3 de out. de 2022

Resume do pleno de 30 de setembro

Aquí vai a nosa opinión, sería estupendo que outros grupos publicasen a súa:

  • A acta do pleno anterior aprobouse por unanimidade. Os plenos agora son gravados en vídeo, así que as actas escritas xa non transcriben o que se di porque está a gravación, así que pouco hai que discutir.
  • Festivos locais 2023: martes 21 de marzo (San Bieito) e luns 10 de abril (luns de Pascua). 3 votos a favor (PP), 2 votos en contra (BNG) e 1 abstención (VUP). Nós propuxemos o 14 de agosto en lugar do 21 de marzo, despois de consensualo cos grupos de interese no concello. E aquí acabaría o pleno (3 minutos) se o BNG non fixese rogos e preguntas.
  • O ascensor da Azucreira queimouse por un raio hai uns anos (tendo pararraios pero mal instalado e non se lle reclamou ao seguro). Foi reparado en 2021 (33.000€) pero aínda non se puxo en servizo. Preguntamos se ten os permisos de Industria. O alcalde non contestou, pero dixo que falta conectalo ao xerador de emerxencia (9 meses despois de gastar 33.000 €).
  • Respecto da obra do campo de fútbol de Romai, ningún avance nos últimos 2 meses.
  • O alcalde como é habitual tivo que levantar múltiples reparos da Secretaria por incumprimentos dos procedementos administrativos. O respecto do PP polos procedementos é nulo.
  • A organización por parte do concello do campionato interparroquial de fútbol redúcese a pagar as facturas dunha empresa que se encarga de facer todo. A única actividade deportiva “organizada” polo concello, resulta que tampouco é “organizada” polo concello.
  • Todas as melloras e o mantemento realizado no Teleclube de Romai dos últimos 48 anos foi pagado ao 100% pola Asociación Cultural Xosefina Figueroa, pero o PP négase a formalizar a cesión do edificio á asociación dende hai máis de 10 anos.
  • O concello tivo que improvisar un contrato ás présas para a limpeza do colexio de setembro a decembro de 2022. Continúan as privatizacións.
  • O concello pagou unha comida despois dunha reunión de “Erasmus + (hermanamiento en Europa)”. Preguntamos cal é a pretensión do concello con este tema, e a contestación do alcalde foi que nos contestaría por escrito. En linguaxe de Ricardo significa que non nos vai a contestar.
  • O concello debería actualizar anualmente o seu Inventario de bens, pero o de Portas data de 1954. Este ano o concello contratou, a cargo do Plan Concellos da Deputación, unha empresa para actualizalo. Ninguén do grupo de goberno lle dedicou nin un minuto, o procedemento de elaboración seguido foi lamentable e agora sabendo que o documento proposto contén infinidade de erros, o alcalde di que dá igual se é correcto ou non porque hai que rematar antes de novembro para poder cobrar da Deputación. O importante non era facer un bo ou un mal documento, o importante era gastar 18.000€ e dicir que xa temos novo inventario!
  • O 23 e 24 de xullo celebrouse na Azucreira un evento privado de motor chamado Japoday. No pleno de xullo o Alcalde MENTIU asegurando que si tiñan permisos para usar as instalacións municipais (finca, piscina, inchables, palco, ...). Preguntamos nos servizos administrativos do concello e confirmáronnos que non existe ningún permiso. Este venres o alcalde volveu a MENTIR asegurando que o evento tiña seguro, imposible sen ter previamente autorización do propietario das instalacións, que é o concello. O alcalde MINTE sen complexos cando non ten argumentos para defender as súas malas decisións, e os seus compañeiro/as calan e asinten. Mostramos un vídeo de hai 2 semanas no que se ve varios coches facendo derrapes na Azucreira e solicitamos que sexa denunciado á Garda Civil de Tráfico.
  • Estrada Romai-Portas. O alcalde en xullo dixo que ía traballar no tema, 2 meses despois non hai ningún avance.