14 de nov. de 2022

Moción en demanda de cambio de camiño da Parcelaria no entorno do parque do río en Briallos

Segundo os planos publicados da “Enquisa previa ao acordo” da Parcelaria de Briallos, está prevista a apertura dun novo camiño na finca do Parque do río no entorno de Ponte Goldar, partindo pola metade a finca, deixando unha parcela municipal ao sur do camiño (parcela 700-3) e outra ao norte (parcela 700-4). Para máis, nunha parte entre ambas parcelas e o camiño tamén se prevén tres pequenas fincas (188, 295 e 281-1), tal como se observa na imaxe que se achega.


Consideramos moi desafortunada esta decisión que bota a perder un espazo tan importante para a parroquia de Briallos.

Consideramos que non debe abrirse este novo camiño, debendo continuar o actual polo norte da depuradora de auga potable. Igualmente, as pequenas parcelas 188, 295 e 281-1 deberían asignarse ao concello, a costa de diminuír, se é necesario, outras propiedades que o concello ten no entorno, como por exemplo a parcela 700-2 na marxe esquerda do río Chaín (ao sur), ou incluso parcelas baldías (1500-32, 1500-33, ...).

É por isto que presenta esta moción e solicita o voto favorable do Pleno da Corporación municipal de Portas para a adopción dos seguintes:

ACORDOS

- que o Goberno Municipal solicite a eliminación do camiño previsto entre as parcelas 700-3 e 700-4,

- que o Goberno Municipal solicite para si a asignación das parcelas 188, 295 e 281-1.