O venres 16 de decembro de 2016 ás 20:30 h. celebrarase unha reunión ordinaria da Comisión Informativa de asuntos a tratar polo Pleno na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
- Aprobación acta da sesión ordinaria do 21/10/2016.
- Adhesión ao servizo de cesión de datos para as administracións públicas da tesourería xeral da seguridade social.
- Informe reclamación en materia de cantidade (indemnización de responsabilidade civil derivada de accidente de traballo) de Mónica Ferro Folgar.
- Delegación na Deputación Provincial de Pontevedra - ORAL das facultades de xestión, inspección, liquidación, recadación e revisión relativos ao imposto sobre vehículos de tracción mecánica (alta IVTM).
- Aprobación e establecemento e ordenanza fiscal reguladora prezo público por actividades culturais e artísticas.
- Rolda de intervencións.
O alcalde volve a saltarse un acordo plenario unánime e convoca a Comisión Informativa para o venres 16 en lugar do día que lle corresponde que é o venres 23 de decembro. Nin sequera se puxo en contacto co grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas para explicar este cambio.
No pleno ordinario de 26 de febreiro de 2016 aprobouse por unanimidade unha moción do BNG-Asembleas Abertas que establecía a periodicidade das sesións ordinarias da Comisión Informativa de Asuntos a tratar polo Pleno. O acordo aprobado di textualmente: "As sesións ordinarias da Comisión Informativa de Asuntos a Tratar polo Pleno terán unha periodicidade dunha cada dous meses, o penúltimo venres dos meses pares ás 20:30h. Se este día cadra en festivo, a sesión trasladarase á véspera ou ó seguinte día hábil".