30 de xan. de 2021

Resume do pleno do venres 29 de xaneiro de 2021

  • O PXOM volveu a vir a pleno para aprobalo provisionalmente. Trámite que xa se fixera en outubro de 2019, pero a Xunta devolveuno polas deficiencias que lle atopou. A nova versión que o PP presentou onte ten decenas de modificacións de calado que afectan a gran parte dos núcleos do concello, pero non corrixiron os múltiples erros que o BNG denunciou xa en 2019, nin aceptaron a nosa proposta de expoñelo publicamente. PP e VUP votaron a favor. BNG e PSdG votamos en contra.
  • Somos o único concello sen planeamento e as consecuencias fanse máis evidentes cos confinamentos perimetrais. O concello de Portas carece de tecido empresarial e comercial, así que os veciños e veciñas vense obrigados a saír fóra para mercar o máis básico. Non ter comercio local non é casualidade nin mala sorte, é consecuencia de décadas perdidas sen planificación nin planeamento. Compárese con calquera concello do arredor.

  • Dende que se comezou a elaborar este PXOM, alá por novembro de 2008, o PP NUNCA aceptou ningunha reunión co BNG para falar do PXOM, nin con Roberto Vázquez, nin con Víctor Estévez, nin con Ricardo Martínez. En 12 anos e 2 meses nin quixeron nin tiveron tempo para falar co BNG.
  • En breve faremos público un documento enumerando algúns dos máis graves erros deste PXOM.
  • O concello de Portas adheriuse a un convenio coa Xunta de Galicia para tramitar sancións por incumprimentos das medidas sanitarias contra a Covid-19. Preguntamos cantos expedientes sancionadores hai actualmente abertos en Portas pola Covid que motivasen ter que pedirlle axuda á Xunta para tramitar as sancións e o Alcalde non soubo responder nin sequera de forma aproximada.
  • Modificouse a periodicidade dos plenos. En lugar de celebrarse cada 3 meses, volverán a ser cada 2 meses como na época de Roberto Vázquez.
  • En todo 2020 só tivemos 2 plenos onde poder preguntar, así que no punto da orde do día de rogos e preguntas tiñamos moitas cuestións que formular.
  • Preguntamos por facturas a nome de “Viravolta Comunicacións S.L.” que atopamos entre os listados de centos de facturas dos últimos meses que nos entregaron, e resulta que o alcalde contratou a dedo a unha empresa para SERVIZO DE PRENSA. Cartos municipais para publicidade e sen informar nin á veciñanza nin á oposición.
  • Faltando 6 meses para as eleccións municipais o alcalde púxose un soldo municipal de 35.500€ para dedicarse a tempo completo á campaña electoral, e agora que xa é alcalde contrata un servizo de prensa para autobombo e manterse no poder. Todo con cartos dos contribuíntes.
  • Preguntamos por outra factura rara e resulta que o PP quere construír un aparcadoiro para autocaravanas na finca da Azucreira xunto á Escola Infantil, e que poidan descargar alí as augas negras das autocaravanas.
  • O concello vai acometer o cambio de herba artificial do campo de fútbol da Rapeira con cartos do Plan Concellos da Deputación. A obra xa acumula máis dun ano de retraso dende que o concello ten os cartos á súa disposición.
  • O concello vai inaugurar en breve dúas pistas de pádel cun custo de 46.971,82€, construídas sobre a pista de tenis da Azucreira que á súa vez fora inaugurada en outubro de 2010 cun custo xa por entón de 44.660,64€. Non hai ningunha instalación deportiva nin en Briallos nin en Lantaño, pero desfán unha pista de tenis en Portas para facer dúas pistas de pádel, que ademais de non ser algo prioritario, mercan as máis caras posibles (aptas para o World Padel Tour). A obra foi adxudicada a unha empresa que logo subcontratou a obra a outra empresa. Negocios para beneficio dalgúns mentres o colexio segue sen o novo patio cuberto que precisa.
  • Preguntamos por que está sen aprobar o orzamento de 2021, incumprindo a lei, agora que non lles vale a escusa de non ter maioría absoluta, e o alcalde só alcanzou a dicir: “pronto”.
  • Preguntamos en que teñen pensado gastar os cartos do Plan Concellos da Deputación deste ano. A contestación de Ricardo foi que non saben aínda.
  • Preguntamos polo servizo de urbanismo do concello despois de que a arquitecta actual denunciase ao concello. Segundo o alcalde, o contrato actual da arquitecta está próximo a rematar pero aínda non saben que van facer. O BNG solicitamos que se convoque unha oposición para cubrir a praza de arquitecto/a municipal. O servizo de urbanismo actualmente está sobrecargado de traballo. Por exemplo, estase tardando máis dun ano en conceder licenza para construír unha casa nova, ou denuncias de febreiro de 2014 ás que se lle está abrindo expediente en decembro de 2020, ou ata tres ordes de demolición asinadas pola Alcaldía que varios anos despois están sen executar, ...

26 de xan. de 2021

Pleno Ordinario

O venres 29 de xaneiro de 2021 ás 21:00 h. celebrarase un pleno ordinario na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior extraordinaria de 27-11-2020.
  2. Expediente 86/2018. Aprobación provisional Plan Xeral de Ordenación Municipal.
  3. Expediente 661/2020. Ratificación da Resolución de Alcaldía de adhesión o Convenio entre a Xunta de Galicia e FEGAMP para a tramitación dos procedementos sancionadores en relación co incumprimento das medidas de prevención para a loita contra o COVID-19.
  4. Expediente 42/2021. Modificación da periodicidade das sesións dos órganos colexiados.
  5. Dación de contas Decretos de Alcaldía dende 27-10-2020 o 26-01-2021.
  6. Rogos e preguntas.



20 de xan. de 2021

Convocatoria Comisión de Urbanismo, Obras, Servizos, Vivenda, Solo e Medio Ambiente

O venres 22 de xaneiro de 2021 ás 21:00 h. celebrarase unha reunión da Comisión de Urbanismo, Obras, Servizos, Vivenda, Solo e Medio Ambiente na Casa do Concello coa seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión extraordinaria anterior de data 23 de novembro de 2020.
  2. Expediente 86/2018. Aprobación provisional Plan Xeral de Ordenación Municipal.