27 de xuño de 2017

Pleno Ordinario

O venres 30 de xuño de 2017 ás 20:30 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
  1. Aprobación da acta da sesión ordinaria do 28/04/2017.
  2. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 22/05/2017.
  3. Aprobación Conta Xeral 2016.
  4. Dación de conta dos Decretos e Resolucións da Alcaldía.
  5. Informes da Presidencia.
  6. Plan Concellos 2017 - Solicitudes e Resolucións.
  7. Rogos e preguntas.

19 de xuño de 2017

Moción pola biodiversidade fronte á eucaliptización

Hoxe presentamos no rexistro do concello a seguinte moción apoiada por:
  • Colectivo pola defensa do patrimonio A Forneiriña.
  • Colectivo pola defensa do territorio AnovaTerra.
  • Asociación Irmandade Illa de Tambo.
  • Asociación Umia Vivo.

De acordo e ao amparo do previsto no art. 46 da lei 7/SS de 2 de abril, regulado nas Bases de Réxime Local e no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais,

D. María Teresa Rivas Buceta

concelleira do grupo BNG-Asembleas Abertas somete a consideración do pleno da corporación a seguinte moción:

MOCIÓN POLA BIODIVERSIDADE FRONTE A EUCALIPTIZACIÓN

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Co Real Decreto 630/2013 de 2 de agosto entra en vigor o Catálogo Español de Especies Exóticas e Invasoras, co obxecto de reforzar a protección do medio ambiente e a biodiversidade. O problema causado por esas especies foi considerado prioritario dentro da Estratexia da Biodiversidade  da Unión Europea para o ano 2020, aprobando o Regulamento 2016/1141 sobre especies exóticas e invasoras.
Dende os anos 60, Galiza, Asturias, norte e centro de  Portugal e sur-oeste de Andalucía foron territorios repoboados coa especie exótica eucalipto, para abastecer as fábricas de pasta de papel con esta madeira. O que nun  principio pareceu que se trataba de dispor dun número determinado de hectáreas desa especie,  co  paso  do  tempo   foi   incrementándose exponencialmente. Dende  as 130.000 ha do ano 1973, segundo  o primeiro  inventario forestal  do estado  (IFN), en 2016 chega a ocupar na Galiza máis de 400.000 ha entre masas puras e mixtas (con outras especies), o que representa practicamente a quinta parte do monte galego. É dicir, os eucaliptais medraron en superficie un 300% en 43 anos.
Dito incremento asóciase a varias causas. Aparte das repoboacións voluntarias apoiadas e subvencionadas dende a administración como único cultivo forestal alternativo, destaca o avance descontrolado cara a terras abandonadas por espallamento da semente, agravado polos incendios forestais, cando se dan as mellores condicións de propagación pola velocidade do lume e o lanzamento de muxicas (poden chegar a máis dun km, cos conseguintes riscos para a poboación do entorno).
Nos últimos 40 anos, a superficie invadida pola semente de eucalipto a consecuencia dos lumes forestais estímase en máis de 25.000 ha, aumentando o avance descontrolado desta especie. Ademais, os eucaliptais convértense en terreos con escasa biodiversidade, debido aos aceites esenciais das follas, que forman ao caer unha capa sobre o chan cunha baixa taxa de descomposición. Por outra banda, as raíces procuran humidade e auga chegando a percorrer máis de 50 m en eucaliptos de 25 m de altura, penetrando en depósitos e mananciais, e creando unha maraña superficial que impide a filtración das augas cara aos acuíferos.
Dende o punto de vista económico, cómpre engadir que moitos dos eucaliptais que pasaron dos tres aproveitamentos (tres cortas), pola perda de rendibilidade para o propietario quedan totalmente descoidados, con proliferación de abrochos de cepa, xerando espazos impenetrables de varas carentes de valor económico que fican nese estado ata que volven ser pasto do lume, incrementado a superficie de áreas degradadas. Na actualidade, aproximadamente  175.000 ha con eucaliptos están nesta situación.
