O Goberno Municipal como "polo sen cabeza" co PXOM
Dende que en novembro de 2008 a consellería de Política Territorial do goberno de Touriño sacara a licitación os traballos de redacción do primeiro plan xeral de Portas,
o BNG ven demandando manter unha reunión de toda a corporación co equipo
redactor, a última ocasión formal foi no pleno do pasado mes de agosto, sen
embargo, nunca se chegou a producir ante a negativa expresa do alcalde. Na máis
pura ditadura democrática, para o rexedor non é suficiente con impor o seu
criterio senón que nega toda posibilidade de información, diálogo ou debate.
Postos en
contacto directamente co equipo redactor, este tamén se negou a manter unha
reunión. Mentres ao grupo municipal do BNG se lle nega a información,
demostrando pouco respecto polos veciños e veciñas que representa, observamos
estupefactos como o equipo redactor si se reúne en varias ocasións cos
propietarios de terreos na Estación-Azucreira.
No informe
sobre as alegacións ao PXOM que o equipo redactor entregou no concello en xuño
pasado sorprende que se chegue a cualificar as alegacións do BNG como
documentos faltos de rigor por non aportar datos concretos dos erros denunciados,
cando o documento polo que o equipo redactor leva cobrados case 100.000€ está
cheo de erros, cando non mentiras, como por exemplo que houbo participación
veciñal, que hai 10 cemiterios en Portas, que hai afeccións polo corredor de
AVE Ourense-Vigo, que as fichas dos núcleos ou o catálogo de patrimonio non concordan
coa realidade, que os cifras non coincidan entre os distintos anexos, … ou
aparezan afirmacións maliciosas como que o río Umia “non representa ningún risco de inundación a día de hoxe ó atoparse
embalsado” cando de sobra son coñecidos os desbordes habituais. Quizais a
intención do equipo redactor sexa que a oposición faga o traballo polo que eles
cobran, ou que revise o que o goberno municipal non revisa antes de dar orde de
pago.
O PXOM
modificado coas alegacións veciñais nada ten que ver co que se expuxo
publicamente. Desaparecen os edificios na Estación-Azucreira, elimínase o
polígono industrial na Costa-Tarrío, redúcese o tamaño mínimo de parcela nos
núcleos rurais,… Polo tanto, o BNG
considera absolutamente necesario un novo período de exposición pública e de
alegacións.
Nos 22 anos de
alcaldía de Roberto Vázquez (20 no PP) nunca tivo interese por regular o
urbanismo porque iso lle reportaba réditos electorais, sen embargo, agora
mostra unhas présas desmedidas por aprobar un PXOM antes das vindeiras
eleccións municipais, aínda que como el mesmo afirma, sexa un mal PXOM.
Non houbo
participación veciñal, non houbo diálogo coa oposición, ocultouse información,
o rolo da maioría absoluta esmagou as voces críticas e no cumio do despropósito, o alcalde presentou alegacións ao documento
que el mesmo impuxo. E agora, ante a masiva presentación de alegacións e as
protestas veciñais recúa como polo sen cabeza, prometendo o que ten e o que non
ten ante a proximidade das eleccións.
O grupo nacionalista de Portas demanda un novo
período de exposición pública e unha reunión co equipo redactor para tratar de poñer
un mínimo de orde no proceso de elaboración do PXOM.