Sen plenos ordinarios dende xuño e sen orzamentos
O alcalde de Portas non convoca plenos ordinarios dende xuño de
2018 secuestrando o Pleno municipal, máximo órgano de representación dos
veciños e veciñas, incumprindo a lei de bases de réxime local e incluso saltándose
os seus propios decretos que establecen unha periodicidade de dous meses para
os plenos ordinarios.
O deterioro institucional é tal que dende xuño só se celebraron
dous plenos extraordinarios, chegando actualmente ao extremo de que nos últimos
3 meses Víctor Estévez non convocou ningunha comisión informativa, nin por
suposto ningunha reunión da corporación local.
O BNG de Portas cualifica de “apagamento democrático” o
que está a levar a cabo o Partido Popular que se nega incluso a informar á
oposición dos decretos e resolucións da alcaldía. De feito a última comunicación
que recibiu a oposición é de mediados de novembro.
De igual forma, o concello de Portas segue a día de hoxe, 22 de
febreiro, sen orzamentos para o ano 2019. Por non haber, non hai nin sequera proxecto
de orzamentos para o ano en curso.
A falta de orzamentos é outra mostra da falta de xestión, de ideas
e de iniciativa dun goberno esgotado. Mentres Víctor Estévez conta os días para
“librarse” da alcaldía e esquecerse
de Portas, a estratexia electoral do PP pasa por esconder a parálise municipal
cun apagamento informativo e de foguear ao seu candidato cunha dedicación
exclusiva, excepcionalmente ben pagada e concedida unha semana despois de
presentalo publicamente.
Segundo un decreto de alcaldía que fixa a periodicidade dos
plenos ordinarios, hoxe debería celebrarse unha sesión, sen embargo, non se
convocou porque coincide cun acto de presentación dos candidatos do Partido
Popular da comarca. Exactamente o mesmo sucedeu no mes de outubro, cando a
presentación do candidato do PP no concello de Portas supuxo que non se
convocase o pleno ordinario correspondente. Os actos democráticos supeditados
aos actos partidistas.
O BNG denuncia o secuestro
das institucións municipais por parte do Partido Popular e o seu uso partidista,
supeditando os máis básicos principios democráticos aos seus intereses
electorais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario