28 de nov. de 2022

Resume do pleno do 25 de novembro

  • Asistimos 1 concelleiro do BNG (María escusou por estar de viaxe), 5 do PP e 2 de VUP. O pleno pode verse completo en internet. O BNG é a única oposición.
  • [6:05] Aprobouse o “inventario de bens do concello” (7 votos a favor do PP e VUP e 1 en contra do BNG). Outro documento cheo de erros e omisións como o PXOM. Dálles igual as advertencias, gastaron 18.000€ para xustificarse, pero non queren facer ben as cousas. Faltan moitos camiños, terreos privados como públicos e públicos como privados... Cuestión aparte son as decisións inxustas con determinados particulares a sabendas de que son inxustas. O BNG pediu unha reunión o 5 de setembro para tratar os erros no documento, seguimos esperando a que nos contesten.
  • [18:55] Aprobouse por unanimidade o convenio de adhesión á APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia) para ceder as competencias municipais de “inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en relación coas obras e usos do solo que se executen sen título habilitante municipal de natureza urbanísitica ou sen axustarse ás súas condicións”. Pedímoslle responsabilidade ao alcalde e ao grupo de goberno para que dunha vez se tomen en serio o urbanismo e abandonen o “ti vai facendo”, e paren as obras sen licenza no momento de iniciarse, porque se non o fan, coa APLU haberá derrubamentos e consecuencias moi desagradables. Este convenio non pode ser a escusa do alcalde para “lavarse as mans”, o concello segue tendo a obriga de denunciar as infraccións, e se non o fai no momento de iniciarse as obras, as consecuencias cando xa están rematas poden ser dramáticas.
  • [35:15] Aprobouse por unanimidade implantar un novo modelo de control interno simplificado para a xestión administrativa interna do concello.
  • [39:43] Aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo BNG para cambiar un camiño da Parcelaria na finca do parque do río en Briallos. A Parcelaria pretende abrir un camiño polo medio da finca municipal en Ponte Goldar e deixar no medio tres pequenas fincas duns 200 metros cadrados cada unha. O alcalde comprometeuse a negociar cos 3 propietarios para facer un cambio de titularidade nestas fincas e coa Parcelaria para que o camiño continúe paralelo ao camiño de Santiago cara o norte e vire ao oeste polo norte da depuradora municipal.
  • [52:37] Xa en “rogos e preguntas” comezamos pedindo que se nos contestasen tres preguntas que presentáramos por escrito con días de antelación. Preguntamos a onde foron destinadas dúas facturas de formigón e a pesares de que o grupo de goberno ten obrigación de contestar (como ademais lle recordou recentemente a Valedora do Pobo despois dunha queixa do BNG) non o fixeron. Nos últimos 4 anos o concello de Portas só pagou 3 facturas de formigón (10/2/2020, 11/2/2011 e 11/2/2020) e sen embargo, o alcalde afirma que descoñece a onde se destinou este formigón porque ten moitas facturas...
  • [56:52] Preguntamos se o ascensor da cheminea da Azucreira ten permiso de actividade. O alcalde confirmou que non ten porque aínda que se gastaron 30.000€ hai un ano, aínda está pendente a conexión a un xerador auxiliar.
  • [1:00:47] Preguntamos polo estado de tramitación das obras para o campo de fútbol de Romai. En novembro de 2021 aprobouse o proxecto cando o PP presumía de ter 400.000€ de remanente, pero en xullo de 2022 tiveron que delegar competencias no alcalde para subscribir un crédito. Dende entón non se fixo nada e agora o alcalde di que é necesario reformar o proxecto debido ao incremento nos custes dos materiais. Hai dous meses contestara que estaban negociando cos bancos. A herba artificial leva “prometida” polo PP máis de 8 anos.
  • [1:01:45] No pleno de finais de setembro preguntamos por unha factura dunha comida relativa a “Erasmus Plus”. O alcalde negouse a contestar no momento, pero dixo que contestaría por escrito. 2 meses despois aínda non contestou. O sorprendente é que un día despois da pregunta o alcalde viaxou a Bulgaria para un “irmandamento” de municipios europeos. Segundo o alcalde para falar de cambio climático, parcelarias, etc. Se non hai nada que ocultar, por que non responde as preguntas.
  • [1:06:31] Preguntamos como era posible que só se repartiran 450€ entre todas as familias do concello para “axudas ao estudo”. O alcalde responsabilizou á “administración” por reclamar moitos papeis, cando é el o que establece as bases da convocatoria e os papeis que hai que presentar!!!
  • [1:08:25] Finalmente queixámonos do estado de abandono da finca da Azucreira, chea de vasos de plástico tirados despois dunha competición deportiva escolar de hai semanas, coas papeleiras botando por fóra, as pistas de pádel sempre abertas, sucias e coas luces acesas ata altas horas da noite, a piscina chea depurando a diario aínda que leva 4 anos sen usarse polos veciños e veciñas do concello. O alcalde recoñece que a finca está mal, que non hai persoal para limpar (pero presume de remanente), que hai que poñer un control de acceso ás pistas pero que non tiveron tempo (2 anos despois de abrirse as pistas de pádel), que hai un gasto desmesurado de electricidade e que non sabe que facer.