16 de out. de 2023

Moción do BNG para a solicitude de clasificación como Travesía do tramo provisto de beirarrúas na N-550 ao seu paso por Briallos

O abaixo asinante Arturo N. Fontán Pérez, portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de Portas, ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte MOCIÓN para o seu debate e posterior aprobación, se procede, polo Pleno Municipal,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A parroquia de Briallos atópase dividida pola N-550, vía de titularidade estatal, que a cruza de norte a sur. Estas vías reguladas pola Lei 37/2015, de 29 de setembro, de Estradas consideramos que teñen unha excesiva zona de protección para certas partes do territorio de Galiza.

Estas zonas de protección acadan os 50 metros dende a aresta exterior da calzada. Isto implica que en moitos predios non se poida edificar, e noutros non se permita reconstruír casas abandonadas, mentres que todas aquelas parcelas que se atopan edificadas só poidan facer obras de conservación.

En Briallos existe un tramo duns 380 m da N-550, entre os quilómetros 102+650 e 103+030, no que existen os servizos públicos que a continuación se mencionan: abastecemento de auga, sumidoiros de pluviais e saneamento, alumeado público e beirarrúas en ambas marxes da estrada.

No ano 2021 aprobouse definitivamente o PXOM deste Concello, e nel clasifícase a zona do tramo anteriormente mencionado como núcleo rural tradicional e común, pero as distancias de protección impiden realmente que estes terreos poidan prosperar. Por este motivo, entendemos que dende o concello se deberían realizar os trámites oportunos para solicitar a cualificación de Travesía neste tramo de vía.

Segundo o artigo 46 da lei 37/2015 de Estradas, ten consideración de travesía “a parte da estrada na que existen edificacións consolidadas polo menos en dúas terceiras partes da lonxitude de ambas marxes e un armazón de rúas conectadas con aquela en polo menos unha das súas marxes”.

Os estudos de delimitación de tramos urbanos fixan os tramos que se consideran urbanos e os que se consideran travesías. Ademais, fixan as zonas de protección, todo elo segundo as circunstancias de cada marxe da vía, que poderán ser non uniformes e menores ás actuais. O Ministerio de Fomento, a propia iniciativa ou a instancia do Concello tramitará estudios de delimitación de tramos urbanos seguindo o procedemento establecido no artigo 48 da Lei 37/2015 de Estradas.

É por isto que presenta esta moción e solicita o voto favorable do Pleno da Corporación municipal de Portas para a adopción dos seguintes

ACORDOS

  • Levar a cabo cantas xestións sexan necesarias para acadar a cualificación de Travesía do tramo da parroquia de Briallos indicado na exposición de motivos.
  • Realizar o estudio de delimitación de tramos urbanos no tramo mencionado.
  • Solicitar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a cualificación de Travesía do tramo indicado na exposición de motivos para reducir as actuais zonas de protección.