedade.
Pola contra, todos estes recortes no ensino público contrastan cos 240 millóns de subvención ao ensino concertado, cos 3 millóns de euros de subvención para centros que segregan ao alumnado por razón de xénero e que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou ilegal.

Polo exposto, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego somete á consideración do Pleno esta MOCIÓN, para que este adopte o seguinte ACORDO:

Instar á Xunta de Galicia: A derrogar o Decreto 132/2013, do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da consellería con competencias en materia de educación".

Pleno ordinario

O venres 25 de outubro de 2013 ás 14:50h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:

1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Modificación da Ordenanza Fiscal Reguladora da Taxa por Servizo de Recollida de Lixo.
3. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
4. Rogos e preguntas.

16 de out. de 2013

Convocatoria da asemblea local de Portas

O sábado 19 de outubro ás 20:30 h. celebrarase unha asemblea no local da antiga cámara agraria de Portas.

Asuntos a tratar:
- PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal de Portas).
- Varios.

Rógase asistencia e puntualidade.

Dado os asuntos a tratar, é moi importante que fagades un esforzo por asistir!!!

Como sempre, están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

26 de ago. de 2013

Pleno ordinario

O venres 30 de agosto de 2013 ás 14:50h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:

1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Portas.
3. Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de axuda no fogar do Concello de Portas.
4. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
5. Rogos e preguntas.

O BNG de Portas presentará batalla e oporase na medida das súas posibilidades a que se consume a estafa á cidadanía que o equipo de goberno quere levar adiante coa aprobación inicial do PXOM.

1 de ago. de 2013

Pleno extraordinario para aprobación inicial do PXOM

O Grupo de Goberno búrlase da cidadanía impoñendo un documento sen participación veciñal

Mañá venres 2 de agosto ás 14:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do concello de Portas para proceder á aprobación inicial do PXOM.
Os traballos de redacción do PXOM iniciáronse en marzo de 2009 coa sinatura do contrato entre o concello e a empresa OAU (Oficina de Arquitectura y Urbanismo). Dende entón nin empresa nin concello mantiveron o máis mínimo contacto coa oposición con motivo do PXOM ata o pasado mércores 24 de xullo en que se nos convocou, con menos de 24 horas de antelación, para presentarnos un documento rematado e pechado.
Foron múltiples as ocasións en que o goberno municipal e o equipo redactor prometeron diálogo e participación veciñal, e foron múltiples as ocasións nas que o BNG solicitou reunións entre o equipo redactor e a corporación municipal, sen embargo, tanto equipo de goberno como equipo redactor se negaron.
Esta forma de actuar mostra por unha banda a actitude antidemocrática do grupo de goberno pero por outra unha falta de profesionalidade por parte do equipo redactor.
Roberto Vázquez e o seu grupo de concelleiros, dimisionarios do PP, nun acto de perversión e burla do sistema democrático, confundindo maioría absoluta con ditadura, tratan de impoñer un documento redactado no máis absoluto secretismo, obscurantismo e depotismo que marcará o desenvolvemento do concello nos próximos 30 ou 40 anos.
As caixas cos documentos do PXOM foron depositadas no concello o pasado mércores 24 de xullo, sen ningún tipo de previo coñecemento da oposición, e seis días laborables despois pretenden aprobalo inicialmente. O grupo de goberno pretende que a oposición estude e valore un documento enormemente extenso e complexo que tardaron 52 meses en redactarse en tan só seis días laborables, podendo só consultalo no concello e en horario de mañá, e para mais dano en datas vacacionais.

O Bloque Nacionalista Galego rexeita categoricamente nas formas e no fondo a proposta de PXOM e oporase con todos os seus medios dispoñibles ao que considera unha burla, un insulto e un atropelo aos veciños e veciñas de Portas.

30 de xul. de 2013

Pleno extraordinario

O venres 2 de agosto ás 14:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:

1. Aprobación actas sesións anteriores.
2. Aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Portas.


22 de xul. de 2013

III Comida-Xuntanza na Illa de Cortegada


O próximo sábado 3 de agosto o BNG de Portas celebra unha comida-xuntanza na Illa de Cortegada.
Cada un leva a súa comida e a súa bebida e logo alí compartimos. Tod@s @s amig@s do BNG de Portas estades convidad@s.
Quedamos no peirao de Carril a partires das 10:30h. O "barqueiro" terá que facer varias viaxes, así que non hai problema en chegar máis tarde (ás 12 ou 13h).
O plan é que os rapaces poidan desfrutar da praia antes de comer. Despois da comida: sesta, paseo pola Illa (45'), praia e desfrutar da compañía.

