27 de dec. de 2022

Pleno Extraordinario

O venres 30 de decembro de 2022 ás 21:00 h. celebrarase un pleno extraordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 25-11-2022.
  2. Expediente 668/2022. Proxecto técnico modificado II Campo de fútbol de Romai.


23 de dec. de 2022

Moción do BNG sobre a adopción de medidas urxentes para garantir a atención sanitaria pública no concello de Portas

A situación na que se atopa a área sanitaria Pontevedra-O Salnés é límite. Ningún centro de saúde ou PAC funciona con normalidade, cos cadros de persoal que lles corresponden. Centos de persoas non poden pedir cita médica, e miles non teñen persoal médico asignado, e teñen que ser atendidas cada vez por unha profesional diferente.

Nos nove PACs da área, un día si e outro tamén, están sen profesionais, con quendas enteiras sen un só médico, o que obriga ás persoas doentes a ir peregrinando dun PAC a outro para poder ser atendidas.

Un día tras outro a realidade dos centros de saúde e dos PACs dista moito da imaxe idílica que propaga a Xunta e o PP. As listas de agarda, a falta de persoal médico, a sobrecarga do persoal sanitario, o retraso de semanas para conseguir cita médica poñen de manifesto a realidade dun sistema sanitario público sumido nunha grave crise pola falta de planificación, de previsión e de medios que é responsabilidade da Xunta do PP.

Esta situación da atención primaria está producindo unha forte presión nas urxencias hospitalarias, formándose longas colas en urxencias pediátricas e colapsando as urxencias do hospital Montecelo, onde se producen traslados de pacientes das urxencias para o hospital do Salnés e para o Quirón Salud de forma reiterada. De non resolverse con urxencia, a situación vaise ver agravada polo incremento das enfermidades respiratorias propias desta época do ano.

Esta situación, ademais de producir un forte malestar nas persoas que acoden aos centros de saúde e ás urxencias hospitalarias, deixa ás claras que nos concellos da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés non está garantida a atención sanitaria pública á poboación, un feito de extrema gravidade que precisa dunha actuación contundente e urxente por parte da Xunta de Galiza para garantir o dereito á saúde dos veciños e veciñas no sistema público

É por isto que presenta esta moción e solicita o voto favorable do Pleno da Corporación municipal de Portas para a adopción dos seguintes

ACORDOS

  • esixir ao goberno galego a adopción con urxencia de todas as medidas necesarias para garantir a cobertura das prazas vacantes e prestar unha atención sanitaria pública digna no concello de Portas e en toda a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés,
  • esixir ao goberno galego a resolución urxente da situación das urxencias hospitalarias, incluídas as pediátricas, na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.



20 de dec. de 2022

Convocatoria extraordinaria da Comisión de urbanismo, obras, servizos, vivenda, solo e medio ambiente

O venres 23 de decembro de 2022 ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión de Urbanismo (...) na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 18 de novembro de 2022.
  2. Expediente 668/2022. Proxecto técnico modificado II Campo de fútbol de Romai.


