1 de xuño de 2021

Resume do pleno do venres 28 de maio

  • Aínda que había 10 puntos na orde do día, ningún era para decidir algo. Outro pleno que duraría 5 minutos se o BNG non preguntase en rogos e preguntas.
  • Preguntamos por que o BNG non foi invitado ao acto institucional de sinatura do PXOM. O alcalde dixo que foi por cuestións de aforo, pero cando se lle pregunta por que foron invitados cinco concelleiros do PP e ningún da oposición, o alcalde mentiu dicindo que Chus, Ana e Alfonso non asistiran ao acto no salón de plenos. As fotos que Ricardo publicou no seu perfil privado de Facebook desmínteno.
  • Preguntamos insistentemente por que o PP se negou a reunirse co BNG para falar do PXOM durante 12 anos e medio (e prohibindo reunirnos co equipo redactor), para corrixir os graves erros do PXOM. Non responderon pero Alfonso, tenente de alcalde, responsabilizou aos veciños dos erros, porque tiveran ocasión de alegar en 2013 e que non o fixeran. Por que non se corrixiron os erros que no BNG levamos anos denunciando??? Non responden.
  • Preguntamos por que notas de prensa do “servizo de prensa” (cobra 817€ ao mes sen contrato) se publican en Facebook no perfil privado “Ricardo Martínez Chantada” e non no Facebook do “Concello de Portas”. Non houbo resposta.
  • Respecto da herba artificial retirada da Rapeira que o alcalde se levou para a súa casa, Ricardo dou ata tres versións diferentes, primeiro que non se levou nada, logo que a herba que se levou para a casa foi comprada por “Cabaleiros” doutro campo, e finalmente que si que se levou pero pouca. Dicir unha cousa e a contraria, mentindo sen complexos.
  • A unha das novas pistas de pádel van a poñerlle unha cuberta. As pistas custaron 46.971,82€ e a cuberta dunha soa vai a custar 67.476,39€, é dicir, un total de 114.448,21€. Sen contar os 44.660,64€ que custou hai 10 anos facer a pista de tenis que agora ocupan as pistas de pádel. Mentres segue sen cumprirse o acordo plenario de 2015 para facer unha pequena pista multideportiva en Briallos ou segue sen construírse un necesario novo patio cuberto no colexio.
  • A arquitecta municipal pasa a estar contratada polo concello como laboral indefinida por sentenza xudicial que declara “fraudulenta” a relación que mantiña co concello. O primeiro contrato da arquitecta no concello por 6 meses é de 20 de decembro de 2013. Este contrato prorrogáronllo dúas veces. Xa con Víctor Estévez de alcalde, e Ricardo de tenente de alcalde, a arquitecta estivo meses sen contrato, pero cobrando mensualmente, incluso as vacacións, pasando logo por varios contratos máis de “servizos”. Ricardo di que el non ten ningunha responsabilidade. En 2018 outros 5 traballadores do concello foron transformados en indefinidos (traballadora social, secretaria do xulgado de paz, limpadora, fontaneiro, auxiliar administrativa) por requirimento da Inspección de Traballo e Seguridade Social ante as graves irregularidades existentes. No concello de Portas só hai un funcionario que accedese por oposición e é anterior á chegada do PP á alcaldía hai 29 anos. Contesta o alcalde que o van a ir corrixindo segundo se poida...
  • Para a Festa da Dona improvisaron un concerto que custou 18.029€ (14.900+IVE, casualmente o máximo para tramitar como “contrato menor”=”a dedo”). Preguntamos se esta vai a ser a política cultural do concello: actividades illadas, carísimas e para un aforo reducidísimo. Non houbo resposta.
  • Preguntamos polo informe de control interno de 2020 emitido pola secretaria municipal. O contido deste informe é demoledor demostrando que o que leva denunciando o BNG durante 30 anos é certo, que o funcionamento interno do concello é un disparate:
    • “Das facturas que se reciben non tiveron, na súa maioría, respaldo contractual ou convencional que se coñeza”.
    • “Os postos desenvolvidos polo persoal laboral realizan funcións reservadas a funcionarios públicos”.
    • “Os únicos procesos selectivos que se veñen repetindo asiduamente, son os de selección de persoal temporal ao amparo dalgunha subvención doutra Administración”.
    • “Realízanse contratos por obra ou servizo que se reiteran cada ano”.
    • “Falta de contratos administrativos que amparen as facturas que se reciben... Cando si existe contrato, insístese na tramitación de contratos menores, evidenciando en moitos casos supostos de fragmentación ilícita en tanto que se pretenden cubrir necesidades estruturais (por exemplo, servizo de prevención de riscos laborais; servizo de mantemento informático; subministro de produtos de limpeza; etc) e reducindo a concorrencia”.
    • “Exceso ao recurso ao contrato laboral temporal en postos estruturais”.
    • “Carencia de persoal con formación axeitada en réxime local nos distintos servizos derivado, probablemente, dos procesos selectivos”.
    • “Falta de transparencia cara o exterior, incluída a relativa ás ordenanzas e normativa regulamentaria en vigor, así como todas as obrigas en materia de transparencia que dispón a normativa vixente”.
    • Carencia de: rexistro de persoal, inventario de bens, rexistro de contratos, rexistro de convenios, rexistro de subvencións (recibidas e concedidas), rexistro de expedientes económicos, relación de facturas, relación de fianzas e depósitos, relación de ordenanzas e regulamentos, ...
    • Outros servizos prestados por empresas no concello sen contrato: servizo de prensa, asesoría laboral (a que fai as nóminas), subministro de carburantes, ferreiro, ...
  • Ricardo, que leva 6 anos no goberno, non se responsabiliza de nada deste disparate de xestión e Alfonso, tenente de alcalde, di que é herdanza recibida... Herdanza do seu propio partido que leva 29 anos gobernando ininterrumpidamente en Portas.