No caso improbable de que chovese, buscamos un sitio cuberto para comer e seguimos coa festa... o importante é xuntarse!

26 de xuño de 2013

Pleno ordinario

O venres 28 de xuño de 2013 ás 14:50h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:

1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Informe da Presidencia: preferentes.
3. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
4. Rogos e preguntas.

Prevese que asistan representantes da Asociación de Afectados polas Preferentes da comarca do Umia. Necesitan todo o apoio que se lles poida dar, animamos aos veciños e veciñas de Portas a asistir.

20 de xuño de 2013

Convocatoria da asemblea local de Portas

O domingo 23 de xuño ás 12:00 h. celebrarase unha asemblea no local da antiga cámara agraria de Portas.

Asuntos a tratar:
- Liña política.
- Planificación e reforzamento do grupo.
- Asuntos varios.

Rógase asistencia e puntualidade.

Como sempre, están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.

24 de abr. de 2013

Pleno ordinario

O venres 26 de abril de 2013 ás 14:50h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:


1. Aprobación actas sesións anteriores.
2. Informes da Presidencia.
3. Coñecementos resolucións da Alcaldía.
4. Rogos e preguntas.

Como sempre, outro pleno ordinario absolutamente baleiro de contido. Mentres seguimos sen Orzamento para o ano 2013 e iso que estamos a finais do mes de abril.

11 de abr. de 2013

Pleno extraordinario pola supervivencia da Cultural Deportiva Portas

O goberno local obrigado a ceder ante a presión social

Mañá, venres 12 de abril ás 14:50 h. celebrarase sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Portas a petición do grupo municipal do BNG.
Os asuntos da orde do día son:

  • Elaboración dunhas bases reguladoras de concesión de subvencións, para evitar a concesión discrecional de subvencións e frear as prácticas irregulares do goberno local.
  • Sinatura dun convenio de colaboración entre o concello e a Cultural Deportiva Portas.

Dende que o BNG rexistrou no concello a solicitude de pleno extraordinario o pasado 25 de marzo, o goberno local viuse forzado pola presión social a cambiar radicalmente a súa posición sobre a C. D. Portas. Pasou de negar a débeda a recoñecer parte dela e incluso facer xa varios pagos.
A pesares deste cambio de posición, o grupo de goberno segue sen recoñecer o problema principal que non é máis que a viabilidade futura das escolas deportivas en Portas. O BNG considera que a solución pasa por asinar un convenio de colaboración pactado entre ambas partes, o cal demandará na sesión plenaria.

O Bloque Nacionalista Galego demandará un convenio de colaboración entre concello e a C. D. Portas que garanta o mantemento do deporte base, así como a elaboración dunhas bases reguladoras de concesión de subvencións.

10 de abr. de 2013

Convocatoria da asemblea local de Portas

O domingo 14 de abril ás 12:00 h. celebrarase unha asemblea no local da antiga cámara agraria de Portas.


Asuntos a tratar:

- Situación da Cultural Deportiva Portas.
- Xubilación do conserxe do colexio.
- PXOM.
- Liña política.
- Asuntos varios.

Rógase asistencia e puntualidade.

Están convidados como sempre tod@s @s simpatizantes e amig@s.

9 de abr. de 2013

Pleno Extraordinario

O venres 12 de abril ás 14:50 h. celebrarase un pleno extraordinario na casa do Concello a petición do grupo municipal do BNG coa seguinte orde do día:

1. Bases reguladoras de concesión de subvencións.
2. Convenio de colaboración entre o concello e a "Cultural Deportiva Portas".

25 de mar. de 2013

O BNG reclama un convenio de colaboración entre o concello e a Cultural Deportiva Portas

Solicitude de Pleno Extraordinario

Hoxe, 25 de marzo, o grupo municipal do BNG de Portas presentou no rexistro do concello un escrito solicitando a celebración dun pleno extraordinario para tratar os seguintes asuntos:

  1. Elaboración dunhas bases reguladoras de concesión de subvencións, para evitar a concesión discrecional de subvencións e frear as prácticas irregulares do grupo de goberno.
  2. Sinatura dun convenio de colaboración entre o concello e a Cultural Deportiva Portas.