O Plan Forestal de Galiza de 1992 , aprobado por unanimidade no Parlamento Galego para un período de 40 anos, que contemplaba poñer freo ás repoboacións de eucalipto, resultou un auténtico fracaso. Partía das referencias do  Inventario  Forestal Nacional  (IFN)  do  ano  1986, onde  os  eucaliptais  ocupaban
220.000 ha (a proliferación xa era notoria dende o inventario anterior). Analizando a secuencia evolutiva dos eucaliptais entre masas puras e mixtas na Galiza:
1973: I Inventario Forestal Nacional:  131.800 hectáreas.
1986: II Inventario Forestal Nacional: 220.000 hectáreas.
1998: III Inventario Forestal Nacional: 350.000 hectáreas.
201 6: Máis de 400.000 ha.
Evidénciase que no período de control  previsto  no Plan Forestal de  Galiza, só entre 1992 (ano da súa publicación) e 1998, a superficie de eucalipto aumenta en 60.000 hectáreas; é dicir, en seis anos excédense as previsións totais do plan de 40 anos.
Asemade, a proliferación do eucalipto ven acompañada de pragas e enfermidades,  (algunhas foráneas, que chegaron coa importación de madeira desa especie), insectos como a Phoracantha semipunctata, o Conipterus scutellatus (gorgullo do eucalipto) e  fungos. lsto leva aos produtores e ás empresas pasteiras a aplicar insecticidas e  funxicidas de forma extensiva e intensiva, con grande  contestación social por empregar glifosato (de efectos nocivos para a saúde animal) para diminuír a carga do sotobosque, flufenoxurón (co nome comercial de  "Cascade", altamente perigoso) para combater o gorgullo, e a loita biolóxica coa solta de avispillas Anaphens  nitens, insecto foráneo.
A FAO tense pronunciado sobre as plantacións de eucaliptais novos (12-15 anos), que son os que chegan á quenda de corta ideal das fábricas de pasta de papel. Segundo a FAO, estas especies de medra rápida "non regulan tan ben o caudal hídrico coma os bosques naturais, as fortes e longas raíces superficiais fan que compitan coa vexetación rasante e cos cultivos veciños cando a auga escasea. Os eucaliptos non dan bos resultados para conter a erosión en condicións de seca, rematan coa vexetación rasante absorbendo a auga coas súas raíces. A tala continuada de eucaliptos a matarrasa (único método de tala utilizado), orixina un rápido esgotamento dos nutrientes do solo e impide o desenvolvemento de prantas-herbas de ciclo anual. Os eucaliptos desprazan os ecosistemas anteriores, apenas se constata a existencia de fauna, e reducen a biodiversidade".
Se analizamos a aplicación do Convenio Europeo da Paisaxe, Florencia 2000, que entrou en vigor no  Estado  en  2008,  adaptado  na  Galiza  coa  Lei 07/2008 de Protección da Paisaxe de Galiza, e a Directiva Europea 2014/52/UE que avalía os proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente, sendo de aplicación as repoboacións e intervencións nos montes, pode comprobarse  que as administracións  responsables fan caso omiso das recomendacións. É evidente o impacto que as repoboacións con eucaliptos e  o seu espallamento tiveron, teñen e terán sobre o territorio galego de non modificarse as condicións actuais, nas que se ignoran os aspectos recollidos nas directivas europeas e na lexislación estatal e autonómica en materia de protección da paisaxe, e que dan como resultado centos de hectáreas continuadas,  moitas delas  afectadas por pragas, producindo anormalidades ambientais como a diminución dos caudais de pozos e mananciais, solos sen biodiversidade, carencia de fauna, contaminación por tratamentos químicos, etc.
Polo tanto, existen motivacións suficientes para que o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño proceda á inclusión do eucalipto como especie exótica e invasora no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras do Estado Español, e de non ser  así, que o Parlamento do estado español se pronuncie sobre o asunto. Ademais, proponse a adopción das medidas inmediatas URXENTES que se enumeran a continuación, mentres non se elabore unha nova normativa reguladora que as inclúa na Lei de Montes.

