24 de xan. de 2022

Moción en demanda de información sobre determinadas facturas de formigón

O venres 26 de novembro de 2021 pola mañá o BNG de Portas presentou tres preguntas escritas no rexistro electrónico do concello para ser consideradas no Pleno da Corporación que se celebraría ese mesmo día ás 21:00h., con tempo suficiente para que o grupo de goberno puidese recoller a información que considerase.

No Pleno celebrado ese día, 26 de novembro de 2021, o Alcalde negouse a responder ditas preguntas, despois da reiteración das mesmas por parte do portavoz do BNG.

O luns 29 de novembro de 2021 o portavoz do BNG presentou unha queixa ante a Valedora do Pobo pola falta de resposta do grupo de goberno ante ditas preguntas. Esta queixa foi admitida a trámite o 1 de decembro de 2021 con nº de expediente: N.9Q/9756/21.

Con data 3 de xaneiro de 2022 a Valedora do Pobo púxose en contacto co portavoz do BNG para comunicarlle que o Concello de Portas non respondera ao requirimento de información solicitado en base á queixa realizada, e que lle volvía a requirir a información, a cal debe responder por ser unha obrigación legal (art. 22 da Lei da Valedora do Pobo).

A día de hoxe, 24 de xaneiro de 2022, o BNG segue sen obter resposta por parte do Grupo de Goberno ás preguntas formuladas.

É por isto que presenta esta moción e solicita o voto favorable do Pleno da Corporación municipal de Portas para a adopción dos seguintes

ACORDOS

  • que o Goberno Municipal informe en que lugar se executou e en que consistiu a obra á que se fai referencia na factura con nº de orde 110 do decreto nº 2020-0070 de data 25/02/2020,
  • que o Goberno Municipal informe a que obra e lugar se destinou o formigón ao que se fai referencia na factura con nº de orde 3 do decreto nº 2020-0092 de data 17/03/2020, así como indicar en que consistiu dita obra,
  • que o Goberno Municipal informe a que obra e lugar se destinou o formigón ao que se fai referencia na factura con nº de orde 6 do decreto nº 2020-0116 de data 22/04/2020, así como indicar en que consistiu dita obra.