28 de nov. de 2022

Resume do pleno do 25 de novembro

  • Asistimos 1 concelleiro do BNG (María escusou por estar de viaxe), 5 do PP e 2 de VUP. O pleno pode verse completo en internet. O BNG é a única oposición.
  • [6:05] Aprobouse o “inventario de bens do concello” (7 votos a favor do PP e VUP e 1 en contra do BNG). Outro documento cheo de erros e omisións como o PXOM. Dálles igual as advertencias, gastaron 18.000€ para xustificarse, pero non queren facer ben as cousas. Faltan moitos camiños, terreos privados como públicos e públicos como privados... Cuestión aparte son as decisións inxustas con determinados particulares a sabendas de que son inxustas. O BNG pediu unha reunión o 5 de setembro para tratar os erros no documento, seguimos esperando a que nos contesten.
  • [18:55] Aprobouse por unanimidade o convenio de adhesión á APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia) para ceder as competencias municipais de “inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en relación coas obras e usos do solo que se executen sen título habilitante municipal de natureza urbanísitica ou sen axustarse ás súas condicións”. Pedímoslle responsabilidade ao alcalde e ao grupo de goberno para que dunha vez se tomen en serio o urbanismo e abandonen o “ti vai facendo”, e paren as obras sen licenza no momento de iniciarse, porque se non o fan, coa APLU haberá derrubamentos e consecuencias moi desagradables. Este convenio non pode ser a escusa do alcalde para “lavarse as mans”, o concello segue tendo a obriga de denunciar as infraccións, e se non o fai no momento de iniciarse as obras, as consecuencias cando xa están rematas poden ser dramáticas.
  • [35:15] Aprobouse por unanimidade implantar un novo modelo de control interno simplificado para a xestión administrativa interna do concello.
  • [39:43] Aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo BNG para cambiar un camiño da Parcelaria na finca do parque do río en Briallos. A Parcelaria pretende abrir un camiño polo medio da finca municipal en Ponte Goldar e deixar no medio tres pequenas fincas duns 200 metros cadrados cada unha. O alcalde comprometeuse a negociar cos 3 propietarios para facer un cambio de titularidade nestas fincas e coa Parcelaria para que o camiño continúe paralelo ao camiño de Santiago cara o norte e vire ao oeste polo norte da depuradora municipal.
  • [52:37] Xa en “rogos e preguntas” comezamos pedindo que se nos contestasen tres preguntas que presentáramos por escrito con días de antelación. Preguntamos a onde foron destinadas dúas facturas de formigón e a pesares de que o grupo de goberno ten obrigación de contestar (como ademais lle recordou recentemente a Valedora do Pobo despois dunha queixa do BNG) non o fixeron. Nos últimos 4 anos o concello de Portas só pagou 3 facturas de formigón (10/2/2020, 11/2/2011 e 11/2/2020) e sen embargo, o alcalde afirma que descoñece a onde se destinou este formigón porque ten moitas facturas...
  • [56:52] Preguntamos se o ascensor da cheminea da Azucreira ten permiso de actividade. O alcalde confirmou que non ten porque aínda que se gastaron 30.000€ hai un ano, aínda está pendente a conexión a un xerador auxiliar.
  • [1:00:47] Preguntamos polo estado de tramitación das obras para o campo de fútbol de Romai. En novembro de 2021 aprobouse o proxecto cando o PP presumía de ter 400.000€ de remanente, pero en xullo de 2022 tiveron que delegar competencias no alcalde para subscribir un crédito. Dende entón non se fixo nada e agora o alcalde di que é necesario reformar o proxecto debido ao incremento nos custes dos materiais. Hai dous meses contestara que estaban negociando cos bancos. A herba artificial leva “prometida” polo PP máis de 8 anos.
  • [1:01:45] No pleno de finais de setembro preguntamos por unha factura dunha comida relativa a “Erasmus Plus”. O alcalde negouse a contestar no momento, pero dixo que contestaría por escrito. 2 meses despois aínda non contestou. O sorprendente é que un día despois da pregunta o alcalde viaxou a Bulgaria para un “irmandamento” de municipios europeos. Segundo o alcalde para falar de cambio climático, parcelarias, etc. Se non hai nada que ocultar, por que non responde as preguntas.
  • [1:06:31] Preguntamos como era posible que só se repartiran 450€ entre todas as familias do concello para “axudas ao estudo”. O alcalde responsabilizou á “administración” por reclamar moitos papeis, cando é el o que establece as bases da convocatoria e os papeis que hai que presentar!!!
  • [1:08:25] Finalmente queixámonos do estado de abandono da finca da Azucreira, chea de vasos de plástico tirados despois dunha competición deportiva escolar de hai semanas, coas papeleiras botando por fóra, as pistas de pádel sempre abertas, sucias e coas luces acesas ata altas horas da noite, a piscina chea depurando a diario aínda que leva 4 anos sen usarse polos veciños e veciñas do concello. O alcalde recoñece que a finca está mal, que non hai persoal para limpar (pero presume de remanente), que hai que poñer un control de acceso ás pistas pero que non tiveron tempo (2 anos despois de abrirse as pistas de pádel), que hai un gasto desmesurado de electricidade e que non sabe que facer.

22 de nov. de 2022

Pleno Ordinario

O venres 25 de novembro de 2022 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 30-09-2022.
  2. Expediente 487/2022. Aprobación do Inventario Municipal de Bens e Dereitos.
  3. Expediente 614/2022. Aprobación do Convenio de adhesión do concello de Portas á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU).
  4. Expediente 666/2022. Aprobación do modelo de control interno simplificado.
  5. Proposta de Resolución: Presentación de moción do BNG para ser debatida no Pleno Municipal en demanda de cambio de camiño da Parcelaria no entorno do Parque do río en Briallos.
  6. Dación de contas. Decretos de Alcaldía dende o 19-09-2022 o 22-11-2022.
  7. Dación de contas. Período medio de pago 3º trimestre 2022.
  8. Dación de contas. Plan Concellos 2022-2023.
  9. Rogos e preguntas.


15 de nov. de 2022

Convocatoria ordinaria da Comisión Especial de Contas

O venres 18 de novembro de 2022 ás 21:15 h. celebrarase unha reunión da Comisión Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 22-07-2022.
  2. Expediente 666/2022. Aprobación do modelo de control interno simplificado.


