Solicitado un pleno monográfico para esixir explicacións
O BNG-Asembleas Abertas vén de presentar no rexistro do
concello de Portas a solicitude dun pleno extraordinario para tratar de forma
monográfica a situación creada polas sucesivas condenas contra o concello de
Portas como consecuencia da desprotección con pleno coñecemento dunha
traballadora municipal que finalmente sufriu unha brutal agresión.
Mónica Ferro Folgar, traballadora social contratada como
persoal laboral fixo polo concello de Portas, foi brutalmente agredida o 2 de
xullo de 2012, sendo alcalde Roberto Vázquez aínda no Partido Popular. Como
consecuencia das lesións por este “accidente de traballo” foi declarada cunha
invalidez permanente absoluta.
O 20 abril de 2016 o Xulgado do Social nº4 de Pontevedra
condenou ao concello de Portas con recargo de prestacións dun 50% por
desamparar con pleno coñecemento á traballadora con terribles consecuencias. O
recargo do 50% é a máxima sanción posible por lei e dado que ten natureza
punitiva non se pode facer cargo ningún seguro nin a Seguridade Social, que
valorou este recargo en 183.693,50 €.
O 6 de marzo de 2017 a Sala do Social do Tribunal
Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso de suplicación do concello
contra a sentenza anterior e condenouno en costas. O tribunal determinou que
este era un “caso de meridiana inactividade ou pasividade” do concello en
relación aos riscos aos que estivo sometida a traballadora.
O 23 de novembro de 2016 o xulgado do social nº2 de
Pontevedra condenou ao concello de Portas a aboar a Mónica Ferro Folgar a suma
de 47.000 euros en concepto de indemnización por aplicación do convenio
colectivo do seu contrato, que era o da construción aínda sendo asistenta
social, que establece que lle corresponde á traballadora o dereito a percibir
esa cantidade no suposto de incapacidade permanente absoluta derivada de
accidente de traballo. A sentenza foi recorrida polo concello.
O pleno municipal non foi informado da recepción de
ningunha das tres sentenzas indicadas, nin da presentación dos recursos
posteriores, nun intento por ocultar as consecuencias das neglixencias de
Roberto Vázquez e dos erros cometidos na estratexia de defensa do actual
goberno.
En outubro de 2016 a extraballadora presentoulle ao
concello unha reclamación de indemnización por responsabilidade civil derivada
de accidente de traballo por valor de 502.051,38 €. Esta petición foi rexeitada
polo pleno municipal en decembro sen estudo e sen debate. Dados os
antecedentes, o máis probable é que esta reclamación acabe en vía xudicial con
graves consecuencias para as arcas municipais.
Ningún responsable do goberno municipal ten asumido algún
tipo de responsabilidade, nin no momento da agresión, nin posteriormente, nin
actualmente. Roberto Vázquez segue sendo concelleiro e socio do actual grupo de
goberno.
BNG-Asembleas Abertas reclama a asunción de
responsabilidades de Roberto Vázquez e esíxelle ao alcalde que deixe de
defender ao seu excompañeiro de partido e proporcione toda a información do
caso.
O BNG-Asembleas Abertas nunca
foi partidario de xudicializar a vida política municipal, sen embargo, a
incapacidade do goberno do PP de buscar solucións e a excepcionalidade da
situación que está a poñer ao concello ao borde do colapso económico esixe
adoptar medidas extraordinarias. O concello debe iniciar accións legais para
reclamar responsabilidades patrimoniais ao exalcalde Roberto Vázquez,
responsable directo da “inactividade ou pasividade” do concello que desembocou
na agresión á traballadora municipal.