3 de feb. de 2023

Resume do pleno do 30 de xaneiro


· Aprobado un convenio entre os concellos de Caldas e Portas para conectar o futuro saneamento dos lugares de O Ameal, Valsordo e Penalta (lugares de Caldas) á “depuradora” de ponte Goldar en Briallos. 6 votos a favor (5 PP + 1 VUP) e 2 abstencións (BNG). Nós abstivémonos porque sendo moi positivo que haxa colaboración mutua entre concellos, consideramos que se está enganando aos veciños e veciñas de Briallos e de Caldas, cóbraselles unha taxa por depurar pero a “decantadora” de Briallos non depura (ver fotos de setembro de 2020). Ademais estanse falseando os datos, pois segundo o concello de Portas, os lugares de O Ameal e Valsordo supoñen o mesmo número de habitantes conectados que todo Briallos, todo para xustificar que non se superan os límites da “decantadora”.



·  APROBADA por UNANIMIDADE a moción do BNG para esixir a adopción de medidas urxentes para garantir a atención sanitaria pública no concello de Portas. Non se cobren nin baixas nin vacacións do persoal no centro de saúde, non hai médicos no PAC comarcal de Caldas, non hai pediatras comarcais, non hai médicos suficientes nas urxencias do hospital Montecelo e as listas de espera para probas diagnósticas, especialistas ou intervencións cirúrxicas non paran de medrar. A política ideolóxica privatizadora do PP está a desmantelar a SANIDADE PÚBLICA. Esperamos que o grupo de goberno non votase a favor só para manter as aparencias e cumpra os acordos e faga chegar as demandas de Portas á Xunta de Galiza.

·  A Valedora do Pobo respondeu a nosa queixa de hai un ano dándonos a razón, o alcalde ten obriga de contestar as nosas preguntas, de feito entregoulle un “recordatorio de deberes legais” que Ricardo aceptou formalmente. Sen embargo, esta vez o alcalde tampouco respondeu a onde foron destinados 4 camións de formigón. Sabemos que acabaron na pista dos cabalos de Romai, pero o alcalde antes de recoñecelo prefire mentir. Ricardo Martínez ordenou facer unha obra sen licenza con cartos públicos nun terreo privado (da Comunidade de Montes de Romai) e ocultou os gastos cunha factura dunhas inexistentes obras no colexio de Portas. Pódese ser máis ruín?

· Volvemos preguntar por terceiro pleno consecutivo por unha factura dunha comida relativa a “Erasmus Plus”. Desta vez si respondeu o alcalde. Resulta que o concello xestionou unha viaxe a Italia a través do programa Erasmus Plus destinado a mozos e mozas do concello, pois resulta que entre os asistentes á viaxe, que foron escollidos a dedo (Ricardo usa o eufemismo de “por invitación”), está unha “familiar directa” do alcalde. Nepotismo en estado puro.

·  Denunciamos a nefasta xestión do grupo de goberno co envío masivo de cartas ameazantes e con erros para a xestión da biomasa nas faixas secundarias. O alcalde recoñeceu que todas as cartas enviadas tiñan mal o nome das fincas e que as asinou sen saber o que asinaba.

· Denunciamos que na Ponte Chaín unha casa de turismo rural ven sufrindo dende hai meses desbordamentos da rede de augas residuais diante da casa cada vez que chove, causando graves prexuízos económicos e de salubridade, sen que o concello faga absolutamente nada.

· Denunciamos que un ano máis o concello está cos orzamentos prorrogados. En 31 anos de maiorías absolutas, o PP non foi quen de aprobar os orzamentos en tempo e forma nin unha soa vez. O desprezo polo rigor administrativo é absoluto.

· Preguntamos pola compra de 2 canastras de baloncesto por 15.000 euros. A resposta do alcalde é que son para o pavillón de Portas. As canastras de máximo nivel que había foron desmanteladas e tiradas. Por que non se aproveitaron para o pavillón de Romai que non ten?

· Denunciamos a situación do lavadoiro da Regueira en Fontenla. Un veciño lindante está outra vez aterrando a propiedade veciñal sen que o concello de Portas faga nada. Xa en 2008 o concello tivo que gastar 12.000 euros en reconstruír a estrutura. O PP négase a cumprir as múltiples mocións do BNG que foron aprobadas para recuperar a fonte-lavadoiro.


· Denunciamos a pasividade do alcalde a respecto da estrada Romai-Portas. Hai 6 meses, aprazamos a recollida de sinaturas porque o alcalde se comprometera a traballar para conseguir os terreos necesarios para reformar a estrada, pero agora di que non sabe nada, que non fixo nada e que toda a culpa é da Deputación. A realidade é que a Deputación se comprometeu a completar a reforma da estrada coa única condición de que o concello poña á súa disposición os terreos necesarios. REFORMAR A ESTRADA É CUESTIÓN DE TRABALLO PARA CONSEGUIR OS TERREOS, PERO O GRUPO DE GOBERNO ESTÁ DESAPARECIDO.