Convocatoria ordinaria da Comisión de urbanismo, obras, servizos, vivenda, solo e medio ambiente

O venres 18 de novembro de 2022 ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión de Urbanismo (...) na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 22-07-2022.
  2. Expediente 487/2022. Aprobación do Inventario Municipal de Bens e Dereitos.
  3. Expediente 614/2022. Aprobación do Convenio de adhesión do concello de Portas á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU).
  4. Rogos e preguntas.


14 de nov. de 2022

Moción en demanda de cambio de camiño da Parcelaria no entorno do parque do río en Briallos

Segundo os planos publicados da “Enquisa previa ao acordo” da Parcelaria de Briallos, está prevista a apertura dun novo camiño na finca do Parque do río no entorno de Ponte Goldar, partindo pola metade a finca, deixando unha parcela municipal ao sur do camiño (parcela 700-3) e outra ao norte (parcela 700-4). Para máis, nunha parte entre ambas parcelas e o camiño tamén se prevén tres pequenas fincas (188, 295 e 281-1), tal como se observa na imaxe que se achega.


Consideramos moi desafortunada esta decisión que bota a perder un espazo tan importante para a parroquia de Briallos.

Consideramos que non debe abrirse este novo camiño, debendo continuar o actual polo norte da depuradora de auga potable. Igualmente, as pequenas parcelas 188, 295 e 281-1 deberían asignarse ao concello, a costa de diminuír, se é necesario, outras propiedades que o concello ten no entorno, como por exemplo a parcela 700-2 na marxe esquerda do río Chaín (ao sur), ou incluso parcelas baldías (1500-32, 1500-33, ...).

É por isto que presenta esta moción e solicita o voto favorable do Pleno da Corporación municipal de Portas para a adopción dos seguintes:

ACORDOS

- que o Goberno Municipal solicite a eliminación do camiño previsto entre as parcelas 700-3 e 700-4,

- que o Goberno Municipal solicite para si a asignación das parcelas 188, 295 e 281-1.




3 de out. de 2022

Resume do pleno de 30 de setembro

Aquí vai a nosa opinión, sería estupendo que outros grupos publicasen a súa:

  • A acta do pleno anterior aprobouse por unanimidade. Os plenos agora son gravados en vídeo, así que as actas escritas xa non transcriben o que se di porque está a gravación, así que pouco hai que discutir.
  • Festivos locais 2023: martes 21 de marzo (San Bieito) e luns 10 de abril (luns de Pascua). 3 votos a favor (PP), 2 votos en contra (BNG) e 1 abstención (VUP). Nós propuxemos o 14 de agosto en lugar do 21 de marzo, despois de consensualo cos grupos de interese no concello. E aquí acabaría o pleno (3 minutos) se o BNG non fixese rogos e preguntas.
  • O ascensor da Azucreira queimouse por un raio hai uns anos (tendo pararraios pero mal instalado e non se lle reclamou ao seguro). Foi reparado en 2021 (33.000€) pero aínda non se puxo en servizo. Preguntamos se ten os permisos de Industria. O alcalde non contestou, pero dixo que falta conectalo ao xerador de emerxencia (9 meses despois de gastar 33.000 €).
  • Respecto da obra do campo de fútbol de Romai, ningún avance nos últimos 2 meses.
  • O alcalde como é habitual tivo que levantar múltiples reparos da Secretaria por incumprimentos dos procedementos administrativos. O respecto do PP polos procedementos é nulo.
  • A organización por parte do concello do campionato interparroquial de fútbol redúcese a pagar as facturas dunha empresa que se encarga de facer todo. A única actividade deportiva “organizada” polo concello, resulta que tampouco é “organizada” polo concello.
  • Todas as melloras e o mantemento realizado no Teleclube de Romai dos últimos 48 anos foi pagado ao 100% pola Asociación Cultural Xosefina Figueroa, pero o PP négase a formalizar a cesión do edificio á asociación dende hai máis de 10 anos.
  • O concello tivo que improvisar un contrato ás présas para a limpeza do colexio de setembro a decembro de 2022. Continúan as privatizacións.
  • O concello pagou unha comida despois dunha reunión de “Erasmus + (hermanamiento en Europa)”. Preguntamos cal é a pretensión do concello con este tema, e a contestación do alcalde foi que nos contestaría por escrito. En linguaxe de Ricardo significa que non nos vai a contestar.
  • O concello debería actualizar anualmente o seu Inventario de bens, pero o de Portas data de 1954. Este ano o concello contratou, a cargo do Plan Concellos da Deputación, unha empresa para actualizalo. Ninguén do grupo de goberno lle dedicou nin un minuto, o procedemento de elaboración seguido foi lamentable e agora sabendo que o documento proposto contén infinidade de erros, o alcalde di que dá igual se é correcto ou non porque hai que rematar antes de novembro para poder cobrar da Deputación. O importante non era facer un bo ou un mal documento, o importante era gastar 18.000€ e dicir que xa temos novo inventario!
  • O 23 e 24 de xullo celebrouse na Azucreira un evento privado de motor chamado Japoday. No pleno de xullo o Alcalde MENTIU asegurando que si tiñan permisos para usar as instalacións municipais (finca, piscina, inchables, palco, ...). Preguntamos nos servizos administrativos do concello e confirmáronnos que non existe ningún permiso. Este venres o alcalde volveu a MENTIR asegurando que o evento tiña seguro, imposible sen ter previamente autorización do propietario das instalacións, que é o concello. O alcalde MINTE sen complexos cando non ten argumentos para defender as súas malas decisións, e os seus compañeiro/as calan e asinten. Mostramos un vídeo de hai 2 semanas no que se ve varios coches facendo derrapes na Azucreira e solicitamos que sexa denunciado á Garda Civil de Tráfico.
  • Estrada Romai-Portas. O alcalde en xullo dixo que ía traballar no tema, 2 meses despois non hai ningún avance.

