20 de dec. de 2016

Pleno Extraordinario

O venres 23 de decembro de 2016 ás 19:30 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión ordinaria de 28/10/2016.
  2. Adhesión ao servizo de cesión de datos para as administracións públicas da tesourería xeral da seguridade social.
  3. Reclamación en materia de cantidade (indemnización de responsabilidade civil derivada de accidente de traballo) de Mónica Ferro Goldar.
  4. Delegación na Deputación Provincial de Pontevedra - ORAL, das facultades de xestión, inspección, liquidación, recadación e revisión relativo ao imposto sobre vehículos de tracción mecánica (alta ITVM).
  5. Aprobación e establecemento de ordenanza fiscal reguladora prezo público por actividades culturais.
  6. Mocións.
    1. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre xustificación do emprego de procedementos negociados sen publicidade.
    2. Moción presentada polo Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas sobre remisión de Decretos da Alcaldía á Oposición no prazo de 10 días dende a súa sinatura.
  7. Dación de conta dos Decretos e Resolucións de Alcaldía.
  8. Informes da Presidencia.
  9. Rogos e preguntas.

16 de dec. de 2016

Moción para xustificación do emprego de procedementos negociados sen publicidade


O BNG-Asembleas Abertas ven de presentar no concello unha moción para reclamar a xustificación do emprego de procedementos negociados sen publicidade para a adxudicación de obras, subministracións ou servizos.
Na actual lexislatura o goberno municipal xa empregou en varias ocasións o procedemento negociado sen publicidade sen motivalo suficientemente, polo que solicitamos que no futuro se motive máis axeitadamente e no caso das adxudicacións xa realizadas pedimos que a Alcaldía faga un informe de xustificación.



Moción para remisión dos Decretos da Alcaldía á oposición no prazo de 10 días dende a súa sinatura

O BNG-Asembleas Abertas ven de presentar no concello unha moción para reclamar a entrega a todos os membros da Corporación Local de todas as resolucións, providencias, comunicacións ou calquera tipo de orde escrita da Alcaldía no prazo de 10 días dende a súa sinatura.
Actualmente no concello de Portas todas as competencias posibles están concentradas na Alcaldía e non existe Xunta de Goberno por decisión do grupo de goberno de modo que todas as decisións son tomadas polo Alcalde e son comunicadas á oposición con entre 4 e 6 meses de retraso polo que se impide de forma efectiva o traballo de fiscalización do noso grupo.


15 de dec. de 2016

O pavillón de Romai: expoñente da incompetencia do goberno municipal

Vídeo onde se ve caer unha columna de auga que inunda unha vez máis o pavillón de Romai

Leva un mes sen chover, caen dúas pingas e o pavillón de Romai volve a inundarse. Imaxes do xoves 15 de decembro de 2016.
Víctor Estévez, Roberto Vázquez e Rafael Louzán reinauguraron o pavillón de Romai o 11 de xullo de 2015, e a pesares dos 400.000 euros que costou a rehabilitación as pingueiras, os charcos e as columnas de auga inundan periodicamente o pavillón.
Este problema foi creado por Estévez, Vázquez e Louzán que coas présas electorais recepcionaron unhas obras mal executadas e agora un incompetente goberno municipal é incapaz de poñerlle solución.

Na ligazón pódese ver a inundación de xaneiro de 2016: 

14 de dec. de 2016

Convocatoria ordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno

O venres 16 de decembro de 2016 ás 20:30 h. celebrarase unha reunión ordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación acta da sesión ordinaria do 21/10/2016.
  2. Adhesión ao servizo de cesión de datos para as administracións públicas da tesourería xeral da seguridade social.
  3. Informe reclamación en materia de cantidade (indemnización de responsabilidade civil derivada de accidente de traballo) de Mónica Ferro Folgar.
  4. Delegación na Deputación Provincial de Pontevedra - ORAL das facultades de xestión, inspección, liquidación, recadación e revisión relativos ao imposto sobre vehículos de tracción mecánica (alta IVTM).
  5. Aprobación e establecemento e ordenanza fiscal reguladora prezo público por actividades culturais e artísticas.
  6. Rolda de intervencións.

O alcalde volve a saltarse un acordo plenario unánime e convoca a Comisión Informativa para o venres 16 en lugar do día que lle corresponde que é o venres 23 de decembro. Nin sequera se puxo en contacto co grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas para explicar este cambio.
No pleno ordinario de 26 de febreiro de 2016 aprobouse por unanimidade unha moción do BNG-Asembleas Abertas que establecía a periodicidade das sesións ordinarias da Comisión Informativa de Asuntos a tratar polo Pleno. O acordo aprobado di textualmente: "As sesións ordinarias da Comisión Informativa de Asuntos a Tratar polo Pleno terán unha periodicidade dunha cada dous meses, o penúltimo venres dos meses pares ás 20:30h. Se este día cadra en festivo, a sesión trasladarase á véspera ou ó seguinte día hábil".

2 de dec. de 2016

Novo Boletín Informativo - Decembro 2016

O BNG-Asembleas Abertas edita un novo boletín informativo (Nº 16 # Decembro de 2016), que comezará a repartirse polas casas de Portas nos próximos días.
O goberno municipal adxudica "sen publicidade" un contrato de 35.605,90 euros á empresa do Secretario de Organización do PP de Portas