8 de mar. de 2019

#8M O BNG Asembleas Abertas planta o pleno extraordinario convocado polo alcalde de Portas

O seguinte comunicado foille enviado ao alcalde de Portas antes do pleno convocado para o venres 8 de marzo ás 20:30h.:

Sr. Alcalde-Presidente da Corporación de Portas.
Dende o grupo municipal BNG Asembleas Abertas, non entendemos a urxencia deste pleno, dado que dende xuño de 2018, non se convocou ningún pleno ordinario e dende hai tres meses ningún extraordinario, seguramente porque a data dos mesmos coincidía con actos electorais do Partido Popular; e non se lle ocorre a vostede mellor data para convocar un pleno extraordinario urxente que o día 8 de marzo, que como todo o mundo sabe, agás vostede, é un día de loita feminista pola igualdade no que as mulleres teñen convocada unha folga xeral. Consideramos que a administración debe ser sensible co sentir da cidadanía e, o convocar este pleno no día de hoxe parécenos unha provocación ou, cando menos, unha falla de respecto polas mulleres que loitan por un trato igualitario real en tódolos ámbitos da vida: no fogar, no traballo e na rúa. Polo exposto, o grupo municipal BNG Asembleas Abertas, quere expresarlle a máis enérxica protesta pola convocatoria deste pleno na data do 8 de marzo, imbuíndo o dereito á folga ás concelleiras e aos concelleiros e, desexando exercer tal dereito en solidariedade co movemento feminista neste día mundial de loita, non asistiremos ao pleno convocado para hoxe.
Portas, 8 de marzo de 2019
Santiago Carballo Mourón
Portavoz