23 de dec. de 2022

Moción do BNG sobre a adopción de medidas urxentes para garantir a atención sanitaria pública no concello de Portas

A situación na que se atopa a área sanitaria Pontevedra-O Salnés é límite. Ningún centro de saúde ou PAC funciona con normalidade, cos cadros de persoal que lles corresponden. Centos de persoas non poden pedir cita médica, e miles non teñen persoal médico asignado, e teñen que ser atendidas cada vez por unha profesional diferente.

Nos nove PACs da área, un día si e outro tamén, están sen profesionais, con quendas enteiras sen un só médico, o que obriga ás persoas doentes a ir peregrinando dun PAC a outro para poder ser atendidas.

Un día tras outro a realidade dos centros de saúde e dos PACs dista moito da imaxe idílica que propaga a Xunta e o PP. As listas de agarda, a falta de persoal médico, a sobrecarga do persoal sanitario, o retraso de semanas para conseguir cita médica poñen de manifesto a realidade dun sistema sanitario público sumido nunha grave crise pola falta de planificación, de previsión e de medios que é responsabilidade da Xunta do PP.

Esta situación da atención primaria está producindo unha forte presión nas urxencias hospitalarias, formándose longas colas en urxencias pediátricas e colapsando as urxencias do hospital Montecelo, onde se producen traslados de pacientes das urxencias para o hospital do Salnés e para o Quirón Salud de forma reiterada. De non resolverse con urxencia, a situación vaise ver agravada polo incremento das enfermidades respiratorias propias desta época do ano.

Esta situación, ademais de producir un forte malestar nas persoas que acoden aos centros de saúde e ás urxencias hospitalarias, deixa ás claras que nos concellos da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés non está garantida a atención sanitaria pública á poboación, un feito de extrema gravidade que precisa dunha actuación contundente e urxente por parte da Xunta de Galiza para garantir o dereito á saúde dos veciños e veciñas no sistema público

É por isto que presenta esta moción e solicita o voto favorable do Pleno da Corporación municipal de Portas para a adopción dos seguintes

ACORDOS

  • esixir ao goberno galego a adopción con urxencia de todas as medidas necesarias para garantir a cobertura das prazas vacantes e prestar unha atención sanitaria pública digna no concello de Portas e en toda a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés,
  • esixir ao goberno galego a resolución urxente da situación das urxencias hospitalarias, incluídas as pediátricas, na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.