26 de xul. de 2018

Nota de prensa - Esperas de 15 días para citas no centro de saúde de Portas

OS PACIENTES TEÑEN QUE ACUDIR A URXENCIAS PARA SER ATENDIDOS

As citas tanto para consultas como para receitas no centro de saúde de Portas estanse dando dende hai semanas con moitos días de retraso, pero a situación límite chegou a semana pasada cando as citas se comezaron a dar con quince días de retraso, obrigando aos pacientes a desprazarse a urxencias a Caldas ou a Pontevedra para consultas de atención primaria.

Hai casos como enfermos crónicos de diabetes aos que se lles dá cita para dúas semanas despois da solicitude, simplemente para activar as receitas de pastillas que necesitan e que sen esa activación non lle poden subministrar na farmacia.

O centro de saúde de Portas vén arrastrando dende fai anos problemas moi graves por falta de persoal facultativo para atender os pacientes, problemas que se agravan durante os meses de verán coincidindo coas vacacións do persoal e que o SERGAS decide non cubrir.

Durante os últimos dous anos, o SERGAS estivo cubrindo a baixa dun médico titular con esporádicas rotacións temporais de distintos profesionais. A baixa definitiva deste médico produciuse hai un par de meses e recentemente o SERGAS cubriu a praza vacante, sen embargo, as vacacións da outra titular volven a provocar o caos e esperas de 15 días para unha simple cita de atención primaria.

No verán de 2017 a situación chegou a tal deterioro que houbo días laborables nos que o centro médico de Portas quedou totalmente ao descuberto sen ningún facultativo para atender os pacientes de todo o concello (máis de 3000 habitantes).

O BNG-Asembleas Abertas xa denunciou as esperas nas citas do centro médico de Portas en innumerables ocasións coa presentación de mocións, que aínda que son aprobadas por unanimidade do Pleno municipal acaban esquecidas nos caixóns do alcalde.

O BNG-Asembleas Abertas considera esta situación de todo inaceptable e esíxelle ao SERGAS a cobertura ao 100% das baixas e vacacións dos profesionais sanitarios do centro de saúde de Portas.
Captura de pantalla do servizo de cita previa por internet do venres 20 de xullo