20 de set. de 2022

Pleno Ordinario

O venres 30 de setembro de 2022 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 29-07-2022.
  2. Expediente 505/2022. Designación Festivos Locais 2023.
  3. Dación de contas. Decretos de Alcaldía dende o 26-07-2022 ao 19-09-2022.
  4. Rogos e preguntas.



13 de set. de 2022

Convocatoria ordinaria Comisión de Cultura, Deporte, Educación, Turismo, Igualdade, Benestar Social, Emprego e Xuventude

O venres 16 de setembro de 2022 ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión de Cultura (...) na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 20-05-2022.
  2. Expediente 505/2022. Designación Festivos Locais 2023.
  3. Rogos e preguntas.


30 de xul. de 2022

Resume do pleno do 29 de xullo

  • Asistimos todos os concelleiros menos 1 de VUP e a representante do PSdG.
  • Utilizouse por 1ª vez un sistema de vídeo-gravación, co obxectivo de que no próximo pleno xa se retransmita en directo.
  • O PP aprobou a conta xeral de 2021 e delegou no Alcalde a competencia para contratar un préstamo de 234.000€ para poñer herba artificial no campo de fútbol de Romai. O BNG votamos en contra de delegar no Alcalde esta competencia, Ricardo Mtnez. é o Alcalde que concentra máis competencias de toda a comarca con diferenza, é consideramos que é un tema de tal relevancia que debería ser tratado polo Pleno.
  • Tamén se nomeou a Chus Fontán como representante do concello no GDR Salnés-Ulla-Umia.
  • Informouse de 2 obras solicitadas polo concello a través do Plan Concellos e aprobadas pola Deputación. Unha de 48.081,59€ e outra de 48.383,71€. Casualmente as 2 axustando o límite para que poidan ser “contrato menor” e poder adxudicar a dedo. O límite de contrato menor de obras está en 40.000€ que con IVE chega a 48.400€. Casualidade!
  • Chegados ao punto de “rogos e preguntas”, como sempre, cando nós comezamos a falar, Víctor Estévez abandonou o pleno. Vese que a educación e o respecto non melloran co tempo.
  • Preguntamos como é posible que en decembro de 2021 se publicase no BOP (boletín oficial da provincia) a entrada en vigor do PXOM, coa obriga de publicar na páxina web do concello os documentos do PXOM, pero que a día de hoxe segan sen publicarse. Non houbo contestación.
  • Preguntamos como é posible que se permitise a celebración do JAPODAY o pasado fin de semana sen dispoñer dos permisos necesarios. Unha actividade realizada sen as máis mínimas medidas de seguridade, sen os permisos de cesión das instalacións municipais para uso dun grupo privado, e totalmente incompatible coa tranquilidade dos veciños ou por exemplo co parking de autocaravanas inaugurado apenas 4 meses antes. Dende o BNG consideramos que este tipo de eventos non deberían autorizarse, 1º por carecer de permisos, e 2º polos riscos asociados ao propio evento e a unha parte importante do público que sen respectar as normas de circulación e convivencia, se dedicaron a emular o visto no espectáculo con derrapes e circulando a elevadísimas velocidades na zona da Estación pero tamén pola estrada de Portas a Lantaño. O alcalde non sabía onde meterse, só soubo mentir e dicir que si que tiñan permisos. Seguiremos informando.
  • Preguntamos por unhas obras de 43.000€ que se van a levar a cabo na depuradora da ponte Chaín. Unha EDAR que custou 300.000€ hai 5 anos eque xa hai que meterlle outros 43.000€ en reformas...
  • Preguntamos pola situación dun baldío en San Bieito en Lantaño. Ricardo quitouse a responsabilidade dicindo que é un problema de disputa entre 2 familiares, pero acabou recoñecendo que o concello lle concedeu licenza a un particular para facer un muro-peche nun terreo que agora unha sentenza xudicial di que é baldío, e polo tanto propiedade dos veciños. Preguntamos como o vai resolver, pero o alcalde non soubo responder. Na mesma zona o concello meteu uns tubos de saneamento por uns terreos privados sendo Ricardo o concelleiro de obras, tampouco sabe que vai facer agora.
  • Ao inicio do pleno, o alcalde leu unha declaración institucional para aprobar un “Plan de Medidas Antifraude” promovido pola Unión Europea para evitar fraudes e conflitos de interese no concello. O BNG aplaude esta declaración de intencións, pero desexamos que non quede en boas palabras, porque por exemplo fálase de transparencia pero o alcalde négase a informar a onde destinou 4 camións de formigón con fibras, ou por exemplo tamén se fala de non usar o cargo para intereses particulares pero logo unha boa parte do céspede retirado do campo de fútbol de Portas acaba en mans de Ricardo Mtnez e de Víctor Estévez.
  • Para finalizar rogamos que o alcalde traballe e faga as xestións necesarias para conseguir os terreos necesarios para que a Deputación acometa a mellora completa da estrada de Romai a Portas. O alcalde respondeu que vai traballar. Dubidamos que cumpra, porque hai 4 meses que o BNG lle propuxemos facer unha declaración institucional de toda a corporación sobre este tema, entón dixo que si, pero hoxe aínda seguimos esperando.

