30 de maio de 2022

Resume do pleno do 27 de maio

  • O único punto da orde do día a discutir foi a elección do xuíz de paz titular. Decidiuse renovar a Juan Fernando Laguarta Badía.
  • Na sección de “dación de contas” fíxose a presentación formal de dous informes da secretaria municipal. Son informes anuais obrigados por lei. No primeiro comunícase que o alcalde “levantou” 11 reparos suspensivos da secretaria durante 2021. O grupo de goberno non ten ningún respecto polas normas administrativas e sempre busca o atallo para actuar fóra dos procedementos. O segundo informe, sobre control interno, volve ser un calco do do ano pasado, onde a secretaria denuncia infinidade de irregularidades na xestión do concello, con frases como: “falta de contratos administrativos que amparen las facturas que se reciben (...). Cuando sí existe contrato, se insiste en la tramitación de contratos menores, evidenciando en muchos casos supuestos de fragmentación ilícita”. Ante as nosas queixas, o único que di o alcalde é que el non ten ningunha culpa, que toda a culpa a ten a secretaria (leva menos de dous anos no concello e está en comisión de servizos, é dicir, nin sequera é a secretaria titular). Este asunto é dunha desvergonza insultante.
  • En rogos e preguntas, iniciamos felicitando a Toño, administrativo do concello e único funcionario, pola súa inminente xubilación, expresando o noso agradecemento por tantos anos de traballo no concello.
  • Preguntamos polo campo de fútbol de Romai. En novembro pasado aprobouse o proxecto e o alcalde comprometeuse a que a obra de reforma estivese rematada para maio deste ano. A día de hoxe nin está licitada a obra, pero nin sequera hai partida orzamentaria para levala a cabo. Xa é inevitable que a S.D. Romai comece unha nova tempada fóra do seu campo. Xa van sete anos de mentiras e escusas do PP para non cumprir as promesas electorais.
  • Fixemos outras 11 preguntas máis, pero pouco podemos comentar porque o grupo de goberno ou non responde, ou responde con evasivas que non aportan ningún tipo de información. Por exemplo, preguntamos se este ano se vai celebrar a Festa da Dona, e non quixeron responder, alegando que iso o leva a concelleira de cultura, que non estaba presente no pleno, así que non sabían. Hai que lembrar que a Festa da Dona dende que a implantaron sempre se celebrou no mes de maio, e nos últimos anos escusábanse nas limitacións da pandemia, pero agora sabemos que o motivo real de non celebrarse é a falta de traballo e implicación do grupo de goberno.
Nota: durante a nosa intervención para queixarnos da forma de actuar do alcalde no levantamento de reparos suspensivos da secretaria, Víctor Estévez, vociferando contra os reparos e a secretaria (non estaba presente no pleno), levantouse alporizado e marchou do salón de plenos. Durante toda a lexislatura nunca se quedou ao punto de rogos e preguntas, para non ter que escoitar ao BNG. Exemplo de educación e señorío.