Durante décadas, a C. D. Portas ven realizando labores de formación e promoción no campo do deporte e a cultura que lle corresponderían ao concello, sen embargo este, en lugar de colaborar coas asociacións que suplen as súas carencias, dedícase a asfixialas e desprezalas.
A día de hoxe, a C. D. Portas é o único sustento do deporte de base en Portas (escolas deportivas de fútbol, tenis e xadrez, e seccións inferiores de fútbol pre-benxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís, así como xadrez), pero non recibe do concello nin o recoñecemento merecido nin os recursos mínimos imprescindibles para desenrolar as súas actividades.
Os constantes e reiterados incumprimentos por parte do concello cos compromisos adquiridos coa C. D. Portas están a poñer en perigo a súa viabilidade e supervivencia.
O BNG de Portas considera que a solución pasa por recoñecer e satisfacer a débeda contraída coa C. D. Portas e asinar un convenio de colaboración que estabilice a asociación, garantindo que os rapaces e rapazas de Portas poidan seguir recibindo unha formación deportiva e cultural de calidade e igualitaria con independencia dos recursos económicos das súas familias.

O Bloque Nacionalista Galego esixe que o Concello de Portas asine de forma urxente un convenio de colaboración coa C. D. Portas que garanta o mantemento do deporte base no concello.






19 de feb. de 2013

Pleno ordinario

O venres 22 de febreiro de 2013 ás 14:50h. celebrarase un pleno ordinario na casa do Concello coa seguinte orde do día:

1. Aprobación acta sesión anterior.
2. Moción do grupo de goberno do concello sobre apoio á continuidade da oficina bancaria Novagalicia Banco en Portas.
3. Desafectación casas de mestres.
4. Coñecemento resolucións da Alcaldía.
5. Rogos e preguntas.

24 de xan. de 2013

O BNG reclama a reparación urxente da pontella entre Portas e Arcos da Condesa

O alcalde "reprende" pero non asume a súa responsabilidade

Nos últimos días fíxose público que o alcalde de Portas “reprendeu” ao seu homólogo de Caldas de Reis por pechar ao tráfico rodado unha pontella (que pertence a Caldas de Reis) que cruza o río Chaín e que comunica as parroquias de Portas e Arcos da Condesa.

O BNG quere lembrar que hai catro anos, o 21 de febreiro de 2009, xa presentara unha moción no concello de Portas na que denunciaba o deterioro da pontella e esixía a reparación urxente da mesma. A moción foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario celebrado o 24 de febreiro de 2009.
Roberto Vázquez comprometérase a buscar unha solución e a trasladarlle a problemática da pontella a Augas de Galicia e ao concello de Caldas de Reis. Dende entón, nin a pontella foi reparada, nin o alcalde cumpriu os seus compromisos, subestimando o problema.
Roberto Vázquez non asumiu as súas responsabilidades e agora pretende trasladarlle as consecuencias da súa inacción aos demais.
A pontella ameaza ruína e a pista que comunica a Rapeira con Arcos está en estado lamentable. Pontella e pista necesitan unha reparación urxente.

O Bloque Nacionalista Galego esixe que se repare de forma urxente a pontella sobre o río Chaín, e pídelle ao alcalde de Portas que traballe en beneficio dos veciños e veciñas sen trasladar aos demais as súas responsabilidades.

Foto tirada o 20/1/2013. Apréciase o afundimento do piar dereito.
Foto tirada o 20/1/2013. Apréciase o afundimento das lousas da dereita.
Foto tirada o 20/1/2013. Apréciase o afundimento das lousas na marxe esquerda.


8 de xan. de 2013

Convocatoria da asemblea local de Portas

O sábado 12 de xaneiro ás 20:00 h. celebrarase unha asemblea IMPORTANTE no local da antiga cámara agraria de Portas.

Asunto a tratar: Debate sobre o futuro do nacionalismo e a revitalización do BNG.

Rógase asistencia e puntualidade. A túa opinión importa, non faltes!!!

Están convidados tod@s @s simpatizantes e amig@s. Dádelle a máxima difusión.

Nos seguintes enlaces podedes atopar:
- máis información sobre o debate interno (http://www.bng-galiza.org/proponconnosco/)

Antiga Cámara Agraria. No interior está o pequeno local cedido polo concello para as reunións do grupo municipal do BNG.