Mentres o pavillón de Romai podrece no esquecemento ou os campos de fútbol de Lantaño e Romai non recibiron unha peseta do goberno local do PP en 19 anos de goberno, o alcalde presume de gastar centos de miles de euros nunha piscina climatizada ou nun miradoiro na cheminea da Azucreira.
Este goberno municipal perdeu absolutamente o norte, e en lugar de cubrir as necesidades básicas dedica os escasos recursos do Concello a proxectos faraónicos que logo non pode manter.
O deterioro do pavillón de Romai é tal que as clases de ximnasia, que un grupo de mulleres viñan organizando durante anos, tiveron que suspenderse ante a imposibilidade material de realizalas coa pista inundada e sen luces (todas están rotas). A esperpéntica, ridícula e insultante solución que lles propuxo a Alcaldía ante as queixas das afectadas foi que realizasen as clases de ximnasia no escenario do Teleclube ou se trasladasen ao pavillón da Rapeira.
O goberno municipal é incapaz de arranxar o pavillón de Romai pero quere convencer aos veciños e veciñas de Portas para que 800 casas do concello paguen 120 euros todos os anos para manter unha piscina climatizada.
Os números do PP son falsos porque parten de supoñer uns gastos anuais de mantemento moi inferiores aos
reais, e sobre todo, son imposíbeis porque o concello de Portas ten menos de 800 casas habitadas. O que
oculta o PP é que a cota anual por casa terá que ser moito maior ou haberá que pagar o mantemento cos cartos de todos e todas, sexan usuarios ou non.
O goberno municipal de Portas ten facturas sen pagar do ano 2004 e sen embargo a súa prioridade é inaugurar
unha piscina climatizada antes das eleccións de maio de próximo.
Un compromiso do BNG no próximo goberno de Portas é resolver os problemas do pavillón de Romai e atender adecuadamente as entidades deportivas do Concello.
| O pavillón de Romai convertido en piscina, pero non climatizada. |