26 de xul. de 2022

Pleno Ordinario

O venres 29 de xullo de 2022 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:
  1. Aprobación da acta da sesión anterior de 27-05-2022.
  2. Expediente 310/2022. Aprobación da Conta xeral 2021.
  3. Expediente 455/2022. Delegación de Competencias do Pleno no Alcalde: Concertación dunha operación de préstamo a longo prazo.
  4. Expediente 451/2022. Nomeamento do representante municipal no Grupo de desenvolvemento rural Salnés-Ulla-Umia.
  5. Dación de contas. Decretos de Alcaldía dende o 24-05-2022 ao 26-07-2022.
  6. Dación de contas. Periodo medio de pago 2º trimestre 2022.
  7. Dación de contas. Plan Concellos 2022-2023.
  8. Rogos e preguntas.


20 de xul. de 2022

Convocatoria ordinaria da Comisión de Urbanismo, Obras, Servizos, Vivenda, Solo e Medio Ambiente

O venres 22 de xullo de 2022 ás 21:10 h. celebrarase unha reunión da Comisión de Urbanismo (...) na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 466/2022. Aprobación da acta da sesión anterior de 19-11-2021.
  2. Expediente 451/2022. Nomeamento do representante municipal no Grupo de desenvolvemento rural Salnés-Umia-Ulla.



Convocatoria ordinaria da Comisión Especial de Contas

O venres 22 de xullo de 2022 ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de data 03-06-2022.
  2. Expediente 455/2022. Delegación de Competencias do Pleno no Alcalde: Concertación dunha operación de préstamo a longo prazo.


15 de xul. de 2022

ACTO PÚBLICO - DÍA DA PATRIA - GAÑARMOS O FUTURO

Acto Público en Briallos dentro da campaña que o BNG está a desenvolver por todo o País no marco do Día da Patria do próximo luns 25 de xullo, e para analizar a situación política actual.
Temos equipo, temos ideas claras, sabemos priorizar e moitas ganas de traballar, traballar e traballar.
Só o pobo salva o pobo.
Hai BNG!


