28 de xan. de 2020

Pleno Ordinario

O venres 31 de xaneiro de 2020 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión extraordinaria do 18-10-2019.
  2. Aprobación da acta da sesión ordinaria do 25-10-2019.
  3. Expediente 491/2019. Recuperación do terreo sobrante de vía pública no lugar de Moureira, parroquia de Portas.
  4. Expediente 558/2019. Convenio de colaboración para a prestación do servizo de saneamento aos lugares de Penalta, Valsordo e Ameal do Concello de Caldas de Reis.
  5. Expediente 586/2019. Orzamento 2020.
  6. Moción do grupo do Bloque Nacionalista Galego pola recuperación da fonte pública e lavadoiro da Regueira en Fontenla-Cachada e do seu entorno (Lantaño).
  7. Correspondencia oficial.
  8. Decretos da Alcaldía do 01-09-2019 ao 31-12-2019.
  9. Período medio de pago 4º trimestre de 2019.
  10. Documentación Plan Concellos 2020.
  11. Rogos e preguntas.

24 de xan. de 2020

Moción pola Recuperación da fonte pública e lavadoiro da Regueira en Fontenla-Cachadas e do seu entorno (Lantaño)

O abaixo asinante Arturo N. Fontán Pérez, portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de Portas, ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte MOCIÓN para o seu debate e posterior aprobación, se procede, polo Pleno Municipal,
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A fonte e lavadoiro da Regueira é de propiedade pública, sen embargo, atópase en estado de abandono, algo que non é novo pois xa en outubro de 1998 os veciños do lugar de Fontenla-Cachadas presentaron un escrito solicitándolle ao concello de Portas a conservación da fonte-lavadoiro e que non permitise o seu traslado de lugar.
Sen embargo, nada se fixo ata que o 18 de febreiro de 2008 a fonte-lavadoiro da Regueira foi derrubada por un veciño do lugar, coa intención de trasladala, sen licenza de obra nin por suposto título de propiedade pero co consentimento verbal do goberno municipal.
As protestas veciñais e a presión da oposición fixeron rectificar a regañadentes ao goberno municipal e finalmente a fonte-lavadoiro da Regueira foi reconstruída, sen embargo, a obra non se realizou correctamente e presenta innumerables erros construtivos que provocan a filtración da auga do manancial por numerosas fugas.
O grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas considera necesario actuar á maior brevidade posible para recuperar a fonte pública e lavadoiro da Regueira e o seu entorno que é un patrimonio público que debe ser respectado.
É por isto que presenta esta moción e solicita o voto favorable do Pleno da Corporación municipal de Portas para a adopción dos seguintes
ACORDOS
  • delimitar os terreos públicos da fonte-lavadoiro da Regueira para garantir a súa conservación e acceso libre e público,
  • reparar a fonte-lavadoiro da Regueira eliminando as fugas do manancial e as filtracións dende o terreo inferior,
  • realizar unha campaña de analíticas da auga para garantir a calidade para o seu uso e consumo,
  • acometer a retirada dos recheos que impiden o desaugadoiro natural da fonte-lavadoiro e das augas de choiva polo regato da Regueira,
  • realizar un mantemento e limpeza periódico da fonte-lavadoiro e do seu entorno.

Portas, a 24 de xaneiro de 2020

Antes da intervención dos veciñ@s. 

Despois da intervención dos veciñ@s o 6 de outubro.

20 de xan. de 2020

Convocatoria da asemblea de Portas

O venres 24 de xaneiro ás 21:30 h. celebrarase unha asemblea no Centro Cultural de Romai. Asuntos a tratar:

  • Andaina.
  • Boletín informativo
  • Organización.
  • Asuntos varios.
Como sempre están convidad@s tod@s @s simpatizantes e amig@s.