26 de out. de 2018

Sen Pleno de outubro porque o PP presenta ao seu candidato


O ALCALDE NON CONVOCA O PLENO ORDINARIO DE OUTUBRO PORQUE O PP PRESENTA AO SEU CANDIDATO
Hoxe venres 26 de outubro ás 19:30 h. debería celebrarse un pleno ordinario segundo o acordo plenario de 10 de xullo de 2015 (pleno de organización) aprobado con 7 votos a favor de PP e VUP e 4 abstencións de BNG-Asembleas Abertas (a imaxe é un extracto da acta dese pleno). O pleno non se celebrará porque o Alcalde non o convocou.
Segundo informacións xornalísticas publicadas, hoxe o Partido Popular organiza un acto de presentación do seu candidato á Alcaldía de Portas para as vindeiras eleccións municipais de 2019, motivo polo cal non foi convocado o pleno ordinario que debería terse celebrado hoxe.
O Partido Popular parasita as institucións e úsaas ao seu antollo e conveniencia, incumplindo acordos plenarios para substituír reunións do Pleno por actos partidistas.
O discurso de Víctor Estévez durante a súa investidura invitando a todos os veciños e veciñas de Portas á sede do Partido Popular non foi un lapso, foi unha vez máis unha mostra aberta da forma de entender a democracia do Partido Popular, na que antepoñen sen complexos os intereses de partido aos da veciñanza.