30 de maio de 2022

Resume do pleno do 27 de maio

  • O único punto da orde do día a discutir foi a elección do xuíz de paz titular. Decidiuse renovar a Juan Fernando Laguarta Badía.
  • Na sección de “dación de contas” fíxose a presentación formal de dous informes da secretaria municipal. Son informes anuais obrigados por lei. No primeiro comunícase que o alcalde “levantou” 11 reparos suspensivos da secretaria durante 2021. O grupo de goberno non ten ningún respecto polas normas administrativas e sempre busca o atallo para actuar fóra dos procedementos. O segundo informe, sobre control interno, volve ser un calco do do ano pasado, onde a secretaria denuncia infinidade de irregularidades na xestión do concello, con frases como: “falta de contratos administrativos que amparen las facturas que se reciben (...). Cuando sí existe contrato, se insiste en la tramitación de contratos menores, evidenciando en muchos casos supuestos de fragmentación ilícita”. Ante as nosas queixas, o único que di o alcalde é que el non ten ningunha culpa, que toda a culpa a ten a secretaria (leva menos de dous anos no concello e está en comisión de servizos, é dicir, nin sequera é a secretaria titular). Este asunto é dunha desvergonza insultante.
  • En rogos e preguntas, iniciamos felicitando a Toño, administrativo do concello e único funcionario, pola súa inminente xubilación, expresando o noso agradecemento por tantos anos de traballo no concello.
  • Preguntamos polo campo de fútbol de Romai. En novembro pasado aprobouse o proxecto e o alcalde comprometeuse a que a obra de reforma estivese rematada para maio deste ano. A día de hoxe nin está licitada a obra, pero nin sequera hai partida orzamentaria para levala a cabo. Xa é inevitable que a S.D. Romai comece unha nova tempada fóra do seu campo. Xa van sete anos de mentiras e escusas do PP para non cumprir as promesas electorais.
  • Fixemos outras 11 preguntas máis, pero pouco podemos comentar porque o grupo de goberno ou non responde, ou responde con evasivas que non aportan ningún tipo de información. Por exemplo, preguntamos se este ano se vai celebrar a Festa da Dona, e non quixeron responder, alegando que iso o leva a concelleira de cultura, que non estaba presente no pleno, así que non sabían. Hai que lembrar que a Festa da Dona dende que a implantaron sempre se celebrou no mes de maio, e nos últimos anos escusábanse nas limitacións da pandemia, pero agora sabemos que o motivo real de non celebrarse é a falta de traballo e implicación do grupo de goberno.
Nota: durante a nosa intervención para queixarnos da forma de actuar do alcalde no levantamento de reparos suspensivos da secretaria, Víctor Estévez, vociferando contra os reparos e a secretaria (non estaba presente no pleno), levantouse alporizado e marchou do salón de plenos. Durante toda a lexislatura nunca se quedou ao punto de rogos e preguntas, para non ter que escoitar ao BNG. Exemplo de educación e señorío.

24 de maio de 2022

Pleno Ordinario

O venres 27 de maio de 2022 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior nº 2 de 25-03-2022.
  2. Expediente 187/2022. Ratificación do Decreto de Alcaldía de solicitude de axudas en relación o Decreto 99/2012 de 16 de marzo de 2012 polo que se regulan os Servizos Sociais e o seu financiamento.
  3. Expediente 6/2022. Elección Xuíz de Paz titular.
  4. Expediente 333/2022. Corrección erro no orzamento 2022.
  5. Dación de contas. Decretos de Alcaldía dende o 22-03-2022 ao 24-05-2022.
  6. Dación de contas. Plan Concellos 2022-2023.
  7. Dación de contas. Período medio de pago 4º trimestre 2021.
  8. Dación de contas. Período medio de pago 1º trimestre 2022.
  9. Dación de contas. Liquidación do orzamento 2021.
  10. Dación de contas. Informe de Intervención sobre as resolucións adoptadas polo Presidente da Corporación contrarias a reparos no ano 2021.
  11. Dación de contas. Informe resume anual sobre o control interno no ano 2021.
  12. Rogos e preguntas.


17 de maio de 2022

Convocatoria extraordinaria da Comisión Especial de Contas

O venres 3 de xuño de 2022 ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior de 18-03-2022 (XA APROBADA O 20 DE MAIO PASADO).
  2. Expediente 310/2022. Aprobación da conta xeral 2021.
 

Convocatoria ordinaria da Comisión Especial de Contas

O venres 20 de maio de 2022 ás 21:15 h. celebrarase unha reunión da Comisión Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior nº 1 de 18-03-22.
  2. Expediente 333/2022. Corrección de erro no orzamento municipal 2022.
  3. Rogos e preguntas.


Convocatoria ordinaria Comisión de Cultura, Deporte, Educación, Turismo, Igualdade, Benestar Social, Emprego e Xuventude

O venres 20 de maio de 2022 ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión de Cultura (...) na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior nº 1 de 18-03-2022.
  2. Expediente 6/2022. Elección xuíz de paz titular.
  3. Rogos e preguntas.


4 de maio de 2022

Boletín informativo - Maio 2022

O BNG de Portas edita un novo boletín informativo (Nº 24 # Maio de 2022), que comezará a repartirse polas casas de Portas nos vindeiros días.
Portas perde centos de miles de euros da Deputación, ao ser o único Concello que non se presentou ás axudas do Reacpon
O resto dos concellos da comarca recibiron unha media de 400.000 euros
O alcalde fai obras sen licenza na pista dos cabalos de Romai e oculta os gastos como se fosen feitas no colexio público Domingo Fontán
O BNG demanda a mellora integral da estrada de Portas a Romai, e non un remendo

O goberno municipal non escoita as demandas veciñais
Abanca pecha tres días á semana a oficina de Portas coa complicidade do Partido Popular
En defensa dunha sanidade pública de calidade

