22 de feb. de 2019

O Partido Popular secuestra as institucións


Sen plenos ordinarios dende xuño e sen orzamentos


O alcalde de Portas non convoca plenos ordinarios dende xuño de 2018 secuestrando o Pleno municipal, máximo órgano de representación dos veciños e veciñas, incumprindo a lei de bases de réxime local e incluso saltándose os seus propios decretos que establecen unha periodicidade de dous meses para os plenos ordinarios.


O deterioro institucional é tal que dende xuño só se celebraron dous plenos extraordinarios, chegando actualmente ao extremo de que nos últimos 3 meses Víctor Estévez non convocou ningunha comisión informativa, nin por suposto ningunha reunión da corporación local.

O BNG de Portas cualifica de “apagamento democrático” o que está a levar a cabo o Partido Popular que se nega incluso a informar á oposición dos decretos e resolucións da alcaldía. De feito a última comunicación que recibiu a oposición é de mediados de novembro.

De igual forma, o concello de Portas segue a día de hoxe, 22 de febreiro, sen orzamentos para o ano 2019. Por non haber, non hai nin sequera proxecto de orzamentos para o ano en curso.
A falta de orzamentos é outra mostra da falta de xestión, de ideas e de iniciativa dun goberno esgotado. Mentres Víctor Estévez conta os días para “librarse” da alcaldía e esquecerse de Portas, a estratexia electoral do PP pasa por esconder a parálise municipal cun apagamento informativo e de foguear ao seu candidato cunha dedicación exclusiva, excepcionalmente ben pagada e concedida unha semana despois de presentalo publicamente.

Segundo un decreto de alcaldía que fixa a periodicidade dos plenos ordinarios, hoxe debería celebrarse unha sesión, sen embargo, non se convocou porque coincide cun acto de presentación dos candidatos do Partido Popular da comarca. Exactamente o mesmo sucedeu no mes de outubro, cando a presentación do candidato do PP no concello de Portas supuxo que non se convocase o pleno ordinario correspondente. Os actos democráticos supeditados aos actos partidistas.

O BNG denuncia o secuestro das institucións municipais por parte do Partido Popular e o seu uso partidista, supeditando os máis básicos principios democráticos aos seus intereses electorais.