Por todo o exposto, proponse ao Pleno do Concello a adopción do seguinte

ACORDO


Primeiro.-  Aprobar a declaración do Concello de Portas: "Menos eucalipto e máis biodiversidade" nos seguintes termos: Co fin de frear o esgotamento e desertización do solo e a ameaza ecolóxica que a especie exótica do eucalipto supón para os nosos ecosistemas, o Concello de Portas declárase a prol da biodiversidade, do mantemento, conservación e recuperación sostible da flora e a fauna autóctona da nosa terra.
Segundo.- Solicitar do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño a inscrición do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras do estado español.
Terceiro.- Coa inclusión no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras, e tendo en conta o impacto que podería ter tal resolución sobre algúns propietarios de montes, mentres non se elabore unha normativa para regular a superficie ocupada polo eucalipto adoptaranse as seguintes medidas de carácter urxente, mediante normativa vinculante para as comunidades autónomas:
- Paralización de novas plantacións de eucalipto.
- Eliminación desta especie dos espazos sensibles (os incluídos na Lei de Espazos Naturais e Rede Natura).
- Eliminación do eucalipto nun prazo de cinco anos das terras agrarias ocupadas dende o I Inventario Forestal Español, como primeiro paso na recuperación destes terreos.
- Eliminación desta especie nun radio de 100 m dos mananciais e marxes de regatos e ríos nun prazo de cinco anos.
- Ruptura da continuidade das masas forestais de eucalipto en montes veciñais en man común cada cinco hectáreas, con distancias mínimas de separación entre masas de 100 metros sen esa especie, e en terreos privados particulares cunha separación de 25 metros cada 0, 5 hectáreas ocupadas por eucaliptos.
- Separación de 200 metros de calquera ben inmoble, dos pastos e das zonas agrarias.
- Instar ás administracións a que se doten de orzamento destinado a conceder axudas para o cumprimento destas medidas.
Cuarto.- Trasladar este acordo á Consellería de Medio Ambiente, á Consellaría de Medio Rural, ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, e ao Parlamento Europeo co obxecto de que esta especie se inclúa tamén dentro do Catálogo Europeo de Especies Exóticas e Invasoras.





7 de xuño de 2017

Exposición razoada da petición de responsabilidades a Roberto Vázquez polas condenas xudiciais contra o concello pola brutal agresión á asistenta social

Exposición razoada do voceiro do grupo municipal, Santi Carballo, no pleno extraordinario de 22 de maio no que solicitamos a adopción de medidas legais para reclamar responsabilidades a Roberto Vázquez polas consecuencias das condenas xudiciais contra o concello pola brutal agresión á asistenta social, Mónica Ferro.