Ábrese un novo escenario e o BNG quere liderar o cambio que Galiza necesita



27 de mar. de 2022

Resume do pleno do 25 de marzo

  • Comezouse o pleno coa lectura dunha declaración institucional de toda a corporación condenando o presunto feminicidio de Jéssica Méndez Iglesias e esixindo unha investigación rigorosa.
  • Aprobouse un recoñecemento extraxudicial de créditos (5 votos a favor do PP, 3 votos en contra de BNG e PSOE, e 2 abstencións de VUP), que é un procedemento polo cal o goberno levanta un “reparo suspensivo” da Secretaria Municipal para pagar 79 facturas, por valor de máis de 54.000€. O reparo a estas facturas débese a deficiencias na tramitación dos procedementos administrativos, por exemplo ausencia de contrato (é o caso entre outros moitos do servizo de prensa do alcalde) ou por facer as contratacións verbalmente sen ningún tipo de expediente, cousa que está prohibida. Nos dous últimos meses, tamén as nóminas dos empregados municipais foron paralizadas por reparos de Intervención, e o motivo debe ser porque a asesoría laboral que realiza as nóminas leva décadas sen contrato a pesar das denuncias do BNG.
  • Aprobouse o orzamento de 2022, que entrará en vigor a mediados ou finais do mes de abril, cando por lei debería estar aprobado o 31 de decembro pasado. Teñen maioría absoluta pero a xestión é caótica. En primeira votación houbo un empate (5 votos a favor do PP e 5 en contra de BNG, VUP e PSOE). En segunda decidiu o voto de calidade do alcalde. Un orzamento falto de ambición, continuista e irreal, que acabará sendo como sempre papel mollado, que haberá que remendar decenas de veces con modificacións de crédito ao longo do ano para poder pagar as facturas. Desaparecen as axudas para actividades culturais e deportivas de asociacións (-9.000€), de modo que o alcalde repartirá a dedo como en tempos que parecían pasados. Tamén desaparece a axuda para a ANPA do CPI Domingo Fontán, e redúcese a partida para familias e institucións sen fins de lucro en 2.500€. No orzamento non se contemplan nin as reformas do campo de fútbol de Romai ou a Escola de Música, nin a comprometida pista deportiva en Briallos. Estas obras tampouco se van facer a cargo do Plan Concellos, así que o BNG preguntamos se se van facer con remanentes de tesourería de anos anteriores (aforros de anos anteriores) pero non souberon dicir nin sequera aproximadamente canto hai en remanentes. Así que para levar a cabo esas obras dependerase de conseguir algún tipo de subvención doutras administracións.
  • Aprobouse por unanimidade a RPT (relación de postos de traballo). Este documento, que foi votado favorablemente previamente pola maioría dos traballadores do concello (actualmente 13), establece as tarefas encomendadas a cada posto de traballo e o salario asignado a cada un. É un documento obrigatorio por lei, pero é a primeira vez na historia que se aproba en Portas (30 anos consecutivos con gobernos do PP). En 2016 con Víctor Estévez de alcalde e Ricardo Martínez de tenente de alcalde encargouse a unha empresa a redacción inicial dunha RPT, pero a pesar de gastar no proxecto máis de 5.000€, non se fixo nada con el e acabou nun caixón. Un de tantos. Este ano vaise a xubilar o único funcionario que hai no concello (e que accedeu fai máis de 30 anos), así que en breve en Portas non haberá ningún empregado que accedese por oposición.
  • O alcalde anunciou o destino dos ingresos do Plan Concellos da Deputación deste ano: instalacións de biomasa, iluminación exterior sostible, equipo audiovisual para gravar os plenos, muros en varias pistas (Briallos e Portas), mellora pista en Bacelo (Romai), ensanche no Cachal (terreos doados pola comunidade de montes de Lantaño), saneamento en Piñeiro (Briallos) e Currás (Portas), recollida de lixo e contratación de 6 traballadores por 6 meses e outros 6 por 5 meses e medio.
  • Moción presentada polo BNG para preguntar polo destino de 3 facturas correspondentes á man de obra dun traballo con encofrados (supostamente no CPI Domingo Fontán pero que é falso) e 4 camións de formigón con fibras (32 m3) que saíron da Goulla en dúas horas. O alcalde negouse a responder dicindo que está no seu dereito de non responder. ESE DEREITO NON EXISTE!!! O alcalde ten obriga de responder as preguntas da oposición. Na votación houbo que desempatar (4 votos a favor de BNG e VUP e 4 en contra do PP), rexeitándose finalmente a moción co voto de calidade do alcalde. Antes da votación ausentáranse dous concelleiros. Curiosamente as obras destas 3 facturas realizáronse o mesmo día, pero unha factura pagouse en febreiro, outra en marzo e outra en abril. Coa clara intención de que estas facturas pasasen desapercibidas nos listados de centos de facturas que se pagan cada mes. O BNG ten confirmado que as obras pagadas con cartos públicos sen mediar convenio, non se realizaron no colexio (como se di na primeira factura) senón na pista dos cabalos de Romai, que é un terreo privado da comunidade de montes, e sen a preceptiva licenza municipal de obras. Agora o alcalde négase a responderlle ao BNG, pero xa non pode ocultar a realidade.
  • En rogos e preguntas só intervimos o BNG. As preguntas máis destacadas que fixemos foi sobre a concentración parcelaria de Briallos e o proxecto da Deputación para asfaltar a estrada entre Chandouteiro e a Rapeira. Respecto da parcelaria preguntamos sobre a colocación de marcos que se está a levar a cabo ultimamente, e a vaga contestación foi que probablemente sexan uns marcos provisionais para facer unhas aproximacións iniciais. En canto á estrada de Romai á Rapeira pedimos que o grupo de goberno se mobilice para esixirlle á Deputación que non só parchee a estrada cunha capa de asfalto senón que tamén corrixa as curvas máis perigosas en Porta de Conde e no Liñar, e mellore a seguridade na zona de San Xoán.

22 de mar. de 2022

Pleno Ordinario

O venres 25 de marzo de 2022 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 210/2022. Aprobación da acta da sesión anterior ordinaria nº 1 de 28-01-2022.
  2. Expediente 202/2022. Recoñecemento Extraxudicial de Créditos nº 1 - 2022.
  3. Expediente 164/2022. Aprobación do Orzamento municipal 2022.
  4. Expediente 167/2022. Aprobación da Relación de Postos de Traballo.
  5. Dación de contas. Decretos de Alcaldía dende o 25-01-2022 ao 22-03-2022.
  6. Documentación Plan Concellos 2022-2023.
  7. Moción: información sobre determinadas facturas (presentada por BNG).
  8. Rogos e preguntas.


16 de mar. de 2022

Convocatoria ordinaria da Comisión de Cultura, Deporte, Educación, Turismo, Igualdade, Benestar Social, Emprego e Xuventude

O venres 18 de marzo de 2022 ás 21:15 h. celebrarase unha reunión da Comisión de Cultura (...) na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 195/2022. Aprobación da acta da sesión anterior de data 17/09/2021.
  2. Expediente 167/2022. Aprobación da Relación de Postos de Traballo.
  3. Rogos e preguntas.


Convocatoria ordinaria Comisión Especial de Contas

O venres 18 de marzo de 2022 ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión Especial de Contas na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Expediente 194/2022. Aprobación da acta da sesión anterior extraordinaria da Comisión de Contas de 06/10/2021.
  2. Expediente 164/2022. Aprobación do Orzamento 2022.
  3. Rogos e preguntas.


24 de xan. de 2022

Moción en demanda de información sobre determinadas facturas de formigón

O venres 26 de novembro de 2021 pola mañá o BNG de Portas presentou tres preguntas escritas no rexistro electrónico do concello para ser consideradas no Pleno da Corporación que se celebraría ese mesmo día ás 21:00h., con tempo suficiente para que o grupo de goberno puidese recoller a información que considerase.

No Pleno celebrado ese día, 26 de novembro de 2021, o Alcalde negouse a responder ditas preguntas, despois da reiteración das mesmas por parte do portavoz do BNG.

O luns 29 de novembro de 2021 o portavoz do BNG presentou unha queixa ante a Valedora do Pobo pola falta de resposta do grupo de goberno ante ditas preguntas. Esta queixa foi admitida a trámite o 1 de decembro de 2021 con nº de expediente: N.9Q/9756/21.

Con data 3 de xaneiro de 2022 a Valedora do Pobo púxose en contacto co portavoz do BNG para comunicarlle que o Concello de Portas non respondera ao requirimento de información solicitado en base á queixa realizada, e que lle volvía a requirir a información, a cal debe responder por ser unha obrigación legal (art. 22 da Lei da Valedora do Pobo).

A día de hoxe, 24 de xaneiro de 2022, o BNG segue sen obter resposta por parte do Grupo de Goberno ás preguntas formuladas.

É por isto que presenta esta moción e solicita o voto favorable do Pleno da Corporación municipal de Portas para a adopción dos seguintes

ACORDOS

  • que o Goberno Municipal informe en que lugar se executou e en que consistiu a obra á que se fai referencia na factura con nº de orde 110 do decreto nº 2020-0070 de data 25/02/2020,
  • que o Goberno Municipal informe a que obra e lugar se destinou o formigón ao que se fai referencia na factura con nº de orde 3 do decreto nº 2020-0092 de data 17/03/2020, así como indicar en que consistiu dita obra,
  • que o Goberno Municipal informe a que obra e lugar se destinou o formigón ao que se fai referencia na factura con nº de orde 6 do decreto nº 2020-0116 de data 22/04/2020, así como indicar en que consistiu dita obra.