En primeiro lugar convén poñerse en contexto e lembrar o que acontecía no concello nos meses inmediatamente anteriores á agresión (2 de xullo de 2012):
1.    Situación económica límite do concello:
·      En maio de 2011 o PP revalida a maioría absoluta ocultando centos de miles de euros de débedas con Sogama e Fenosa (cortes de luz en instalacións municipais por non pagamento) e outros centos de miles de euros en centos de facturas nos caixóns.
·      En agosto de 2011 as arcas municipais están tan baleiras que se cancela a festa da emigración despois de sete edicións, cancélase o espectáculo musical da festa do galo e a comida do galo pasa a ser de pago.
·      En outubro de 2011 por primeira vez se limita a idade para a festa da terceira idade e se esixe reserva previa.
·      A finais de 2011 o PP aproba unha brutal suba de taxas para aliviar a situación económica, pero os efectos na recadación non se empezan a notar ata mediados de 2012 (entrada en vigor o 1 de xaneiro de 2012).
·      En marzo de 2012 o concello vese obrigado a entrar no plan de pago a provedores do Ministerio de Facenda, pasando a ser un concello intervido na práctica. Formalízase un crédito para pagar centos de facturas, pero moitas seguiron ocultas nos caixóns e aínda hoxe seguen aparecendo.
2.    Situación xudicial límite do alcalde:
·      A finais de 2011 aparecen nos xornais noticias da imputación por fraude fiscal e falsificación documental.
·      En marzo de 2012 publícase que Roberto Vázquez busca un acordo coa fiscalía para evitar o cárcere.
·      En abril e maio aparecen noticias de forma continua en todos os xornais de que se ultima un acordo entre Roberto Vázquez e fiscalía.
·      O domingo 1 de xullo varios medios publican a advertencia de Alfonso Rueda de que expulsará a Roberto Vázquez do PP se incorre en delito fiscal.
·      O luns 2 de xullo prodúcese a agresión á asistenta social.
·      O martes 3 de xullo todos os membros do grupo popular do concello de Portas solicitan a baixa temporal no PP.
·      En agosto Roberto Vázquez recoñece fraude fiscal e falsificación e é condenado.
3.    Acordo extraxudicial cun empregado do concello por accidente laboral:
·      En xullo de 2004 un empregado municipal sofre un grave accidente laboral nunha escola-obradoiro de carpintería organizada polo concello.
·      O concello non tiña o plan obrigatorio de riscos laborais nin contratara o seguro obrigatorio de responsabilidade patronal dos empregados da escola-obradoiro, é dicir, estaban sen asegurar.
·      En 2008 a Inspección de Traballo imponlle unha multa de 15.200€ ao concello por este accidente.
·      O 17 de febreiro de 2012, a punto de celebrarse o xuízo oral, o alcalde asina un acordo extraxudicial para evitar as responsabilidades penais pagando moito máis do que o lesionado solicitaba por vía xudicial.
·      O acordo extraxudicial supuxo o pago a cargo das arcas municipais de 90.000€ máis intereses. Sen contar os gastos dos avogados.
·      No acordo asinado lese textualmente: “o Concello de Portas recoñece expresamente a súa responsabilidade directa no accidente sufrido por D. Miguel Cores Alfonsín”, que é “empregado do Concello de Portas”.
·      Este acordo de 2012 evidencia que o alcalde sabía perfectamente por aquel entón que como xefe de persoal estaba obrigado a adoptar todas as medidas en materia de riscos laborais necesarias para todos os empregados municipais.
4.    Situación de acoso límite da asistenta social:
·      Durante os meses previos á agresión a asistenta social sufriu continuas ameazas, insultos, pinchazos das rodas do seu coche, pintadas ameazantes na casa consistorial, discusións a gritos no despacho municipal con usuarios dos servizos sociais e co alcalde, ... De todo era plenamente coñecedor o alcalde.
·      O 2 de abril de 2012 o alcalde ábrelle un expediente disciplinario á asistenta social.
·      O 2 de xullo de 2012 prodúcese a agresión con consecuencia de invalidez permanente absoluta.
·      O autor da agresión foi condenado a catro anos de cárcere.
Debido á non adopción de medidas de seguridade por parte do concello para protexer á asistenta social cando tiña pleno coñecemento de que estaba sendo ameazada, o concello foi condenado ata o momento en tres sentenzas diferentes e agárdanse máis:
·      Sentenza 1: 20 de abril de 2016 – Xulgado do social nº4 de Pontevedra.
·      Declara o dereito da traballadora a obter un incremento nun 50% das prestacións de incapacidade temporal e de invalidez devengadas (recargo do 50% de prestacións, é dicir, cobrar un 50% máis de pensión), por incumprimento das medidas de seguridade.
·      Extracto literal da sentenza: “Rexeite polo Concello do traballo que realizaba a actora ata o punto de desautorizala e desprotexéndoa fronte a un risco que era previsible e puido terse evitado”.
·      Extracto literal da sentenza referíndose ao desacordo existente respecto dalgúns beneficiarios do servizo de axuda no fogar: “tal cuestión era coñecida e podería dicirse que tolerada polo Concello. Do que pode colexirse que, tendo coñecemento e, consecuentemente, podendo efectuar un xuízo de previsibilidade de forma bastante sinxela por parte do Concello demandado, resulta claro que o mesmo como empregador da traballadora estaba en situación de garante e debía ter actuado protexendo a aquela, de modo que neutralizase ou, a lo menos, minimizase, a posibilidade de que aquela sufrira represalias polo seu actuar. E NADA FIXO”.
·      Extracto literal da sentenza respecto das pintadas ameazadoras que apareceron na fachada da casa do concello cando a Garda Civil se ofrece ao alcalde: “que declinou o ofrecemento de denuncia, mantendo que se limparan e nada máis”.
·      Extracto literal da sentenza: “Ningunha dúbida ten esta xulgadora de que o Concello de Portas tiña pleno coñecemento de que a traballadora social estaba recibindo ameazas e insultos como consecuencia da labor realizada pola mesma”.
·      Extracto literal da sentenza respecto dos desacordos entre asistenta social e alcalde que “pretendía interferir en relación á forma de conceder as axudas RISGA”.
·      A valoración económica da sentenza por parte da Seguridade Social foi de 183.693,50€. Cantidade xa pagada polo concello.
·      Sentenza 2: 6 de marzo de 2017 – Sala do social da Coruña do Tribunal Superior de Xustiza (tres xuíces por unanimidade).
·      Desestima o recurso de suplicación do Concello con condena en costas, confirmando a sentenza de instancia (sentenza 1).
·      Extracto literal da sentenza: “A graduación nun 50% (porcentaxe máxima) é axustada á gravidade da conduta da empregadora”.
·      Extracto literal da sentenza: “Non nos atopamos ante un suposto de indebida ou defectuosa execución de determinadas medidas de prevención, senón ante un caso de meridiana inactividade ou pasividade da empregadora en relación ao risco referido”.
·      Extracto literal da sentenza respecto ao recargo de prestacións: “ten carácter sancionador”, é dicir, é unha sanción ou multa por incumprimento da normativa en materia de riscos laborais.
·      Extractos literais da sentenza: “Dada a súa natureza punitiva é de aplicación personalísima”, “non pode ser desprazada” a “terceiros”, é dicir, non se pode facer cargo nin a Seguridade Social nin un seguro.
·      Sentenza 3: 23 de novembro de 2016 – Xulgado do social nº2 de Pontevedra.
·      Condena ao Concello de Portas a aboar 47.000€ á extraballadora, en concepto de indemnización por aplicación do convenio colectivo da construción que concede esa indemnización por incapacidade permanente absoluta derivada de accidente de traballo. É incomprensible que o contrato da asistenta estivese sometido ao convenio da construción.
·      O concello carece da obrigatoria póliza de seguro de convenio, o cal é unha actuación neglixente moi grave, máxime tendo en conta o precedente do accidente da escola-obradoiro de 2004, con acordo extraxudicial de febreiro de 2012.
Está pendente de resolución xudicial a reclamación da extraballadora da indemnización por responsabilidade civil derivada de accidente de traballo (reclama 502.051,38€).
·      A reclamación foi a pleno o 23 de decembro de 2016, pero PP e VUP desestimárona sen unha reflexión profunda.
·      En febreiro de 2017 comunicóuselle a Mónica Ferro o resultado da votación anterior pero falseáronse os votos de BNG-Asembleas Abertas.
·      Dadas as condenas xudiciais previas, é moi probable unha resolución negativa para o concello.
·      Os argumentos defendidos polo avogado do concello foron e son moi febles.
A actuación do goberno municipal ante esta situación é:
·      Para este pleno tan importante, nin se colocaron bandos de anuncio, nin se escolleu un horario axeitado a pesares da petición expresa do BNG-Asembleas Abertas.
·      Á oposición non se lle comunicou a recepción de ningunha das sentenzas mencionadas.
·      O BNG-Asembleas Abertas coñecemos das sentenzas pola prensa e logo por vir a ver o expediente.
·      Intento de ocultación por parte do goberno. A preguntas nosas o alcalde dixo textualmente nun pleno anterior: “eu non considerei necesario dicirlle aos veciños que chegara a notificación do xulgado”.
·      Falta absoluta de transparencia.
·      Nós pedimos que antes de recorrer a primeira sentenza, viñese o tema a Pleno, non se nos fixo caso e agora somos condenados en costas. Avisamos antes de recorrer a sentenza que os argumentos de defensa eran febles.
·      Non se nos informou da sentenza dos 47.000€ nin da presentación do recurso posterior. NIN SEQUERA SE LLE INFORMOU AO SECRETARIO MUNICIPAL.
·      Ocultouse información e tomáronse decisións que empeoraron a situación.
·      O alcalde realizou recentemente en prensa unhas declaracións irresponsables que faltan ao respecto á intelixencia: “é un duro golpe pero agora toca apertarse o cinto”, xusto a mesma semana que actúa a orquestra Panorama en Portas.
·      Falseouse o resultado do pleno de 23 de decembro de 2016 co noso voto.
BNG-Asembleas Abertas esixe a asunción de responsabilidades:
·      Pedimos a dimisión de Roberto Vázquez Souto como concelleiro.
·      O concello non pediu desculpas, nin sequera houbo declaración de repulsa cando se produciu a agresión, ...
·      A condena de 184.000€ ten natureza punitiva e de aplicación personalísima, logo debe reclamárselle a Roberto Vázquez Souto.
·      Reclamamos tomar accións legais con base legal en:
§  Artigo 78 da lei de bases de réxime local: “1. Os membros das Corporacións locais están suxeitos a responsabilidade civil e penal polos actos e omisións realizados no exercicio do seu cargo. (...) 3. As Corporacións locais poderán esixir a responsabilidade dos seus membros cando por dolo ou culpa grave, teñan causado danos e prexuízos á Corporación ou a terceiros, se estes houberan sido indemnizados por aquela.
§  Artigo 225 do regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das Entidades Locais: “As entidades locais poderán instruír expediente, con audiencia do interesado, para declarar a responsabilidade civil das súas autoridades, funcionarios e dependentes que, por dolo, culpa ou neglixencia graves, tiveran causado danos ou prexuízos á Administración ou a terceiros, se estes houberan sido indemnizados por aquela”.
·      Concorren todas as circunstancias necesarias para reclamar responsabilidade civil a Roberto Vázquez: omisións realizadas no exercicio do seu cargo, culpa grave e danos e prexuízos causados ao concello.
·      As dúas sentenzas de recargo de prestacións acreditan a existencia de omisións e pasividade en materia de riscos laborais por parte do Alcalde, que é o xefe de persoal e con competencias exclusivas en materia de riscos laborais. Produciuse infracción da normativa en materia de riscos laborais con pleno coñecemento.
·      A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acredita que o alcalde incorreu en culpa grave pois entendeu xustificado aplicar o 50% de recargo de prestacións, que é o máximo legal, ao constatar que existiu unha “meridiana inactividade ou pasividade da empregadora”.
·      Evidentemente existen danos e prexuízos para o Concello de Portas.
·      Outro incumprimento grave da normativa laboral por parte do exalcalde con dano grave para o Concello de Portas é ter que aplicar o convenio colectivo da construción e non ter concertado o seguro obrigatorio de convenio.
O que se agocha detrás deste feo asunto é a forma de entender a política e de exercer o poder de Roberto Vázquez e do Partido Popular. O cacique omnipotente que quere impor o seu criterio na adxudicación das axudas RISGA, desautorizando á asistenta social diante dos usuarios de asuntos sociais e desprotexéndoa con pleno coñecemento fronte ás ameazas que sufría, un risco que era previsible e puido terse evitado. E cando se descubre o escándalo, a única preocupación do Partido Popular e de Víctor Estévez é tratar de ocultalo e de protexer aos seus compañeiros de partido.